DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2024 Páx. 14205

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Bretoña, sito nos concellos da Pastoriza, Riotorto e Mondoñedo, promovido por Norvento, S.L.U. (expediente IN408A 2020/107).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Bretoña, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 10.7.2020, Norvento, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a aprobación do proxecto sectorial (actual proxecto de interese autonómico) e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

Segundo. O 18.12.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 23.12.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 10.3.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), en que indica o procedemento ambiental que se debe seguir e os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

Cuarto. O 29.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que o aeroxerador cumpre as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Quinto. O 20.8.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Bretoña á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación) de Lugo (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

Sexto. Mediante o Acordo do 30 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto do parque eólico Bretoña, nos concellos de Riotorto, A Pastoriza e Mondoñedo (Lugo).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 19.10.2021. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Riotorto, A Pastoriza e Mondoñedo) e permaneceu exposto na xefatura territorial, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Mondoñedo, Concello da Pastoriza, Concello de Riotorto, Retegal e Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal (26.10.2021) e Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. (27.10.2021).

O promotor prestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Así mesmo, a promotora solicitou o 25.1.2021 o correspondente condicionado técnico á Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

O 25.5.2021, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Oitavo. O 27.6.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Noveno. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Mondoñedo, Concello da Pastoriza e Concello de Riotorto.

Cumprida a tramitación ambiental, o 28.8.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública polo Anuncio do 29 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Bretoña, nos concellos da Pastoriza, Mondoñedo e Riotorto (DOG nº 172, do 11 de setembro).

Décimo. O 15.9.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

O 19.9.2023, Norvento, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico.

Décimo primeiro. O 10.11.2023, a Xefatura Territorial de Lugo fixo un requirimento ao promotor sobre o contido dos proxectos técnicos administrativos, en concreto do proxecto de execución asinado o 19.9.2023 por Pablo María Fernández Castro. Norvento, S.L.U. contestou o dito requirimento o 10.11.2023, xunto cun novo proxecto de execución do parque eólico Bretoña V04.00 (novembro 2023), asinado o 10.11.2023 por Pablo María Fernández Castro, que inclúe declaracións responsables do técnico redactor de cumprimento da normativa aplicable, do técnico competente e de que as separatas presentadas por Norvento para o parque eólico Bretoña seguían sendo válidas e representativas do proxecto denominado proxecto de execución do parque eólico Bretoña V04.00 (novembro 2023), xa que nesta última versión non se modifican as afeccións sobres as que se informou durante a tramitación do expediente.

O 13.11.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, asinado o 10.11.2023 por Pablo María Fernández Castro.

Décimo segundo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 3 MW, segundo os informes do xestor da rede Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. do 1.7.2020 e o informe sobre a aceptabilidade do acceso de Red Eléctrica de España do 5.2.2021.

Décimo terceiro. O 17.11.2023, Norvento, S.L.U. achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data 9.11.2023, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a aquelas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 28.8.2023, onde se sinala que:

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite un informe no cal, logo de describir os antecedentes e feitos e as consideracións legais e técnicas, realiza un resumo do contido do EIA. A este respecto, sinala que como anexo nº 1 ao EIA recolle o estudo de impacto sobre o patrimonio cultural do parque eólico de Bretoña. Documento de avaliación de impacto, onde se documentan un total de 3 elementos do patrimonio cultural de carácter etnolóxico, non establecéndose medidas correctoras para ningún dos bens ao non se detectaren afeccións. No anexo nº 4, Estudo de impacto e integración paisaxística, indícase que o Camiño de Santiago do Norte-Ruta da Costa está a uns 5,5 km de distancia das infraestruturas polo que, segundo o dito anexo, non é posible a visibilidade do aeroxerador desde o trazado do Camiño.

Conclúe emitindo informe favorable sobre o EIA e sinala que se dedeberán levar a cabo as medidas correctoras establecidas no seu anexo nº 5 e ter en conta unha serie de consideracións e condicións.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural emite un primeiro informe sobre o EIA no cal, tras un resumo dos antecedentes e da descrición do proxecto, fai unha análise da documentación recibida. Sinala que a zona onde se proxecta a instalación non conta con ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais das recollidas na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, nin na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. A zona de actuación localízase dentro dos límites da reserva da biosfera Terras do Miño, na súa zona tampón; polo tanto, ten a consideración de área protexida por instrumentos internacionais. Non afecta ningunha zona húmida das recollidas no inventario de zonas húmidas de Galicia creado polo Decreto 127/2008, do 5 de xuño, nin se inclúe dentro das áreas prioritarias para avifauna ameazada e/ou zonas de protección da avifauna contra as liñas eléctricas de alta tensión, segundo o establecido na Resolución do 18 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Non está incluída dentro do ámbito de plans de recuperación ou conservación de especies protexidas, nin tampouco están presentes árbores ou formacións incluídas no Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras. Existen na área de actuación teselas de hábitats naturais de interese comunitario e/ou prioritarios e especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA).

Con respecto ás observacións efectuadas polo Servizo de Patrimonio Natural de Lugo, indica, entre outras, que na visita ao ámbito do proxecto os axentes apreciaron presenza de turbeira onde se pretende levar a cabo a vía de nova construción de acceso ao aeroxerador, visita na cal tamén constataron que non se atopa na zona o hábitat prioritario 4020. En canto ao réxime hídrico, sinalan que debido á proximidade do vieiro ao nacemento do rego do Turia, debe extremarse a protección nesa zona.

A continuación, a dirección xeral fai unha serie de observacións con respecto ao EIA. Avalía as posibles sinerxías con outros parques eólicos, concluíndo que o proxecto se sitúa nunha área onde se considera que un aumento da densidade de aeroxeradores non producirá efectos sinérxicos incompatibles.

Conclúe que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, e é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e se teñan en conta unha serie de consideracións listadas no seu informe. Entre outras, deberase comprobar que en ningunha das superficies de actuación se vexan afectadas superficies turbosas, e deberanse incorporar as seguintes medidas adicionais que garantan a minimización do impacto por colisión, con especial atención á alta densidade de quirópteros da zona:

Para os quirópteros:

De inicio, o parque eólico pode operar baixo as seguintes condicións: do 16 de outubro ao 31 de marzo, sen restricións as 24 horas do día, considerando que é pouco probable o voo de morcegos neste período. Do 1 de abril ao 15 de outubro, sen restricións desde o orto ata o ocaso. En cambio, do 1 de abril ao 15 de outubro, desde o ocaso ata o orto, os aeroxeradores deberán permanecer parados cando a velocidade do vento sexa inferior a 5 m/s. Para establecer unha programación diferente, deberá formularse de acordo coas especificacións técnicas establecidas no anexo V que se xunta no informe.

No plan de vixilancia ambiental informarase sobre os tempos en que a velocidade do vento foi inferior ao limiar establecido e a porcentaxe en que os aeroxeradores permaneceron parados por este motivo.

Para as aves:

Implementar tecnoloxías de redución do impacto por colisións como sistemas de detección baseados en vídeo (DtBird ou similar), que son sistemas que traballan de forma independente para facer un seguimento das aves e mitigar a mortalidade das rapaces nas localizacións de turbinas eólicas. O sistema detecta as aves automaticamente e pode adoptar dúas medidas sucesivas para mitigar o risco de colisión das aves: activar sons de alerta e, no caso de ser insuficiente, parar a turbina eólica. En todo caso, como medida disuasoria pasiva, débese pintar en negro unha das aspas de cada un dos aeroxeradores, polo menos en 2/3 desde a punta da pa.

O plan de vixilancia ambiental medirá a mortalidade observada neste parque e compararaa coa mortalidade dos parques lindeiros xa existentes (con aeroxeradores sen pintar) para informar se a medida é ou non eficaz, e para que especies.

Finaliza o informe coas condicións que se deberán aplicar para os plans de vixilancia ambiental no relativo ao control da mortalidade de aves e quirópteros por colisión en parque eólicos durante a fase de explotación.

O Instituto de Estudos do Territorio emite un primeiro informe no que, tras definir o marco legal, efectúa unha breve descrición do proxecto, do contido do EIA e das características da paisaxe afectada. Logo disto realiza unha análise do Estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP), dos efectos do proxecto sobre a paisaxe e das medidas de integración paisaxística propostas. Indica que o proxecto pretende implantar un aeroxerador ao carón do parque eólico Carracedo do mesmo promotor e de dimensións similares, valéndose dos camiños xa executados con ampliación para dar servizo á nova posición. Segundo o estudo de concas visuais, esta nova máquina apenas será visible desde os elementos da paisaxe da contorna; porén, prevese un maior impacto desde os núcleos de poboación máis próximos ao novo aeroxerador.

Conclúe que o EIIP non se axusta completamente ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008, polo que deberá completarse coa xustificación de como se incorporaron ao proxecto os obxectivos de calidade paisaxística e as determinacións das directrices da paisaxe para as unidades de paisaxe afectadas, cun estudo de visibilidade para determinar o impacto producido pola infraestrutura sobre os núcleos máis próximos e na adopción de medidas necesarias para reducir ou mitigar o impacto visual, no caso de que exista unha manifesta preocupación social.

O promotor achega un escrito de resposta acompañado polos documentos titulados Xustificación de incorporación ao proxecto dos obxectivos e determinacións das directrices de paisaxe. Parque eólico Bretoña. Novembro 2021, e Estudo de visibilidade desde núcleos máis próximos. Parque eólico Bretoña. Novembro 2021.

Nun segundo informe, o Instituto de Estudos do Territorio indica que coa nova documentación achegada poden darse por cumpridas as consideracións do seu primeiro informe. Sinala que en todo caso, de acordo co artigo 30.3 do Regulamento da Lei 7/2008, as medidas de integración paisaxística deberán quedar oportunamente recollidas no proxecto.

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico Occidental, logo dun breve resumo do proxecto, realiza unha serie de consideracións en relación coas súas competencias. Respecto da localización do proxecto, sinala que a masa de auga que pode verse afectada no seu ámbito competencial é o río Riotorto, masa considerada como zona de captación de auga superficial de abastecemento e zona protexida do río Eo e os seus afluentes, así como tramo de interese ambiental. A este respecto, indica que, debido á zona de implantación do parque eólico, podería afectarse a cabeceira do rego de Turia, pertencente á conca do río Riotorto. En canto ás augas subterráneas, o proxecto atópase parcialmente no ámbito da masa de auga subterránea denominada Eo-Navia-Narcea, que está incluída nas zonas de captación de auga subterránea para abastecemento.

Respecto do EIA, unha vez revisada a documentación presentada, non deducen que se vaian producir variacións nas afeccións e impactos sobre as augas polo parque eólico, polo que consideran que o proxecto, aplicando as medidas preventivas e correctoras axeitadas, non producirá un impacto significativo sobre o ámbito competencial dese organismo. Porén, indican que calquera obra ou traballo no dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e de policía, os aproveitamentos de augas superficiais ou subterráneas, así como a vertedura directa ou indirecta nas augas requirirán autorización administrativa previa do organismo de conca no ámbito territorial da súa competencia.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil inicia o informe cun resumo dos antecedentes e da descrición do proxecto. Sinala que, respecto das afeccións das instalación sobre a contorna, non existen cruzamentos coa rede hidrográfica nin se planean obras en zonas de servidume ou policía de augas. Segundo o documento presentado, o vieiro de acceso ao parque eólico sitúase moi próximo á divisoria de augas, a vertente sur desauga no regueiro da Portela, na demarcación hidrográfica Miño-Sil, e o aeroxerador e a plataforma sitúanse sobre a divisoria do vertente sur e norte, que desauga no rego de Turia, na demarcación Cantábrico Occidental.

En canto á localización do proxecto, comproban que a poligonal do parque eólico está parcialmente dentro da demarcación hidrográfica Miño-Sil, así como a práctica totalidade das pistas de nova execución, parte da gabia de cablaxe e o aeroxerador. Todas as obras están fóra da zona de leito, servidume ou policía. A poligonal engloba parte da reserva da biosfera Terras do Miño e existen concesións de auga na poligonal que deberán terse en conta para non verse afectadas.

Nas súas conclusións destacan varios artigos e partes da normativa de aplicación e establecen un amplo condicionado. Rematan cun punto sobre as disposicións normativas sectoriais de obrigado cumprimento.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior emite un informe en relación cos efectos derivados da vulnerabilidade do proxecto no que, tras a revisión da documentación achegada, considera que o risco de accidentes graves ou catástrofes é baixo.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite un primeiro informe no que avalía o posible impacto do proxecto sobre a saúde humana tendo en conta a caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos potenciais perigos, identificación das posibles vías de exposición, avaliación da necesidade de medición da exposición e do deseño dun estudo de avaliación de risco para a saúde do proxecto.

En canto á xeración de ruído, indica que o promotor presenta unha estimación teórica dos niveis de presión sonora durante a fase de obra e unha modelización do ruído durante a fase de funcionamento, así como os posibles efectos sinérxicos con outros parques eólicos, concluíndo, para cada un deses casos, que non se supera o limiar máximo establecido. Non presentan un estudo de ruído preoperacional, sinalando que se realizará antes do inicio de obras.

Respecto do efecto pestanexo de sombras, shadow flicker, o promotor presenta un estudo do potencial impacto tanto para o peor caso como para o caso real, que dá como resultado que ningún dos receptores analizados superan as 30 horas/ano para ningún dos casos. En canto ao posible efecto sinérxico cos parques da contorna, conclúe que non se produce tal efecto. De acordo cos resultados obtidos, non consideran necesario establecer medidas protectoras correctoras nin compensatorias nin establecer un plan de seguimento específico.

A dirección xeral conclúe que non se recolle información ou que esta é insuficiente para algúns aspectos que poden ter repercusións sobre a saúde da poboación, polo que considera oportuno que o promotor a complete. Entre outras, respecto do nivel acústico, require que se presente un estudo preoperacional de ruído que sirva como referencia nas poboacións da contorna do parque eólico. No tocante ao efecto pertanexo de sombras, indica que se deberá levar a cabo un seguimento específico durante o primeiro ano de explotación e o proxecto recollerá as medidas que haberá que aplicar no caso de superar o limiar de 8 h/ano para o caso real, segundo os criterios de avaliación desa dirección xeral recollidos no documento Alcance de estudo de impacto ambiental para parques eólicos.

O promotor dá contestación ao dito informe cun escrito ao que xunta o documento titulado Consideracións ao informe da Dirección Xeral de Saúde Pública. Parque eólico Bretoña. Novembro 2022, que, entre outras cuestións, inclúe un estudo preoperacional de ruído nas poboacións da contorna e acepta o límite de 8 horas/ano do efecto pestanexo de sombras.

Nun segundo informe, tras a análise da resposta do promotor, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable con respecto ás posibles afeccións ambientais do parque eólico no ámbito da saúde pública.

A Axencia de Turismo de Galicia emite un primeiro informe no que sinala a necesidade de presentar un estudo turístico que avalíe a situación actual e a repercusión que supón un novo parque eólico e no que sintetiza a información que debe ser incluída no dito estudo.

O promotor achega un escrito de contestación ao cal xunta o documento titulado Consideracións ao informe emitido pola Axencia Turismo de Galicia parque eólico Bretoña. Novembro 2021.

O segundo informe da Axencia de Turismo de Galicia conclúe que, dado o alcance das actuacións e segundo o estudo de impacto turístico achegado, o impacto que terá o parque eólico no turismo rural local, así como na súa contorna, será reducido.

Os concellos da Pastoriza, Mondoñedo e Riotorto non emitiron informe sobre o EIA. O órgano substantivo achegou unha copia da solicitude de informe efectuada pola unidade tramitadora.

Para todos os informes antes indicados constan no expediente escritos do promotor de conformidade ou de resposta ao seu contido.

No tocante a alegacións, no expediente recibido constan dúas alegacións: unha da Sociedade Galega de Historia Natural e outra do Sindicato Labrego Galego.

Unha parte do contido das alegacións non reviste carácter ambiental, pois refírese a cuestións alleas ao ámbito competencial do órgano ambiental (plan sectorial eólico urbanismo, etcétera). No que se refire exclusivamente aos aspectos ambientais (afeccións a recursos hídricos, afeccións forestais, vulneración da Directiva 92/43/CE, afeccións á fauna, efectos sinérxicos, etcétera), e sen prexuízo das aclaracións ou informacións achegadas polo promotor nas súas respostas ás ditas alegacións, as ditas alegacións refírense a cuestións que son tidas en conta polos correspondentes órganos competentes e recollidas neste mesmo punto da DIA, aos aspectos procedementais que se resumen no punto 2.1, ao condicionado do punto 4, ao programa de vixilancia e seguimento ambiental do punto 5 e, por último, ás consideracións do punto 6 respecto da viabilidade ambiental do proxecto sempre que se cumpran as condicións e medidas que se establecen ao longo desta DIA, ademais das que figuran no EIA e a restante documentación avaliada.

A declaración de impacto ambiental sinala tamén no punto Efectos acumulativos ou sinérxicos que:

O EIA inclúe no seu anexo nº 10 un estudo de efectos acumulativos considerando as posicións dos aeroxeradores, subestacións e outras infraestruturas dos parques eólicos en explotación, autorizados ou en tramitación próximos, ademais das infraestruturas de evacuación das ditas instalacións, así como outras liñas eléctricas existentes na contorna.

Estúdanse e valóranse os elementos nunha contorna de 5 km ao redor do aeroxerador para avaliar os efectos sobre o medio físico e biótico e 10 km para o caso de impacto visual. Identificáronse na zona de estudo un total de 14 parques eólicos, dos cales 5 se atopan a menos de 5 km do aeroxerador, ademais de 3 liñas de alta tensión.

No que respecta ao medio físico, os resultados teóricos indican que os niveis de ruído en todos os casos analizados cumprirán cos límites legais establecidos e a calidade do aire verase mellorada ao aumentar a produción de enerxía limpa.

En canto ao medio biótico, a instalación do parque eólico Bretoña implica un aumento do 0,04 % da afección de hábitats prioritarios, un efecto acumulativo moderado en canto á avifauna e compatible para quirópteros.

Respecto do medio perceptible, sinala que o incremento de superficie visible dentro da área de estudo de 10 km como consecuencia da construción do parque eólico aumentaría un 0,02 %. Destaca que o modelo de aeroxerador proposto mantén as mesmas dimensións respecto aos parques eólicos máis próximos, favorecendo a súa integración paisaxística.

Por último, valora os efectos socioeconómicos sobre o medio como impacto positivo. Conclúe que o proxecto de parque eólico Bretoña non presenta efectos acumulativos negativos de relevancia. A análise dos parámetros máis relevantes do proxecto mostra que as afeccións negativas producidas pola construción e explotación da instalación non supoñen efectos acumulativos ou sinérxicos que agraven a situación actual.

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou mais aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización de algúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Bretoña comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico Carracedo e o PE A Pastoriza, o que non impide que os parques teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

En relación coa afección ao medio hídrico, recóllese informe da demarcación hidrográfica afectada polo proxecto:

– A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) emitiu, con data 5.1.2022, informe condicionado en que solicitaba diversas aclaracións. No segundo informe, emitido o día 10.6.2022, sinala que se consideran adecuadas as aclaracións e manifesta que «se emite o presente informe favorable ao estudo de impacto ambiental e as aclaracións a este. Este enténdese en canto compete á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A. e non prexulga sobre a necesidade de obter informes doutros organismos».

– A Confederación Hidrográfica do Cantábrico, no seu informe emitido o día 7.12.2021, manifesta que: «Revisada a documentación presentada, dela non se deduce que vaian producirse variacións nas afeccións e impactos sobre as augas polo parque eólico Bretoña, polo que se considera que o proxecto, aplicando as medidas preventivas e correctoras propostas, que se consideran adecuadas, non producirá un impacto significativo sobre o ámbito competencial deste organismo».

No que respecta aos posibles prexuízos significativos e incompatibles coa paisaxe e co turismo e as posibles afeccións paisaxísticas, no expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio (IET) do 25.10.2021, no que se fan unha serie de requirimentos, e no segundo informe, do 23.12.2021, constátase que «Na contestación recibida ao anterior informe do IET, a empresa promotora achega a xustificación dos obxectivos de calidade paisaxística e das directrices de paisaxe de aplicación, así como unha análise da visibilidade desde os núcleos de poboación máis próximos xunto con montaxes fotográficas. Estes contidos veñen completar o EIIP do proxecto, polo que pode considerarse cumprido o disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008».

Consta tamén no expediente un informe de Turismo de Galicia, asinado polo xefe da Área de Obras e Mantemento, con data 11.10.2021, no que manifesta unha serie de consideracións e no segundo informe, emitido o 23.11.2021, conclúe «As afeccións a explotacións de parques eólicos que poidan desvirtuar ou alterar o contorno da súa localización, modificando claramente a súa orixinalidade tanto nas características que o definen como nos intereses turísticos particulares e xerais creados no contorno, é importante ter presente tamén criterios concretos nalgún dos casos imposibles de salvar, que serán respectados no cumprimento da normativa turística aprobada e tidos en conta e que tratan de fomentar non só os aspectos económicos da nosa Comunidade Autónoma senón tamén protexer a súa entidade como rexión histórica e diferenciada das demais, foco dun turismo diferenciado. Dado o alcance das actuacións que se pretende facer e segundo o estudo de impacto turístico achegado como documentación complementaria, pódese concluír que o impacto que terá o parque eólico Bretoña no turismo rural local, así como na súa contorna é REDUCIDO, e que deberá ser atenuado polas medidas compensatorias e correctivas que se inclúan na declaración de impacto ambiental».

En relación co órgano competente para resolver este procedemento, remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Asemade, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponde á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo da Propiedade Forestal emitiu informe favorable o 28.1.2022 sobre esta solicitude sempre que:

• O promotor realice un acto de disposición coa comunidade propietaria do monte, dos recollidos no título segundo do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de M.V.M.C.

Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, cómpre indicar que acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009.

No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 29.4.2021.

No que respecta ás alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a promotora deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación.

Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ás diferentes publicacións do acordo e da documentación obxecto da información pública. DOG número 201, publicado o 19 de outubro de 2021. El Progreso, 19 de outubro de 2021.

Así mesmo, o dito acordo e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos da Pastoriza, Mondoñedo e Riotorto e na Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares que figuraban na relación de bens e dereitos afectados.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos».

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Bretoña, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Bretoña, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Bretoña.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Bretoña, sito nos concellos da Pastoriza, Riotorto e Mondoñedo e promovido por Norvento, S.L.U., para unha potencia de 3 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Bretoña, composto polo documento «Proxecto de execución do parque eólico Bretoña V04.00 (Novembro 2023), asinado o 10.11.2023 por Pablo María Fernández Castro, con declaracións responsables do técnico redactor de cumprimento da normativa de aplicación e de titulación e atribucións requiridas, asinadas o 10.11.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.U.

Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, 23, 27003 Lugo.

Denominación: parque eólico Bretoña.

Potencia instalada: 3 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 3 MW.

Produción neta: 13.277 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 4.426 h.

Concellos afectados: A Pastoriza, Riotorto, Mondoñedo (Lugo).

Orzamento de execución material: 2.180.841 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

636.175,27

4.803.836,52

2

635.335,28

4.802.676,51

3

637.065,29

4.802.416,53

4

637.065,29

4.802.769,03

5

636.835,12

4.802.769,03

6

636.425,28

4.802.976,52

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

ID

Aeroxerador (proxecto)

Coordenadas UTM

Potencia nominal unitaria (MW)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

BR01

636.789,00

4.802.640,00

3

Coordenadas da subestación de transformación existente do parque eólico Carracedo:

ID

Subestación transformadora PE Carracedo (existente)

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

2

1

635.713,38

4.802.795,92

3

2

635.753,02

4.802.813,43

4

3

635.775,99

4.802.801,16

5

4

635.778,01

4.802.796,59

6

5

635.773,82

4.802.766,87

7

6

635.737,76

4.802.750,94

8

7

635.729,11

4.802.760,30

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 1 aeroxerador Vestas 136 ou similar de 3 MW de potencia nominal, 82 m de altura da buxa, 136 m de diámetro de rotor e con 150 m de punta de pa.

– 1 centro de transformación de 4.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación de 0,65/30 kV, instalado no interior do aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

– Rede de media tensión soterrada para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre o centro de transformación do aeroxerador 0,65/30 kV e a subestación de transformación existente 30/132 kV, composta por 1 circuíto con condutores tipo RHZ1-OL 18/30 kV 1×95 K Al +H16.

– Ampliación da subestación transformadora do paque eólico Carracedo 30/132 kV, para evacuación da enerxía producida no parque eólico, que consistirá na ampliación de celas normalizadas de distribución primaria para protección do parque eólico Bretoña, modificacións nos axustes das proteccións e instalacións de novos equipamentos de medida fiscal.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cablaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O punto 4.1.6 da declaración de impacto ambiental sinala: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o orzamento de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, da que se propón que o 40 % corresponderá a fase de obras e o 60 % ao de desmantelamento do parque eólico». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 38.165 euros, dos que 15.266 euros corresponderán á fase de obras e 22.899 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 28.8.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no punto 4 da DIA ás que o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, obtendo os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecológica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais