DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2024 Páx. 14229

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 17 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Bretoña, sito nos concellos da Pastoriza, Riotorto e Mondoñedo, promovido por Norvento, S.L.U. (expediente IN408A 2020/107).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 17 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Bretoña.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Bretoña, sito nos concellos da Pastoriza, Riotorto e Mondoñedo (Lugo), promovido por Norvento, S.L.U., para unha potencia de 3 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O número 4.1.6 da declaración de impacto ambiental sinala: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o orzamento de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, da cal se propón que o 40 % corresponderá á fase de obras e o 60 % á de desmantelamento do parque eólico». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 38.165 euros, dos cales 15.266 euros corresponderán á fase de obras e 22.899 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no número 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 28.8.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no número 4 da DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, obtendo os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 10.7.2020 Norvento, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a aprobación do proxecto sectorial (actual proxecto de interese autonómico) e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

2. O 18.12.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 23.12.2020 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 10.3.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), en que indica o procedemento ambiental que se seguirá e os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

4. O 29.4.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que o aeroxerador cumpre as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

5. O 20.8.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Bretoña á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación) de Lugo (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

6. Mediante o Acordo do 30 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto do parque eólico Bretoña, nos concellos de Riotorto, A Pastoriza e Mondoñedo (Lugo).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 19.10.2021. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Riotorto, A Pastoriza e Mondoñedo) e permaneceu exposto na xefatura territorial, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

7. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Mondoñedo, Concello da Pastoriza, Concello de Riotorto, Retegal e Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal (26.10.2021) e Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. (27.10.2021).

O promotor prestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Así mesmo, a promotora solicitou o 25.1.2021 o correspondente condicionado técnico á Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

O 25.5.2021, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

8. O 27.6.2022 a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Mondoñedo, Concello da Pastoriza e Concello de Riotorto.

Formalizada a tramitación ambiental, o 28.8.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública polo Anuncio do 29 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Bretoña, nos concellos da Pastoriza, Mondoñedo e Riotorto, Lugo (DOG nº 172, do 11 de setembro).

10. O 15.9.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

O 19.9.2023 Norvento, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico.

11. O 10.11.2023 a Xefatura Territorial de Lugo fixo un requirimento ao promotor sobre o contido dos proxectos técnicos administrativos, en concreto do proxecto de execución asinado o 19.9.2023 por Pablo María Fernández Castro. Norvento, S.L.U. contestou o dito requirimento o 10.11.2023, xunto cun novo proxecto de execución do parque eólico Bretoña V04.00 (novembro 2023), asinado o 10.11.2023 por Pablo María Fernández Castro, incluíndo declaracións responsables do técnico redactor de cumprimento da normativa aplicable, de técnico competente e de que as separatas presentadas por Norvento para o parque eólico Bretoña seguían sendo válidas e representativas do proxecto denominado Proxecto de execución do parque eólico Bretoña V04.00 (novembro 2023), xa que nesta última versión non se modifican as afeccións sobre as que se informou durante a tramitación do expediente.

O 13.11.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, asinado o 10.11.2023 por Pablo María Fernández Castro.

12. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 3 MW, segundo os informes do xestor da rede Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. do 1.7.2020 e o informe sobre a aceptabilidade do acceso de Red Eléctrica de España do 5.2.2021.

13. O 17.11.2023 Norvento, S.L.U. achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Santiago de Compostela, 17 novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais