DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9775

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, sobre a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica da liña e posición de transformación de alta tensión de evacuación a 66 kV Lagoa I e II-nó B, nos concellos de Zas e Santa Comba, promovida por Engasa Lagoa, S.L. e Viruleiros, S.L. (expediente IN408A 2019/008).

Expediente: IN408A 2019/008.

Solicitante: Engasa Lagoa, S.L. e Viruleiros, S.L.

Proxecto: liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66 kV Lagoa I e II-nó B.

Concellos: Zas e Santa Comba (A Coruña).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación, sobre a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica liña e posición de transformación de alta tensión de evacuación a 66 kV Lagoa I e II-nó B, nos concellos de Zas e Santa Comba, promovida por Engasa Lagoa, S.L. e Viruleiros, S.L. (expediente IN408A 2019/008).

I. Contido da resolución:

1. Outorgar a Engasa Lagoa, S.L. a autorización administrativa previa para a liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66 kV Lagoa I e II-nó B, nos concellos de Santa Comba e Zas (expediente IN408A 2019/008).

2. Outorgar a Engasa Lagoa, S.L. a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución das instalacións da liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66 kV Lagoa I e II-nó B, nos concellos de Santa Comba e Zas, segundo proxecto asinado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado núm. 482 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense e visado o 10.9.2020.

3. Declarar a utilidade pública do proxecto de liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66 kV Lagoa I e II-nó B, nos concellos de Santa Comba e Zas, promovida por Engasa Lagoa, S.L. (expediente IN408A 2019/008).

Segundo o artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a declaración de utilidade pública implica, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens e a adquisición dos dereitos afectados, implicando a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa e concordantes da Lei 24/2013, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

4. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Subestación colectora 66/30 kV dos parques eólicos Lagoa I, de 16,2 MW e Lagoa II, de 24,6 MW.

Situación:

Vértice (Santa Comba)

Coordenadas UTM ETRS89 fuso 29

X

Y

A

508.979,12

4.766.734,60

B

508.966,42

4.766.732,63

C

508.971,92

4.766.697,20

D

508.984,62

4.766.699,18

A subestación 66/30 kV está formada por:

• Posición PE Lagoa I (tramítase no expediente IN661A 2009/001).

• Posición PE Lagoa II (tramítase no expediente IN661A 2009/002).

• Posición de transformador de potencia 66/30 kV.

Sistema de 66 kV no que se instalará un transformador de potencia trifásico, de 40/45 MVA de potencia en funcionamento ONAN/ONAF, e relación de transformación 66/33 kV, en baño de aceite, sobre unha bancada situada na zona do parque intemperie e a aparamenta neste nivel de tensión (interruptor, seccionador de posta a terra, transformadores de intensidade, transformadores de tensión e autoválvulas, así como as súas correspondentes estruturas metálicas de soporte).

Sistema de 33 kV formado pola reactancia de posta á terra, a batería de condensadores e o equipo necesario para a súa manobra.

– LAT evacuación (66 kV) Lagoa I e II-nó B, co orixe no pórtico situado no interior da futura subestación dos parques eólicos Lagoa I e II e final no apoio número 1, denominado nó B, onde se entronca coa liña de alta tensión 66 kV PE Montetourado-Eixe/Monte O Tourado-subestación colectora Regoelle (actualmente subestación A Lagoa) 20-66/220 kV (IN407A 2017/166-1). A liña constará dun simple circuíto de condutor de tipo LA-280 e un cable de fibra óptica de tipo OPGW-48, que efectuará ademais a función de cable de terra, tendidos sobre 22 apoios metálicos de celosía. A súa lonxitude será de 6.788,86 metros sen incluír o van destensado de conexión á futura subestación dos parques eólicos de Lagoa I e II. A potencia total prevista de transporte será de 40,8 MW.

II. Condicións que acompañan a resolución:

a) Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Engasa Lagoa, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados pola liña eléctrica na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 35.929 euros, dos cales 15.398 euros corresponden á fase de obras e 20.531 euros á de desmantelamento e abandono da liña eléctrica.

A fianza correspondente á fase de obra depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

b) De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

c) Engasa Lagoa, S.L. dará cumprimento a todas as condicións establecidas na Resolución do 27 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, pola que se formulou a DIA da LAT 66 kV de evacuación dos PE Lagoa I e PE Lagoa II.

d) Engasa Lagoa, S.L., con carácter previo ao inicio das obras, deberá achegar a esta xefatura territorial todas as autorizacións e permisos dos titulares dos bens afectados polas instalacións proxectadas, xunto coa designación da razón social da empresa instaladora habilitada que vai realizar as obras, así como do director de obra responsable delas.

e) Engasa Lagoa, S.L. non poderá ocupar predios particulares sen que dispoñan dun acordo mutuo entre as partes ou mediante o correspondente expediente expropiatorio.

f) Engasa Lagoa, S.L. comunicará o inicio das obras (con suficiente antelación) a todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo das respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución do proxecto, e estableceron os condicionantes técnicos.

g) Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non consideradas no proxecto autorizado, e logo da súa execución, deberase dispoñer do pertinente visto e prace desta xefatura territorial.

h) Calquera cambio que se pretenda introducir no proxecto respecto do recollido na DIA deberá ter en conta a variable ambiental e, no caso de que poida producir efectos significativos sobre o ambiente, deberáselle notificar previamente á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a través desta xefatura territorial, acompañado da pertinente valoración ambiental comparativa, para que o órgano ambiental o avalíe e informe sobre a súa aceptación, comunicando, se é o caso, as condicións que cómpre impoñerlle ou se procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental.

i) Todas estas modificacións efectuadas na fase de execución deberán de ser recollidas expresamente na dirección de obra, sempre e cando non fosen obxecto do correspondente modificado do proxecto para a súa autorización por parte desta xefatura territorial.

j) Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, a seguinte documentación:

– Certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Declaración responsable asinada polo director de obra na que se certifique o cumprimento de todos os condicionados técnicos aceptados pola empresa, durante a fase de tramitación administrativa.

– Documento xustificativo (asinado por técnico competente) de que no desenvolvemento do proxecto se aplicaron todas as medidas protectoras, correctoras e de vixilancia ambiental propostas na documentación presentada polo promotor na tramitación ambiental, así como das condicións que complementan, matizan ou subliñan as anteriores e foron recollidas no IIA.

– Plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da liña de alta tensión, segundo o artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

k) Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

l) De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

m) Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial, as relativas á ordenación do territorio e o ambiente.

III. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 28.2.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental indicando que o proxecto se somete a avaliación ambiental ordinaria. Indica o contido mínimo do EIA, que realizará o promotor, e da súa amplitude e detalles. Os órganos aos que, como mínimo, debe solicitar informe o órgano substantivo son: a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Augas de Galicia, os concellos afectados e as persoas interesadas.

2. O 1.6.2020, a Dirección Xeral de Política Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

3. O 21.6.2021, esta xefatura territorial ditou un acordo polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto da liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66kV Lagoa I e II-nó B, nos concellos de Zas e Santa Comba (A Coruña), (expediente IN408A 2019/08), sometendo a información pública a seguinte documentación:

• Proxecto de execución que inclúe a subestación transformadora (xullo 2020-visado o 10.9.2020).

– Aclaración ao proxecto (asinada o 7.6.2021).

• Estudo de impacto ambiental (EIA), que inclúe a subestación transformadora (setembro 2020-asinado o 18.9.2020).

• Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico-PIA) que inclúe a subestación transformadora (abril 2020-visado o 10.9.2020).

• A relación concreta e individualizada dos propietarios de bens e dereitos afectados polo proxecto (RBDA) (abril 2020), que figura no anexo deste acordo.

– Planos individuais dos predios afectados polo proxecto.

O acordo publicouse o 1.7.2021 no Diario Oficial de Galicia (DOG) núm. 124, e no xornal El Correo Gallego. Tamén se expuxo no taboleiro de anuncios do Concello de Santa Comba, segundo certificado emitido o 17.8.2021; no taboleiro de anuncios do Concello de Zas, segundo certificado emitido o 10.11.2021; no taboleiro de anuncios das dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, segundo certificado emitido o 25.8.2021; no taboleiro de anuncios das dependencias desta xefatura territorial, segundo certificado emitido o 31.7.2023, así como no portal web desta consellería, onde puido accederse á documentación do proxecto.

4. Durante o período de información pública recibíronse un total de 20 escritos de alegacións, indicados no anexo, que na súa maior parte se refiren tamén ao expediente IN661A 2009/02, que conta con autorización administrativa previa e de construción con data do 14.3.2022. A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas, recollidas no anexo desta resolución, soamente no que respecta ao expediente a que afecta esta resolución:

a) Que o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre: hábitats de conservación prioritaria, hábitats de interese comunitario e a paisaxe desde os miradoiros naturais máis coñecidos.

b) Deficiencia do inventario ambiental do proxecto do parque eólico e do proxecto da liña de evacuación.

c) Que o EIA avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre todas as especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, na Directiva 92/43/CEE, nos catálogos español (Real decreto 139/2011) e galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007). Ademais, no caso de especies catalogadas como vulnerables ou en perigo de extinción, o EIA debería adaptar o trazado dos accesos e a localización dos apoios do tendido para evitar afeccións á flora e á fauna, así como avaliar alternativas e medidas correctoras para minimizar a mortalidade de aves e morcegos por impacto ou electrocución.

d) Fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes. División artificiosa. Fraude de lei.

e) Fragmentación de hábitats e perda de biodiversidade. Ausencia de avaliación dos impactos acumulados con outras infraestruturas da contorna.

f) Que o EIA avalíe os impactos acumulativos e sinérxicos coas outras liñas de evacuación ou distribución (autorizadas ou proxectadas), así como das restantes infraestruturas asociadas, nun raio de 10-15 km.

g) Impactos ambientais severos: paisaxísticos, ecolóxicos e ecosistémicos.

h) Vulneración da Directiva 92/43/CEE, conservación de hábitats naturais, fauna e flora silvestres.

i) Prevalencia da protección ambiental da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

j) Prexuízos significativos para hábitats de interese prioritario.

k) Afección a fauna e flora.

l) Incumprimento normativo en relación á protección do lobo.

m) Prexuízos significativos e incompatibles coa avifauna.

n) Danos previsibles e impactos significativos para a vexetación autóctona e vexetación de ribeira.

ñ) Infórmase de que hai un estudo sobre a presenza de morcegos de gran valor biolóxico nestes lugares.

o) Afección severa sobre diferentes recursos hídricos: ríos, masas de augas soterradas, acuíferos e captacións de auga para o consumo humano, así como zonas húmidas, charcas e brañas.

p) Vulneración da Directiva marco da auga coa ausencia dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afección aos acuíferos.

q) Considérase fundamental a conservación de zonas húmidas.

r) A liña eléctrica cruza un total de 7 cursos de auga. O río de Cícere e o río García quedarán afectados.

s) Afección severa ás zonas protexidas de auga potable (ZPAP) e captacións de auga veciñais para consumo humano e as explotacións agro-gandeiras da poligonal do parque.

t) Afección paisaxística severa e incremento do feísmo paisaxístico.

u) Patrimonio cultural inmaterial sen avaliar.

v) Incompatibilidade do proxecto cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos e a falla de licenza social. Afección severa e irreversible ao benestar das familias que viven, residen e traballan nos núcleos rurais afectados.

w) Estase a vulnerar a diversa normativa relativa ao acceso á información e participación pública nas decisións.

x) Vulnérase a Lei 7/2012, do 28 xuño, de montes, coa eliminación da multifuncionalidade do monte.

y) Afección severa e prexuízos serios e irreparables para as explotacións forestais, madereiras e agrogandeiras da área de afección do proxecto.

z) Núcleos de poboación situados nun raio de 1.000 m das estruturas do parque eólico (aeroxeradores), pero que fican dentro da poligonal do parque e, por tanto, dentro da superficie afectada por este.

aa) A instalación prevese situar nun lugar ocupado por terreos catalogados como agrarios/forestais e solo de protección agropecuaria.

ab) A área afectada polo proxecto sufriu incendios no pasado, feito non avaliado pola mercantil promotora, polo que a recualificación urbanística que pretende a promotora non é posible.

ac) Falla de avaliación da relevancia do sector forestal segundo a Lei 7/2012, do 28 de xuño.

ad) Os terreos afectados poden considerarse como lugar de esparexemento e de monte para aproveitamento sustentable.

ae) O proxecto afecta terras de produción vencelladas á PAC.

af) Os propietarios dos terreos afectados teñen o dereito de ter esas propiedades cos cultivos ou barbeito que consideren oportuno.

ag) Non poderá haber plantacións e o aproveitamento estará limitado para outras prácticas agrarias durante a vixencia do parque.

ah) A compensación aos propietarios non xustifica todo o dano ambiental de benestar e salubridade dos vicios polos riscos de contaminación sonora, lumínica, electromagnética e dun potencial moi perigoso en canto á atracción de raios sobre as vivendas.

ai) O parque xera un prexuízo directo aos propietarios; unha usurpación e obrigas impostas dunha parte beneficiaria a costa da perda de valor dos bens.

aj) Galicia é excedentaria en produción de enerxía eléctrica e a capacidade de acollida en Galicia de proxectos desta natureza xa está saturada.

As alegacións recibidas foron remitidas ao promotor, que contestou en defensa dos seus intereses.

5. No que respecta a estas alegacións, visto o seu contido, as respostas efectuadas polo promotor e o resto de documentación que consta no expediente, cómpre manifestar o seguinte:

a) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 27.3.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

b) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de instalacións eólicas próximas entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito das instalacións eléctricas, o anexo II da citada lei establecía, na data de presentación do estudo de impacto ambiental, que estará sometida á avaliación ambiental simplificada, entre outras, a «construción de liñas para a transmisión de enerxía eléctrica (proxectos non incluídos no anexo I) cunha voltaxe igual ou superior a 15 kV, que teñan unha lonxitude superior a 3 km, salvo que discorran integramente en soterrado por solo urbanizado, así como as súas subestacións asociadas»; non obstante, o 28.2.2020, unha vez finalizado o período de consultas, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu un documento de alcance no que se establecían os trámites que este órgano substantivo tiña que realizar na avaliación de impacto ambiental ordinario.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutras instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «partimento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013, cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009, remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

c) No que respecta á afección ao dominio público hidráulico, o organismo Augas de Galicia informou o 27.7.2021 que non é previsible que a LAT poida causar impactos significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar nos documentos presentados e as consideracións para tal efecto referidas no seu informe.

d) En relación coa afección á paisaxe, no expediente consta un informe do Instituto de Estudos do Territorio do 29.10.2021 que considera cuberto o disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008.

e) En relación á afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultural emitiu o 17.12.2021 un informe favorable aos documentos estudo de impacto ambiental. Liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66 kV Lagoa I e II-nó B (setembro 2020) e Proxecto sectorial liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66 kV Lagoa I e II-nó B (xullo 2020), coas cautelas establecidas na Memoria de avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural que constitúe o anexo V do EIA e debéndose, en todo caso, ter en conta as determinadas consideracións e condicións.

f) Respecto das alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 21 de xuño de 2021, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto da liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66 kV Lagoa I e II-nó B, nos concellos de Zas e Santa Comba (A Coruña) (expediente IN408A 2019/08).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Zas e Santa Comba e na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, así como na web de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

En consecuencia, non se pode atender esta alegación.

g) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 30.8.2021 que a infraestrutura non afecta montes veciñais en man común, montes pertencentes ao Catálogo de montes de utilidade pública nin a outros montes de xestión pública. Tampouco afectará infraestruturas forestais relevantes, mouteiras selectas ou parcelas de experimentación.

h) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

i) En relación aos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións ós usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, que deberán ser compensadas axeitadamente polo promotor aos titulares dos terreos.

h) En canto a pretendida saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia e falta de xustificación da necesidade do parque eólico, os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa, e polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, a saúde e a economía.

Existe unha falsa percepción sobre que a potencia eléctrica instalada actualmente provinte de enerxías renovables é suficiente para cubrir as necesidades enerxéticas de Galicia; neste sentido, segundo o recente informe «O sector enerxético galego: presente e futuro» elaborado polo Consello Económico e Social de Galicia en colaboración coa Universidade da Coruña, o 75 % dos recursos enerxéticos de Galicia son importados.

Visto o anterior, enténdese que esta alegación debe ser desestimada.

6. De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial iniciou simultaneamente o trámite de consultas para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida liña de evacuación aos seguintes organismos e empresas de servizo público afectados polo proxecto: Augas de Galicia, Concello de Santa Comba, Concello de Zas, Telefónica de España, S.A., Unión Fenosa Distribución, S.A., Electra de Zas, S.L.

Ao mesmo tempo, solicitáronse os informes sobre o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) aos seguintes organismos: os concellos de Santa Comba e Zas, Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio, aa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a Sección de Minas desta xefatura territorial, a Subdelegación do Goberno en Galicia, a Dirección Xeral de Telecomunicaciónsey Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual.

Durante este trámite recibíronse os seguintes informes:

a) O 8.7.2021, Telefónica de España, S.A. informou que non ten obxección á execución do proxecto sempre que se cumpra a normativa vixente en relación cos paralelismos e cruzamentos con liñas de telecomunicación e, en particular, os regulamentos electrotécnicos de alta e baixa tensión. Fan constar que se reservan a actuación que proceda en caso de que se produzan danos nas súas instalacións ou perturbacións nas comunicacións electrónicas desa compañía como consecuencia dos traballos levados a cabo no proxecto.

b) O 15.7.2021, a Sección de Minas desta xefatura territorial emitiu un informe no que indica que o ámbito desa actuación constan cinco solicitudes de dereitos mineiros da sección C) da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

c) O 27.7.2021, o organismo Augas de Galicia emitiu un informe no que conclúe que non é previsible que a LAT poida causar impactos significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar nos documentos presentados e as consideracións a tal efecto referidas no seu informe. Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara a non afección ao dominio público hidráulico, deberán considerarse as directrices sinaladas no seu informe, así como as indicadas no documento sometido a informe.

d) O 6.8.2021, UFD Distribución, S.A. informou que non pon obxeccións ao proxecto, condicionado ao cumprimento das prescricións técnicas e regulamentarias establecidas na lexislación aplicable.

e) O 12.11.2021, o Concello de Santa Comba informou que as obras necesarias para a construción da liña de alta tensión e centro de transformación discorren dentro do ámbito municipal de Santa Comba. A instalación pretendida está permitida no tipo de solo a ocupar segundo establece a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, conforme o seu artigo 35 respecto dos usos e actividades en solo rústico, na epígrafe 1.m) que contempla as instalacións e infraestrutura de produción e transporte de enerxía sempre que non impliquen urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren e precisará da autorización pertinente de Medio Rural.

Na data de resolución non se recibiron os informes do Concello de Zas, a Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual e a Dirección Xeral de Saúde Pública.

Dentro do prazo establecido non se recibiron os condicionados do Concello de Zas, polo que se entende a súa conformidade co proxecto e se continúa a tramitación do procedemento.

7. Os informes recibidos foron remitidos ao promotor para a aceptación dos condicionados impostos ou para a presentación dos seus reparos.

8. O 29.6.2022 os servizos técnicos desta xefatura territorial emitiron o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas a que se refire o artigo 33.16 da citada Lei 8/2009, no que se establece, entre outras cuestións que nas comprobacións realizadas, entre outras unha visita de campo realizada o 14.6.2022, non se detectou a existencia de limitacións á constitución de servidume de paso de acordo co previsto no artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000.

9. O 27.3.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao proxecto LAT 66 kV evacuación PE Lagoa I e II e nó B, nos concellos de Zas e Santa Comba (A Coruña), promovido por Engasa Lagoa, S.L., para os efectos que correspondan no marco do procedemento de autorización administrativa da referida instalación obxecto deste asunto.

A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da declaración de impacto ambiental (IIA) da liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66 kV Lagoa I e II-nó B, nos concellos de Santa Comba e Zas (A Coruña), promovida por Engasa Lagoa, S.L., formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 27.3.2023, e recollida no feito vixésimo quinto desta resolución:

a) Na epígrafe 6 da DIA recóllese a proposta, que literalmente di: «logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

De conformidade coa mencionada proposta, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolve: formular a declaración de impacto ambiental do proxecto da LAT 66 kV de evacuación dos PE Lagoa I e PE Lagoa II, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

Ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións da liña de alta tensión a 66 kV de evacuación dos PE Lago I e Lagoa II. Incluíndo a posición de transformación de potencia 60/33 kV da subestación 30/66 kV compartida polos parques eólicos Lagoa I e Lagoa II no concello de Santa Comba.

c) Na epígrafe 4 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4.1. Condicións xerais.

1. Considerando o exposto no punto 2. Tramitación e análise do expediente, establécese como condicionado particular para o desenvolvemento do proxecto o cumprimento do contido dos informes que consten no expediente, ademais do recollido no EIA e na restante documentación avaliada, tendo en conta que as condicións ou medidas dos informes prevaleceran fronte as do estudo ambiental ou a restante documentación no caso de contradición entre elas e que, en todo caso, calquera condición desta DIA prevalece fronte ás anteriores.

2. En relación coa vulnerabilidade do proxecto ante riscos derivados de accidentes graves e catástrofes, teranse en conta as recomendacións recollidas no estudo elaborado polo promotor e avaliado pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

3. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, conforme o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe do aval, que será actualizable e debera fixar o órgano substantivo, a cantidade de 35.929 euros, dos cales 15.398 euros corresponden á fase de obras e 20.531 euros á de desmantelamento e abandono da liña eléctrica.

Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación pola inspección ambiental conforme establece o referido Decreto 455/1996.

A solicitude de cancelación realizarase a través do órgano substantivo, e só se poderá efectuar unha vez estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que o promotor acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental e calquera outra documentación que se considere oportuna, de ser o caso, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.

4.2. Condicións particulares.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

1. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta DIA, o promotor deberá designar unha persoa con formación adecuada en materia ambiental que será a responsable do seu control e notificar o seu nomeamento ao órgano substantivo.

2. Calquera cambio que se pretenda introducir no proxecto respecto do recollido nesta DIA deberá ter en conta a variable ambiental, e no caso de que poida producir efectos significativos sobre o ambiente deberáselle notificar previamente á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a través do órgano substantivo e acompañado da pertinente valoración ambiental comparativa, para que o órgano ambiental o avalíe e informe sobre a súa aceptación, comunicando, se é o caso, as condicións que cómpre impoñerlle ou se procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental.

3. O promotor deberá comunicar ao órgano ambiental, a través do órgano substantivo e coa suficiente antelación, a data prevista de inicio de obras do proxecto.

4. O promotor comunicará ao órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a data de posta en marcha da instalación.

10. O 7.8.2023 Engasa Lagoa, S.L. e Viruleiros, S.L. solicitaron que se continúe coa tramitación administrativa correspondente para a obtención da autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto das instalacións e aprobación do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto liña e posición de transformación de alta tensión evacuación 66 kV Lagoa I e II-nó B e se outorguen as referidas autorizacións administrativas a Engasa Lagoa, S.L. e unha vez que o parque eólico Lagoa I, tramitado por Viruleiros, S.L., obteña as correspondentes autorizacións administrativas, ambos os promotores solicitarán a transmisión ao seu favor de acordo coas porcentaxes indicados nos acordos de tramitación subscritos que acompañan á solicitude.

A Coruña, 21 de novembro de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña

ANEXO 1

Alegacións presentadas durante o período de información pública e durante a tramitación do expediente, indicado no feito décimo segundo:

Sociedade Galega de Historia Natural, o 5.7.2021; Pedro Rodríguez López, 16.7.2021; Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, o 18.7.2021; David Chas Barbeito, o 19.7.2021; Francisco Javier Garaboa Bonillo, o 19.7.2021; Carlos Penedo Casmartiño, o 20.7.2021; Clara González Domínguez, o 21.7.2021; Asociación Amigos da Terra, o 4.8.2021; José Manuel Abelenda García, o 6.8.2021; Juan Martín Cundíns Suárez, o 10.8.2021; Juan Antonio Liñares Posse, o 11.8.2021; María Carmen Liñares Posse, o 11.8.2021; María Estrella Liñares Posse, o 11.8.2021; Uxía González Liñares, o 11.8.2021; Asociación de Veciños de Buxán e Pardiñeira, o 11.8.2021; Mª Lorena Suárez Pazos, o 17.8.2021; Mario Maceiras Dosil-Asociación en Defensa da Costa da Morte, o 27.7.2021, Carlos Penedo Casmartiño, o 31.8.2021.