DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2024 Páx. 5795

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Mos e Louredo (concello de Mos), ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 2 de outubro de 2023, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Mos e Louredo (concello de Mos), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente DC22014).

Feitos:

Primeiro. O 18.9.2022, o presidente da comunidade de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) de Mos presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia, co núm. de entrada 2022/2292143, a solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Mos e a CMVMC de Louredo (concello de Mos).

Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:

– MVMC de Salgueirón e Baloutas (ID monte: 2901) da CMVMC de Mos.

– MVMC de Louredo (ID monte: 2900) da CMVMC de Louredo.

Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012:

– Acta do apeo do deslindamento o 25.1.2022.

– Acta de conciliación nº 6/2022 entre as comunidades no Xulgado de Paz de Soutomaior o 29.6.2022.

– Certificados da aprobación do deslindamento nas asembleas xerais de ambas as CMVMC: CMVMC de Mos o 3.4.2022 e CMVMC de Louredo o 15.5.2022.

– Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829. Asinado en xullo de 2022 polo técnico colexiado núm. 1227 do COETF de Galicia.

– Informes de validación gráfica catastral cos CSV: QAQPF5PM5CXVN98Y e 4PB6VB1JAX75HPZK (para a comunicación da alteración catastral consonte o artigo 55.3 da Lei 7/2012), que polo principio de colaboración entre administracións deberá verificar a Xerencia Territorial de Catastro.

Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 286 metros e está composta polos seguintes puntos:

Punto D13-

x: 535.136,8358

y: 4.673.183,4017

Punto D14-

x: 535.215,8143

y: 4.673.135,7101

Punto D15-

x: 535.379,5128

y: 4.673.032,7539

Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos os MVMC, detéctase que existe estrema entre ambos e non afecta terceiros propietarios.

O punto D13 non invade a parcela de referencia catastral 36033A00800031 de titularidade particular, sitúase no marco de pedra granítica colocada no seu día pola CMVMC de Mos. A cartografía catastral non se axusta exactamente á realidade.

O punto D15 é o punto no cal converxen a CMVMC de Mos, a CMVMC de Louredo, a CMVMC de Ribadetea e a CMVMC de Xinzo. É coincidente coa Avinza 4/2012 (expediente actual DC23002) Mos-Xinzo e coa Avinza 5/2012 (expediente actual DC23003) Xinzo-Ribadetea e o punto 0 do expediente DC22015 (deslindamento entre a CMVMC de Ribadetea, no concello de Ponteareas, e CMVMC Louredo, no concello de Mos).

A liña non respecta exactamente a liña de deslindamento do Instituto Xeográfico Nacional entre os concellos de Mos e Ponteareas. O deslindamento establécese mediante acordo das comunidades implicadas nel.

A liña de deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación das seguintes comunidades:

– CMVMC de Mos: o expediente de revisión de esbozo RE22031 xa recolle o actual deslindamento. Ten en conta a mellora da Avinza 4/2012 (expediente actual DC23002) Mos e Xinzo e o expediente DC22011 (deslindamento entre a CMVMC de Mos e a CMVMC de Cans)

– CMVMC de Louredo: achega un pequeno axuste para pechar o punto D13 do deslindamento co resto do esbozo do seu MVMC. No punto D15 pecha o esbozo tendo en conta o expediente DC22015.

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53, polo que propón a aprobación do deslindamento segundo a liña presentada.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Mos e a CMVMC de Louredo, ambas no concello de Mos, respecto da súa estrema común, nos termos indicados no feito terceiro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 22 de decembro de 2023

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra