DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70174

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de decembro de 2023 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación VAC-AN.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación VAC-AN, con domicilio na Praza Maior, número 15, en Lugo.

Feitos:

1. O 30 de xuño de 2023, Xosé Manuel Becerra Pallas, vogal do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación VAC-AN constituíuna Anne Margaret Bartlett Nikitik, mediante escritura pública outorgada o 12 de abril de 2023, ante a notaria de Lugo Natalia Prieto Alba, co número de protocolo 757.

Tras requirimento do 5 de setembro de 2023, o 6 de outubro a fundadora achegou, entre outra documentación, unha nova escritura outorgada o 20 de setembro de 2023, na mesma localidade e ante a mesma notaria da anterior, co número 1.750 do seu protocolo, en que emendou o indicado no citado requirimento.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como fins:

«– A conservación e difusión do legado do artista José Vázquez Cereijo, así como da súa obra e da súa colección privada, tanto nos aspectos artísticos como intelectuais ou biográficos, no contexto da arte e da cultura galega dos séculos XX e XXI.

– A promoción de actividades de estudo e investigación en todos os campos da cultura, especialmente no da pintura, o gravado e a poesía».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Anne Margaret Bartlett Nikitik, como presidenta; Silvia Longueira Castro, como vicepresidenta; María López Astorgano, como secretaria; e Xosé Manuel Becerra Pallas, Mónica María López Alonso, Vania María López Arias, Juan José Casabella López, Xoán Xosé Molina Vázquez, Francisco Ramón Basanta Piñeiro, Pilar Corredoira López, Juan Manuel Bonet Planes, Andrés García Trapiello, Carmen Lamas Pérez e Miguel Ángel Villarino Pérez, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación VAC-AN, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 20 de novembro de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación VAC-AN, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; previamente e con carácter potestativo, poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes