DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70180

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Terra Nosa e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Vista a documentación relativa ao expediente de extinción da Fundación Terra Nosa, adscrita ao protectorado da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 11 de decembro de 2023 tivo entrada na Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Terra Nosa, adoptado polo Padroado o 6 de novembro de 2023.

Segundo. A Fundación Terra Nosa foi constituída mediante escritura pública outorgada no Porriño o 29 de marzo de 2019, ante a notaria Margarita Colunga Fidalgo co número 280 do seu protocolo. Esta fundación foi clasificada de interese para a defensa do medio natural pola Orde do 17 de xuño de 2019 (DOG núm. 123, do 1 de xullo) e declarada de interese galego mediante a Resolución do 17 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, (DOG núm. 145, do 1 de agosto). Figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2019/8.

Terceiro. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a fundación ten por finalidade e obxecto a protección do medio natural de Galicia a través da conservación da súa paisaxe, ecosistemas naturais e biodiversidade.

Cuarto. O padroado da Fundación, na súa reunión do 31 de outubro de 2023, aprobou o acordo de extinción por imposibilidade de realizar os seus fins fundacionais.

Quinto. No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O artigo 44 da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto acordo favorable do padroado ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segunda. O artigo 54 da Lei 12/2006 e o artigo 21 do Decreto 15/2009 establecen o acordo de extinción entre os actos suxeitos a inscrición no Rexistro de Fundacións.

Terceira. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, é competente para resolver esta solicitude segundo o Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Cuarta. En exercicio da facultade prevista no artigo 30 dos seus estatutos, o padroado da Fundación acorda que os bens e dereitos resultantes da liquidación sexan destinados á Fundación Paideia.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Terra Nosa, adoptado polo padroado da Fundación na súa reunión do 31 de outubro de 2023.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Terceiro. Declarar como destinataria dos bens e dereitos resultantes da liquidación a Fundación Paideia.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, se poida interpor recurso de reposición ante a Vicepresidenta Segunda e Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda
P.D. (Orde do 25.10.2019, DOG do 5 de novembro)
Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda