DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2024 Páx. 14255

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 3 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Paradela-005, sito nos concellos de Bóveda, O Saviñao, Paradela e Sarria (Lugo) e promovido por Green Capital 84, S.L.U. (expediente IN408A 2019/005).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 3 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Paradela-005.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Development, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático propón o seguinte: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o orzamento de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración da que se propón que o 40 % corresponderá á fase de obras e o 60 % á de desmantelamento do parque eólico». Proponse a cantidade de 580.900 euros, dos cales 232.358 corresponden á fase de obras e 348.537 á de desmantelamento e abandono do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 2.10.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Saúde Pública de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Agencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización de Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución, así como o contrato definitivo asinado con Retevisión I, S.A.U.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 2.10.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 4.1.2019, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Paradela, sito nos concellos de Bóveda, O Saviñao, Paradela e Sarria (Lugo).

2. O 20.2.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 5.3.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. O 6.5.2021, Green Capital Power, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto do parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente en forma xeral no cambio de posición dos aeroxeradores e da subestación do parque. O 15.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

4. O 25.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

5. O 17.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega, respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

6. O 14.3.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Paradela á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33 da Lei 8/2009.

7. Mediante o Acordo do 6 de abril de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico), en relación co proxecto do parque eólico Paradela, nos concellos de Paradela, Bóveda, Sarria e O Saviñao (expediente IN408A 2019/005).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 19.4.2022 (DOG núm. 74). Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Paradela, Bóveda, Sarria e O Saviñao), e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Dirección Xeral de Estradas, Deputación Provincial de Lugo, Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD), Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal), Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., concellos de Bóveda, Paradela, Sarria e O Saviñao.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Deputación de Lugo o 26.4.2022, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional o 25.4.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 23.6.2022, UFD o 12.4.2022, Retegal, S.A. o 6.5.2022 e Retevisión o 5.5.2022.

Retegal emitiu o 5.5.2023 condicionado relativo ao parque eólico propoñendo o desprazamento dos aeroxeradores PA-04 e PA-05 de tal xeito que na súa posición máis desfavorable libere a liña vista entre os núcleos e o centro emisor. A promotora prestou a súa conformidade ao condicionado emitido.

Retevisión I, S.A.U. emitiu o 6.5.2023 condicionado relativo ao parque eólico. O 3.6.2023, a promotora achegou o acordo asinado coa empresa Retevision I, S.A.U. do 2.6.2023, en que se comprometen a executar o parque eólico mantendo a calidade do sinal. Ambas as partes comprométense a asinar un posterior contrato en que regulen de forma definitiva e detalladamente a solución técnica consensuada e o prazo de execución.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

8. O 9.8.2023, Green Capital Development 84, S.L.U. solicitou a transmisión de titularidade, e pola Resolución do 11.9.2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente parque eólico Paradela de Green Capital Power, S.L. a favor de Green Capital Development 84, S.L.U.

9. O 7.9.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Paradela (expediente IN408A 2019/005), promovido por Green Capital Power, S.L. e pola Resolución do 25 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Paradela (expediente IN408A 2019/005), promovido por Green Capital Power, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

10. Con data do 6.10.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, concellos de Bóveda, Paradela, Sarria e O Saviñao, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 2.10.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 2 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 195, do 13 de outubro).

12. Pola Resolución do 11.9.2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente parque eólico Paradela, sito nos concellos de Paradela, Bóveda, Sarria e O Saviñao (Lugo), titularidade de Green Capital Power S.L.U, a favor de Green Capital Development 84, S.L.U. (expediente IN408A 2019/005).

13. O 18.10.2023, a promotora achegou unha solicitude para a modificación da denominación do proxecto do parque eólico Paradela a parque eólico Paradela-005 para evitar confusión con outro parque homónimo xa en funcionamento propiedade doutra empresa.

14. O 20.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

15. O 13.11.2023, a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior achegando o proxecto de execución refundido parque eólico Paradela-005 31,50 MW, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias, en que se recolle a configuración final do parque incorporando os cambios consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública, o shape final das infraestruturas do parque eólico Paradela, separatas para Enel Green Power España, S.L.U., Deputación de Lugo, Concello de Paradela, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Retegal, así como unha declaración responsable en que manifesta «esta sociedade quere manifestar que non son necesarias novas separatas para os seguintes organismos: Dirección Xeral de Telecomunicacións, Retevisión, concellos de Bóveda, O Saviñao e Sarria, IGN e UFD».

A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles con data do 24.11.2023, á Deputación de Lugo, ao Concello de Paradela e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundidas do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público, e o 27.11.2023 a Retegal e a Enel Green Power España, S.L.U.

16. O 27.12.2023, Retegal emitiu un informe en que indica que non existen afectacións e considera necesario emitir o seguinte condicionado técnico:

«1. Calquera modificación realizada antes, durante ou despois da execución do proxecto na localización dos aeroxeradores, será obxecto de aprobación por Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) coa finalidade de analizar calquera eventual afectación.

2. En todo caso, o titular/promotor realizará, unha vez realizada a instalación, unha campaña de medidas de cobertura da TDT nas localidades do contorno, coa finalidade de verificar a existencia de afeccións negativas por causa do multitraxecto derivado das reflexións dos sinais ou derivadas de instalacións realizadas en coordenadas diferentes das facilitadas.

3. No suposto de que a afectación supoña a perda ou degradación da recepción do sinal de TDT a un número relevante de persoas, a promotora debería poñer os medios necesarios ou adoptar algunha solución de extensión de cobertura que permita restablecer a correcta recepción dos sinais TDT».

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

17. O 24.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Lugo un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, achegando como documentación o proxecto mencionado no antecedente de feito anterior e o arquivo shape presentados pola promotora o 13.11.2023.

18. O 11.12.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito décimo cuarto.

19. Esta dirección xeral detectou un erro tipográfico na coordenada do vértice P3-X da poligonal, sen influencia nas afeccións do proxecto, que se trasladou tanto na declaración de impacto ambiental do 2.10.2023, como na información pública. A coordenada correcta, segundo consta no proxecto refundido elaborado pola promotora, mencionado no antecedente de feito décimo sexto, é a indicada no resolvo da resolución.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 23,1 MW, segundo o informe do xestor da rede do 4.3.2021 e do 30.8.2022.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais