DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2322

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de decembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 20 de decembro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común San Xusto, Da Ferreira, Da Costa e Feixa e o San Xusto, Pedrosa e Devesa, nos concellos de Padrenda e Pontedeva.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) San Xusto, Da Ferreira, Da Costa e Feixa, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da parroquia do Condado, e o San Xusto, Pedrosa e Devesa, pertencente á CMVMC de Trado, nos concellos de Padrenda e Pontedeva, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC da parroquia do Condado presentou un escrito (Rexel 2022/2391982) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Trado.

Coa solicitude presentaron a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Informe técnico e planos.

– Acta de conciliación elaborada no Xulgado de Paz de Padrenda.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 23 de marzo de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC San Xusto, Da Ferreira, Da Costa e Feixa, pertencente á CMVMC da parroquia do Condado, no termo de Padrenda, e mais o MVMC San Xusto, Pedrosa e Devesa, pertencente á CMVMC de Trado, no termo de Pontedeva, desde o vértice 1 (o situado máis ao S) ata o vértice 17 (o situado máis ao NO).

Logo de analizar os antecedentes xurídico-administrativos, conclúese que, de conformidade co indicado no propio informe técnico do deslindamento, se pretende corrixir un presunto erro material existente na representación da liña de termo Padrenda-Pontedeva no tramo en cuestión, a cal deslinda ambos os montes, segundo establecen os respectivos acordos de clasificación; deste xeito, produciríase unha rectificación da dita liña que a desprazaría cara ao N, de forma lixeira entre os vértices 6 e 10 aproximadamente, e de forma xa acusada entre os vértices 10 e 17, chegando a situala a uns 400 m do seu trazado oficial á altura da beira do Miño (vértice 17).

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, dite resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do 23 de marzo de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC San Xusto, Da Ferreira, Da Costa e Feixa, pertencente á CMVMC da parroquia do Condado, no termo de Padrenda, e mais o MVMC San Xusto, Pedrosa e Devesa, pertencente á CMVMC de Trado, no termo de Pontedeva.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 21 de decembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense