DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2328

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 21 de decembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Comunal de Pepín, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pepín, no concello de Castrelo do Val.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Comunal de Pepín, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Pepín, no concello de Castrelo do Val, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022 a CMVMC de Pepín presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2363680) de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Pepín, no concello de Castrelo do Val.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 23.4.2022.

– Memoria e planos.

–- Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 11 de abril de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe o perímetro estremeiro con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Comunal de Pepín, unha vez revisado o esbozo, resulta de 609,37 ha fronte ás 610 ha clasificadas, o que evidencia unha variación mínima de superficie.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Comunal de Pepín.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 11 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Comunal de Pepín, pertencente á CMVMC de Pepín, no concello de Castrelo do Val.

Ourense, 21 de decembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense