DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2325

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 20 de decembro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Monte de San Mamede de Riobó e Ferradura, e Lomba, Candás e Rebordiña, no concello de Vilar de Barrio.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Monte de San Mamede de Riobó e Ferradura, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Riobó, e Lomba, Candás e Rebordiña, pertencente á CMVMC de Arruás, no concello de Vilar de Barrio, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Riobó presentou un escrito (Rexel 2022/2348628) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Arruás.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Solicitude de conciliación.

Segundo. Posteriormente, o 7.10.2022, a dita comunidade presentou un escrito de mellora voluntaria (Rexel 2022/2474504) co que achegaba a correspondente acta de conciliación elaborada o 7.10.2022 no Xulgado de Paz de Vilar de Barrio.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 30 de marzo de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Monte de San Mamede de Riobó e Ferradura, pertencente á CMVMC de Riobó, e o MVMC Lomba, Candás e Rebordiña, pertencente á CMVMC de Arruás, desde o vértice 1 (o situado máis ao O, e identificado como Tapadiña Nova) ata o vértice 6 (o situado máis ao E, e identificado como Presa de Reza).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que o punto inicial 1 debe ter a consideración de punto auxiliar; isto débese a que o dito vértice non se sitúa sobre a liña intermunicipal actualmente vixente no MTN do IGN, nin tampouco sobre un punto singular ou que conte coa avinza das outras comunidades citadas e que permita concluír inequivocamente que non se está a invadir o termo municipal de Laza nin o de Sarreaus. Pola contra, a adopción do dito punto implicaría crear unha nova raia ou referencia no plano, distinta tanto da liña de termo do IGN coma da liña perimetral procedente da dixitalización das carpetas-ficha, e que achegaría máis dúbidas e inseguridade no relativo á definición, nesa estrema común, dos montes obxecto de deslindamento e mais os xa indicados de Laza e Sarreaus.

Xa que logo, fíxase o punto 1 como referencia para determinar a dirección da liña antes de chegar ao primeiro punto do deslindamento como tal, que sería o 2.

Por outra banda, o punto final da liña, situado na chamada Presa de Reza, marca tamén a confluencia de Riobó e de Arruás coa comunidade de Prado. A este respecto, a dita presa xa fora anteriormente avinzada polas comunidades de Prado e Riobó para precisar o extremo meridional da súa veciñanza, ben que se utilizara como referencia un punto situado uns 13 m ao O do vértice 6 conciliado agora polas comunidades de Riobó e Arruás. En consecuencia, por razóns de coherencia e seguridade xurídica, considérase lóxico e procedente fixar como vértice final do deslindamento Riobó-Arruás o punto 13 (Presa de Reza) da avinza Prado-Riobó, situado nas coordenadas UTM (ETRS89) X: 620956,28; Y: 4666489,01.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre o punto 2 e mais a Presa de Reza, definida esta última polo punto de coordenadas X: 620956,28; Y: 4666489,01, e tendo o vértice 1 a consideración de punto auxiliar que permite definir a dirección da liña no tramo inicial.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do 30 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Monte de San Mamede de Riobó e Ferradura, pertencente á CMVMC de Riobó, e o MVMC Lomba, Candás e Rebordiña, pertencente á CMVMC de Arruás, no concello de Vilar de Barrio.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 21 de decembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense