DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2023 Páx. 70928

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 152/2023, do 14 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño da estrada PO-195, incluíndo o seu dominio público viario, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Tomiño solicita á Xunta de Galicia a transferencia de titularidade da estrada autonómica PO-195 ao seu paso por Forcadela (p.q. 0+000-1+600), logo da execución por parte da Administración autonómica dunha senda peonil nun treito de 385 metros da PO-195. En agosto de 2023 rematáronse as obras de mellora da mobilidade peonil na PO-195, en Forcadela, Tomiño, para construír unha senda peonil na marxe esquerda da PO-195 entre o p.q. 0+050 e o p.q. 0+430.

A estrada PO-195 constitúe un treito antigo da estrada autonómica PO-552 obtido como resultado da execución dunha variante ao núcleo de poboación da Aldea, na parroquia de Forcadela, sen funcionalidade dentro da RAEG. Segundo o estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG), relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, é viable a transferencia de titularidade a prol do Concello de Tomiño da PO-195, incluído o seu dominio público viario, agás as interseccións coa PO-552 no seu inicio e final que se integrarán como nós viarios da PO-552.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de decembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño da estrada PO-195, incluído o seu dominio público viario, que inclúe a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29)

Lonx. (m)

PO-195

PO-552-Forcadela-PO-552

0+020

x= 522.175

y= 4.647.612

1+530

x= 523.454

y= 4.648.466

1.549

Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da Lei 8 /2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, no sentido de reflectir este cambio de titularidade, eliminando do Catálogo a estrada PO-195.

O documento do Catálogo e as súas modificacións posteriores poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Tomiño deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Tomiño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de decembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade