DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70177

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de decembro de 2023 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela con domicilio na praza da Inmaculada, nº 1, Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 7 de xullo de 2023, Olga Viqueira Silveira, vogal do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela constituíuna o Arcebispado de Santiago de Compostela, mediante escritura pública outorgada o 4 de xullo de 2022, co número de protocolo 2.162, ante o notario de Santiago de Compostela (A Coruña) Francisco López Moledo, que foi complementada por outra outorgada o 29 de maio de 2023, co número 1.622 do seu protocolo, na mesma localidade e ante o mesmo notario da anterior.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como fin «promover a conservación, restauración, investigación e difusión do patrimonio e o legado cultural da Arquidiocese de Santiago de Compostela».

4. O padroado inicial da Fundación, consonte o artigo 10 dos seus estatutos, está formado polo arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández, como presidente; o vicario xeral e moderador da Curia da Arquidiocese de Santiago de Compostela, José Andrés Fernández Farto, como vicepresidente; o canciller da arquidiocese, Elisardo Temperán Villaverde, como secretario; o ecónomo da arquidiocese, Fernando Barros Fornos, como tesoureiro; e o responsable do patrimonio, Mario Cotelo Felípez, o presidente do tribunal eclesiástico, Daniel Lorenzo Santos, a responsable do departamento de contabilidade, Olga Viqueira Silveira, e o asesor xurídico da arquidiocese, José Antonio Montero Vilar, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 13 de novembro de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes