DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2024 Páx. 14236

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Paradela-005, sito nos concellos de Bóveda, O Saviñao, Paradela e Sarria (Lugo) e promovido por Green Capital 84, S.L.U. (IN408A 2019/005).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previas e de construción do parque eólico Paradela, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 4.1.2019, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Paradela, sito nos concellos de Bóveda, O Saviñao, Paradela e Sarria (Lugo).

Segundo. O 20.2.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 5.3.2019, o promotor achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 6.5.2021, Green Capital Power, S.L. presentou a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto do parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente en forma xeral no cambio de posición dos aeroxeradores e da subestación do parque. O 15.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Cuarto. O 25.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe ao que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

Quinto. O 17.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, no que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Sexto. O 14.3.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Paradela á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

Sétimo. Mediante o Acordo do 6 de abril de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico), en relación co proxecto do parque eólico Paradela, nos concellos de Paradela, Bóveda, Sarria e O Saviñao (expediente IN408A 2019/005).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 19 de abril de 2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Paradela, Bóveda, Sarria e O Saviñao), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Dirección Xeral de Estradas, Deputación Provincial de Lugo, Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD), Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., os concellos de Bóveda, Paradela, Sarria e O Saviñao.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Deputación de Lugo o 26.4.2022, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional o 25.4.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 23.6.2022, UFD o 12.4.2022, Retegal, S.A. o 6.5.2022 e Retevisión o 5.5.2022.

Retegal emitiu o 5.5.2023 un condicionado relativo ao parque eólico propoñendo o desprazamento dos aeroxeradores PA-04 e PA-05, de tal xeito que na súa posición máis desfavorable libere a liña vista entre os núcleos e o centro emisor. O promotor prestou a súa conformidade ao condicionado emitido.

Retevisión I, S.A.U. emitiu o 6.5.2023 un condicionado relativo ao parque eólico. O 3.6.2023 o promotor achega un acordo asinado coa empresa Retevisión I, S.A.U. con data do 2.6.2023 no que se comprometen a executar o parque eólico mantendo a calidade do sinal. Ambas as partes comprométense a asinar un posterior contrato no que regulen de forma definitiva e detalladamente a solución técnica consensuada e o prazo de execución.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Noveno. O 9.8.2023, Green Capital Development 84, S.L.U. solicita a transmisión de titularidade e por Resolución do 11.9.2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorízase a transmisión de titularidade do expediente parque eólico Paradela de Green Capital Power, S.L. a favor de Green Capital Development 84, S.L.U.

Décimo. O 7.9.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Paradela (expediente IN408A 2019/005), promovido por Green Capital Power, S.L. e por Resolución do 25 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Paradela (nº expediente IN408A 2019/005), promovido por Green Capital Power, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo primeiro. Con data do 6.10.2022 a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, aos concellos de Bóveda, Paradela, Sarria e O Saviñao, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cuberta a tramitación ambiental, o 2.10.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 2 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 195, do 13 de outubro).

Décimo terceiro. Por Resolución do 11.9.2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente parque eólico Paradela, sito nos concellos de Paradela, Bóveda, Sarria e O Saviñao (Lugo), titularidade de Green Capital Power, S.L.U., a favor de Green Capital Development 84, S.L.U. (expediente IN408A 2019/005).

Décimo cuarto. O 18.10.2023, o promotor achega unha solicitude para a modificación da denominación do proxecto do parque eólico Paradela a parque eólico Paradela-005 para evitar confusión con outro parque homónimo xa en funcionamento propiedade doutra empresa.

Décimo quinto. O 20.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo sexto. O 13.11.2023, a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achegou o proxecto de execución refundido parque eólico Paradela-005 31,50 MW, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias, no que se recolle a configuración final do parque, e se incorporan os cambios consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública, o shape final das infraestruturas do parque eólico Paradela, as separatas para Enel Green Power España, S.L.U., a Deputación de Lugo, o Concello de Paradela, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Retegal, así como unha declaración responsable na que manifesta «esta sociedade quere manifestar que non son necesarias novas separatas para os seguintes organismos: Dirección Xeral de Telecomunicacións, Retevisión, concellos de Bóveda, O Saviñao e Sarria, IGN e UFD».

A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, con data do 24.11.2023, aos seguintes organismos e empresas de servizo público, Deputación de Lugo, Concello de Paradela, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundidas do parque eólico, e o 27.11.2023 a Retegal e a Enel Green Power España, S.L.U.

O 27.12.2023, Retegal emitiu un informe no que indican que non existen afectacións e considera necesario emitir o seguinte condicionado técnico:

«Calquera modificación realizada antes, durante o despois da execución do proxecto na localización dos aeroxeradores, será obxecto de aprobación por Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., coa finalidade da analizar calquera eventual afectación.

En todo caso, o titular/promotor, unha vez realizada a instalación, efecguará unha campaña de medidas de cobertura da TDT nas localidades da contorna, coa finalidade de verificar a existencia de afeccións negativas por causa do multitraxecto derivado das reflexións dos sinais ou derivadas de instalacións realizadas en coordenadas diferentes das facilitadas.

No suposto de que a afectación supoña a perda ou degradación da recepción do sinal de TDT a un número relevante de persoas, a promotora debería de poñer os medios necesarios ou adoptar algunha solución de extensión de cobertura, que permita restablecer a correcta recepción dos sinais TDT».

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo sétimo. O 24.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Lugo un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, e achegou como documentación o proxecto mencionado no antecedente de feito anterior e o arquivo shape presentados polo promotor o 13.11.2023.

Décimo oitavo. O 11.12.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu un informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito décimo cuarto.

Décimo noveno. Esta dirección xeral detectou un erro tipográfico na coordenada do vértice P3-X da poligonal, sen influencia nas afeccións do proxecto, que se trasladou tanto na declaración de impacto ambiental do 2.10.2023, como na información pública. A coordenada correcta, segundo consta no proxecto refundido elaborado pola promotora, mencionado no antecedente de feito décimo sexto, é a indicada no Resolvo desta resolución.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 23,1 MW, segundo o informe do xestor da rede do 4.3.2021 e 30.8.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación) (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro) e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 14.12.2023 a xefatura territorial remitiu un informe complementario de tramitación no que se recollen as respostas destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«1. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “toramento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental (punto 10. Estudo de impactos acumulativos e sinérxicos) cunha zona de estudo nun raio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013, cando di que “… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto medioambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias medioambientaiS”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, ao reducir as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que entende por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Paradela contará cunha liña aérea de evacuación da enerxía eléctrica de 48 metros de lonxitude, terá un único apoio de celosía metálica e un cable de terra e fibra óptica.

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 2.10.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública, a Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Paradela e Sociedade Galega de Historia Natural.

3. En relación coas afeccións a elementos arqueolóxicos do patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informes o 2.11.2022 e o 4.9.2023. No primeiro deles, solicitouse ao promotor que completase a documentación para poder determinar a correcta conservación e protección do patrimonio cultural. Tras a análise da documentación complementaria achegada polo promotor, emítese o segundo informe que se mostra desfavorable á localización do aeroxerador PA-05 (por afectar a contorna de protección da Medorra Pequena GA27042006). En resposta a este ultimo informe, o promotor presenta un escrito, o 14.9.2023, no cal acepta o contido do informe e sinala que procederá a eliminar a posición PA-05 e as súas infraestruturas asociadas. A este mesmo respecto, na DIA emitida con data do 2.10.2023 confírmase o dito cambio, de xeito que se eliminará o aeroxerador mencionado.

4. En relación coa afección ao medio hídrico, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) emitiu informe favorable condicionado o 30.9.2022, e estableceu as cuestións para considerar antes da execución do proxecto.

5. Con respecto á posible vulneración das normas de conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural no seu informe respecto do Estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Paradela e da posterior addenda a este, con data do 9.8.2023 que “á vista dos antecedentes e da análise da documentación presentada se considera que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade e, por tanto, emítese informe favorable, supeditado a que se autorice coas condicións detalladas”.

En relación cos efectos sinérxicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural analiza e valora os posibles efectos acumulativos e sinérxicos do parque a raíz da confluencia na mesma área de desenvolvemento eólico (ADE) de máis instalacións eólicas. Segundo a análise da documentación presentada, esta Dirección Xeral conclúe que o presente proxecto non provoca efectos sinérxicos incompatibles no ámbito das súas competencias.

6. No que respecta aos posibles prexuízos significativos e incompatibles coa paisaxe e co turismo e as posibles afeccións paisaxísticas, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio (IET) con datas do 11.5.2022 e do 8.7.2022, en relación co impacto e integración paisaxística, no cal se conclúe que principal impacto paisaxístico será a incidencia visual dos aeroxeradores, engadindo que non supón un impacto crítico e que pode ser mitigada coas medidas correctoras propostas na documentación achegada polo promotor; ademais indica que as medidas preventivas e correctoras previstas no EIIP e na documentación achegada poden considerarse, en xeral, adecuadas para reducir ou mitigar os impactos sobre a paisaxe.

7. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal emitiu informes en datas do 26.4.2022 e do 6.5.2022 nos que indica que as infraestruturas do parque eólico non afectan montes veciñais en man común e que unha zona da poligonal inclúe o MVMC de Bosque, Serra Lagüela, Gandarón e Cabaleirón, polo que propón a modificación da poligonal para que exclúa a afección ao MVMC e evitar a modificación da clasificación urbanística. Finalmente, sinala que non existen valores forestais relevantes nin formacións forestais do anexo I da Lei 7/2012, de montes de Galicia, dentro da zona de afección e que non existe convenio e/ou consorcio coa Administración forestal nin outras cuestións relevantes, polo que o sentido do seu informe é favorable.

8. Asemade, en relación aos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

9. En relación coa alegación por afección sobre explotación avícola existente no momento de solicitude da DUP do Parque Eólico, a empresa proporá o alugueiro das parcelas afectadas aos propietarios, tratando da atopar solucións favorables para todas as partes implicadas. Con respecto ao pozo de abastecemento de augas, no caso de existir algún tipo de afección ao devandito pozo, a promotora tomará as medidas necesarias para o correcto funcionamento deste.

10. Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico cómpre indicar que esta acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009.

11. No que respecta ás alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a promotora deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación.

12. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 17.11.2021.

13. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e que resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia se entenderá aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Polo que atinxe ás alegación presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 2.10.2023, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 24/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto».

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Paradela, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 2.10.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Paradela.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Paradela, sito nos concellos de Bóveda, O Saviñao, Paradela e Sarria (Lugo) e promovido por Green Capital Development 84, S.L.U., para unha potencia de 23,1 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Paradela, composto polo documento «Parque Eólico Paradela-005 31,50 MW» asinado electronicamente o 9.11.2023 por Marta Gómez Sánchez e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias con nº 20231913V o 13.11.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Capital Development 84, S.L.U.

Enderezo social: paseo do Club Deportivo, 1, Edificio 13, Pozuelo de Alarcón, 28223 Madrid.

Denominación: parque eólico Paradela.

Potencia instalada: 31,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 23,1 MW.

Produción neta: 78.484 GWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.492 h.

Concellos afectados: Bóveda, Paradela, Sarria e O Saviñao (Lugo).

Orzamento de execución material (sen IVE): 33.194.077,86 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

P1

613.000,00

4.731.535,13

P2

619.456,72

4.731.622,81

P3

621.349,69

4.725.900,00

P4

613.000,00

4.725.900,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

PA-01

614.250,00

4.729.569,00

PA-02

614.523,00

4.729.160,00

PA-03

615.673,00

4.728.371,00

PA-04

616.090,00

4.730.414,00

PA-06

619.645,00

4.728.686,00

PA-07

620.058,00

4.728.318,00

Coordenadas da subestación:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET

615.114,01

4.730.202,81

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM-BB

619.723,00

4.728.275,00

As coordenadas do apoio:

Apoio

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

AP01

615.100,06

4.730.277,34

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 6 aeroxeradores modelo Nordex Acciona N155 4,5 MW de 5.250 kW de potencia nominal unitaria cun diámetro de rotor de 155 m, montados sobre torres tubulares tronco-cónicas de 120 m de altura.

– 6 centros de transformación, instalados no interior da torre de cada un dos aeroxeradores, formados por transformadores de 5.350 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,69/30 kV, celas de media tensión de 30 kV e os correspondentes equipos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Unha rede eléctrica soterrada de 30 kV, conformada polos cables de MT, con condutor tipo RHZ1-2OL 18/30 kV, os cables de comunicación e os cables de terra, que unen os aeroxeradores entre si e coa subestación elevadora Paradela 005 220/30 kV, co obxecto de evacuar a enerxía xerada.

– Unha torre meteorolóxica de 120 m altura, con función de torre permanente do parque e capacidade autoportante.

– Unha subestación eléctrica elevadora Paradela 30/220 kV de intemperie, simple barra, constituída por:

• Un parque de intemperie, no que se instala unha posición liña-transformador en 220 kV con tecnoloxía convencional illada ao aire.

• Un transformador 30/220 kV de 35MVA.

• Un edificio de control que alberga as celas compactas de MT, blindadas e illadas en SF6 e elementos auxiliares.

– Unha liña aérea de alta tensión de 220 kV, que transporta enerxía xerada á subestación colectora de 220/30 kV, que, pola súa vez, está interconectada coa SE Belesar 220 kV (REE). Lonxitude do novo tramo aéreo, 48, ten o seu inicio no apoio AP1 que se vai instalar baixo a traza da LAT 220 kV, propiedade de ENEL, e o seu final nos pórticos da futura subestación transformadora Paradela 30/220 kV, localizándose no municipio de Paradela. Condutor 242-AL1/39-ST1A (LA-280/HAWK).

– Unha obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, cimentacións, plataformas dos aeroxeradores e gabias de cableado.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Development, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, propón o seguinte: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o presuposto de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración da que se propón que o 40 % corresponderá a fase de obras e o 60 % á de desmantelamento do parque eólico». Proponse a cantidade de 580.900 euros, dos cales 232.358 corresponden á fase de obras e 348.537 á de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, con data do 2.10.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e a Dirección Xeral de Saúde Pública de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA).

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización de Redes de Telecomunicación Galega, S.A. (Retegal) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución, así como o contrato definitivo asinado con Retevisión I, S.A.U.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na Declaración de impacto ambiental do 2.10.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais