DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2024 Páx. 14688

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2024, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Porto do Son (expediente IN407A 2023/227-1).

Expediente: IN407A 2023/227-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación do proxecto: LMT, CT e RBT Abuín.

Concello: Porto do Son.

Feitos:

– O día 28.4.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

– O Acordo foi asinado o día 31 de xullo de 2023, publicado no BOP o día 4 de agosto de 2023, no DOG o día 23 de agosto de 2023, no xornal La Voz de Galicia o día 17 de agosto de 2023 e exposto no taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal de data 24 de agosto de 2023.

– O día 3 de outubro de 2023 UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita a desistencia da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, e que se prosiga coa tramitación regulamentaria para a autorización administrativa previa e de construción para o proxecto LMT, CT e RBT Abuín, concello de Porto do Son.

1. Co obxecto de mellorar a calidade da subministración eléctrica por mor de reclamacións por subtensións presentadas no lugar de Abuín, parroquia de Baroña (San Pedro), concello de Porto do Son, proxéctase a instalación dun centro de transformación prefabricado de 160 kVA, unha liña de media tensión soterrada que o conectará coa liña de distribución de media tensión LMT PDS804 (expediente 188/2000), procedente da subestación Porto do Son, e a súa conexión coa rede de baixa tensión existente.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

1. Proxecto de execución denominado LMT, CT e RBT Abuín, asinado o 6.2.2023 por Javier Fernández Pazos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, con número de colexiado 502 de Ourense.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladóuselles unha separata do proxecto ás entidades afectadas, na parte en que a instalación puider afectar a bens e dereitos ao seu cargo. A separata contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Así, solicitouse o informe preceptivo ao concello de Porto do Son, AXI, Augas de Galicia e Patrimonio Cultural.

A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos (AXI).

4. O día 28.12.2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4.7.2022), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25.5.2023) consonte coa disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23.6.2023).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

– As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de Abuín, no concello de Porto do Son, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 20 kV, de 595 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm² Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio proxectado tipo C-2000/14 en Lamas S/N na LMT PDS804 (expediente 188/2000), procedente da subestación Porto do Son, e remate no CTC proxectado. O condutor discorrerá entubado por canalización baixo terra e calzada.

– LMTA: Instalación dun ITC no apoio proxectado na LMT PDS804.

– CT no lugar de Abuín compacto prefabricado tipo rural, cunha potencia de 160 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 22 de xaneiro de 2024

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña