DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2023 Páx. 70931

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 22 de decembro de 2023 pola que se dá continuidade durante o mes de xaneiro de 2024 á minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, establecida na Orde do 30 de agosto de 2022.

A pesar da proximidade temporal á fin do período para o cal o Real decreto lei 5/2023, do 28 de xuño, estableceu o sistema de axudas directas ás comunidades autónomas para o segundo semestre do ano 2023 respecto da bonificación adicional das tarifas, a Administración xeral do Estado non materializou ningún acto formal dirixido nin a darlle continuidade nin a confirmar que esta non teña lugar. Ademais, a emisión dun acto formal de continuidade da medida que se adopte nos últimos días do ano non permitiría a tramitación das actuacións administrativas e contables esenciais para que a bonificación poida ter continuidade, sen interrupción, xa desde o día 1 de xaneiro de 2024.

Nesta situación, tendo en consideración o efecto positivo da actuación reforzada adoptada mediante as ordes do 30 de agosto e do 27 de decembro de 2022, e ulteriores resolucións polas que se ampliou o prazo de aplicación inicialmente establecido, acórdase dar continuidade ás indicadas bonificacións durante o mes de xaneiro de 2024, e prevese a posibilidade de estender esa aplicación, de se confirmar por parte da Administración xeral do Estado o mantemento dunha actuación análoga á que se estableceu no Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño.

Atendendo ao anterior, esta orde mantén durante o mes de xaneiro de 2024 a aplicación das minoracións que estableceu a Orde do 30 de agosto de 2022. Finalmente, a mesma orde, na súa disposición derradeira segunda, habilita a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte precisa, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais no suposto de que a Administración xeral do Estado estableza un sistema de compensacións análogo ao que resultou de aplicación no ano 2022.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Primeiro e único.

Dar continuidade durante o mes de xaneiro de 2024 á minoración de carácter adicional e temporal das tarifas bonificadas dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia, acordada polas ordes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 30 de agosto de 2022 e do 27 de decembro de 2022.

Disposición derradeira primeira. Extensión a outros modos

A ampliación do prazo de aplicación da minoración das tarifas antes indicada tamén será de aplicación, durante o mes de xaneiro de 2024, aos servizos de transporte público regular marítimo integrados na área de transporte metropolitano (ATM) de Vigo (conexións Cangas-Vigo, Moaña-Vigo, e viceversa), así como aos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol.

No suposto de que, consonte o previsto na disposición derradeira segunda, se amplíe o prazo de aplicación da minoración que se establece nesta orde, habilítase a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de transporte público para acordar, se é o caso, e logo da tramitación contable que resulte oportuna, a aplicación desa minoración nos ditos servizos de transporte durante os novos prazos de aplicación da minoración, así como para alterar o réxime de minoración aplicable aos ditos servizos, ou noutros análogos, co límite máximo da aplicable aos declarados servizos públicos de transporte interurbano por estrada da competencia da Xunta de Galicia, para o cal se atenderá ás análises técnicas levadas a cabo e ás estimacións da súa incidencia real sobre as persoas usuarias.

Neste caso, nas ditas resolucións estableceranse as condicións para a aplicación das compensacións correspondentes ás empresas que presten os servizos de transporte público afectados, comunicaráselles as indicadas notificacións e darase publicidade na web bus.gal das condicións tarifarias aplicables.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor e vixencia

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A aplicación da minoración temporal das tarifas bonificadas que se establecen terá lugar entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2024.

Habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, logo da tramitación contable que resulte oportuna, a ampliación do prazo de aplicabilidade das minoracións temporais no suposto de que a Administración xeral do Estado manteña unha actuación análoga á que estableceu o Real decreto lei 11/2022, do 25 de xuño. Esta habilitación esténdese á modificación da porcentaxe de desconto adicional aplicable, no caso de resultar esta posible consonte a normativa estatal que, de ser o caso, resulte de aplicación, así como á aplicación de diferentes porcentaxes en atención aos colectivos de persoas usuarias que se poidan prever nas referidas disposicións estatais.

Igualmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para acordar, mediante resolución, a suspensión da aplicación das minoracións adicionais que se amplían por esta orde no suposto de que o crédito dispoñible, ou o finalmente asignado pola Administración xeral do Estado, non resulte suficiente para cubrir o seu custo, así como no caso de que pola incorporación de variacións nas condicións establecidas pola normativa do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia deba renunciar á súa aplicación.

Finalmente, habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transporte público para ditar cantos actos ou instrucións sexan convenientes para a correcta e plena execución desta orde.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

Ethel M. Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade