DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 28 de decembro de 2023 Páx. 70934

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 19 de decembro de 2023 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais de máster universitario e programas de doutoramentos nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2023/24.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional será acordada pola Comunidade Autónoma, logo da solicitude de implantación por parte das universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de seren autorizadas para implantar os estudos, as universidades quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico. O incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación, a non impartición da titulación oficial autorizada, a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza son causas suficientes para proceder á revogación da autorización.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, nas súas sesións do 12 de xuño e do 12 de decembro de 2023, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2.h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou informar favorablemente a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos universitarios que se relacionan a seguir.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se revogue a autorización á Universidade da Coruña para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

Máster universitario en estudos avanzados sobre a linguaxe, a comunicación e as súas patoloxías. Título conxunto da Universidade da Coruña, a Universidade de Salamanca, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Zaragoza. Autorizado pola Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG do 12 de febreiro) e que figura inscrito no RUCT co código 4313558.

Artigo 2

Que se revogue a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

Máster universitario en historia contemporánea. Título conxunto pola Universidade Autónoma de Barcelona, a Universidade Autónoma de Madrid, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Cantabria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Zaragoza, a Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo e a Universitat de València (Estudi General). Autorizado polo Decreto 51/2006, do 23 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4311727.

Artigo 3

Que se revogue a autorización á Universidade de Vigo para impartir as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en dirección e administración de empresas-MBA pola Universidade de Vigo. Autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro (DOG do 23 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4312204.

2. Programa de doutoramento en ciencia e tecnoloxía de coloides e interfaces pola Universidade de Vigo. Autorizado pola Orde do 21 de xaneiro de 2014 (DOG do 31 de xaneiro), e que figura inscrito no RUCT co código 5600828.

Artigo 4. Garantías académicas

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades