DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2330

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 20 de decembro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Río, Coto, Buleira, Abuíño e Piñeira Oscura, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Faramontaos, no concello de Carballeda de Avia.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Río, Coto, Buleira, Abuíño e Piñeira Oscura, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia de Faramontaos, no concello de Carballeda de Avia, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 11.5.2023, a CMVMC da parroquia de Faramontaos presentou un escrito (Rexel 2023/1422947) no cal solicitaba que se modificase a cartografía existente do MVMC Río, Coto, Buleira, Abuíño e Piñeira Oscura.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do día 7.5.2023.

– Memoria.

– Informe de validación gráfica alternativo.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 25 de setembro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe unicamente unha parte do predio ou monte denominado Río; máis concretamente, afecta a extensión deste situada ao S da estrada provincial OU-212, Beariz-Beade, en que estrema exclusivamente con propietarios particulares.

A superficie do MVMC Río, Coto, Buleira, Abuíño e Piñeira Oscura, unha vez modificado o esbozo, sería de 139,52 ha fronte ás 148 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 5,7 %.

De todas formas, cómpre aclarar que a revisión proposta se limita a unha superficie concreta de 17,06 ha, que representa unicamente o 12,2 % da extensión do monte.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Río, Coto, Buleira, Abuíño e Piñeira Oscura.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 25 de setembro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Río, Coto, Buleira, Abuíño e Piñeira Oscura, pertencente á CMVMC da parroquia de Faramontaos, no concello de Carballeda de Avia.

Ourense, 21 de decembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense