DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70167

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 13 de decembro de 2023 pola que se regula a tarifa específica +65 nos servizos públicos de transporte interurbano de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia.

A Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, regula o Plan de transporte público de Galicia (en diante, PTPG) como o instrumento mediante o cal se establece a ordenación dos servizos de transporte público regular da competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma, así como a coordinación do conxunto de servizos de transporte público que se desenvolvan na Comunidade Autónoma, establecendo como obxectivos deste os de facilitar a mobilidade das persoas en termos de igualdade, seguridade, calidade, eficiencia social e sostibilidade económico-financeira e medioambiental, fomentando e potenciando o uso prioritario do transporte público en calquera dos seus modos, facilitando a intermodalidade do servizo e a súa accesibilidade ás persoas.

En desenvolvemento da dita previsión legal, a Xunta de Galicia aprobou o PTPG, que no seu punto 6.6.1, referente aos principios xerais do sistema tarifario, prevé a posibilidade de establecer bonos sociais, vinculados a políticas ou actuacións transversais dos poderes públicos no ámbito social, en que se tomarán en consideración as condicións específicas das persoas usuarias ou das súas unidades familiares, tales como familias numerosas, estudantes, xubilados ou nivel de renda, sen que, en ningún caso, se establezan bonos sociais atendendo a criterios exclusivamente territoriais, como a residencia, ou a condicións discriminatorias, como a raza, a relixión ou a opinión da persoa usuaria.

Este mesmo punto 6.6.1 do PTPG prevé que, igualmente, xunto coas anteriores tarifas bonificadas poderán establecerse e xestionarse, no marco do sistema de transporte público, bonificacións adicionais promovidas pola propia Administración titular do servizo (...) ou por calquera outra Administración, entidade, agrupación ou colectivo interesado na promoción do transporte público ou na prestación dun servizo ao colectivo ao cal dirixan a súa actuación.

Estas previsións son complementadas coa do punto 6.7 do dito PTPG, que fai mención á intención da Xunta de Galicia de analizar a repercusión económica e a viabilidade da implantación dunha tarifa bonificada para maiores da ideade de xubilación establecida con carácter xeral en cada momento.

Acadada a plena implantación no conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia da denominada tarifa Xente Nova consonte co establecido pola Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 18 de decembro de 2019, pola que se regula a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, e analizada a súa evolución e as vantaxes sociais derivadas da súa implantación e utilización, apréciase a conveniencia de avanzar na liña prevista no citado punto 6.7 do PTPG, e proceder á implantación dunha tarifa específica para persoas maiores de 65 anos, que facilite o seu acceso ao sistema público de transporte da titularidade da Xunta de Galicia.

Para tal fin, recóllese nesta disposición o conxunto de regras que garantan a aplicación da nova tarifa +65 nos medios de transporte, na dobre vertente dos dereitos e das obrigas das persoas beneficiarias desta tarifa.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto desenvolver a regulación dunha tarifa específica aplicable ao colectivo de persoas usuarias dos servizos públicos de transporte regular interurbano de uso xeral incluídas na categoría de +65.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de +65 as persoas usuarias dos servizos públicos de transporte regular interurbano de uso xeral por estrada con idade superior a 65 anos.

A tarifa establecida consonte co anterior terá a denominación de tarifa +65.

Artigo 2. Tarifa aplicable

Ás persoas ás que lles resulte de aplicación a tarifa +65, que cumpra cos requisitos establecidos nesta orde, aplicaráselle unha tarifa de cero euros (0,00 €) nas viaxes interurbanas realizadas en servizos de transporte público regular de viaxeiros/as por estrada de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia, cun número máximo de sesenta (60) viaxes mensuais por persoa usuaria, e de acordo coas condicións de funcionamento establecidas nesta orde.

Artigo 3. Medio de pagamento requirido para a aplicación da tarifa +65

O medio de pagamento requirido para a aplicación da tarifa +65 é a Tarxeta da Mobilidade de Galicia (en diante, TMG) da que sexa titular a persoa que teña acceso a esta tarifa.

Este medio de pagamento poderá ser complementado ou, incluso, substituído, por unha tarxeta especifica desta tarifa +65, ou por outros sistemas no marco do proxecto plataforma galega de Mobilidade 4.0 que está desenvolvendo a Xunta de Galicia, para o que se estará ao establecido na disposición adicional terceira desta orde.

Artigo 4. Procedemento de aplicación da tarifa +65

1. A tarifa +65 aplicarase ás persoas titulares de tarxetas da Mobilidade de Galicia (TMG) que, consonte cos datos rexistrados no proceso de adquisición, ou os verificados pola Administración de oficio, sexan maiores de 65 anos.

Para a aplicabilidade desta tarifa, as ditas persoas aboarán coa súa tarxeta TMG os desprazamentos que realicen en calquera dos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros/as por estrada interurbanos de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo da posibilidade de utilización da TMG para o pagamento dun maior número de viaxes, ou de viaxes doutra natureza, a tarifa +65 dará dereito ao reintegro do 100 % do importe aboado polos servizos aos que lle resulta de aplicación, ata un máximo de 60 viaxes mensuais. Igualmente, no suposto de pagamento conxunto de varias viaxes con cargo á tarxeta TMG, multicancelación ou venda múltiple, só xerará dereito a primeira das viaxes aboadas, considerando que é a que corresponde á persoa usuaria destinataria desta tarifa.

No caso de persoas destinatarias desta tarifa que sexan titulares de máis dunha tarxeta TMG, a bonificación será aplicable unicamente ás viaxes pagadas coa última das ditas tarxetas adquiridas pola persoa interesada.

2. A Administración procesará en períodos quincenais as viaxes pagadas coa TMG por persoas maiores de 65 anos, para a fin de calcular os datos dos reintegros que deben operar respecto de cada tarxeta. Coa finalidade de facilitar a recepción da totalidade das transaccións realizadas nos medios de transporte, o dito cálculo realizarase a partir do décimo día natural posterior ao peche do correspondente período quincenal, logo do cal, os días 5 e 20 de cada mes poranse á disposición das persoas titulares destas tarxetas os reintegros que lles correspondan para a súa aceptación nos caixeiros da/s entidade/s financeira/s colaboradora/s.

3. As persoas usuarias disporán dun prazo de dous meses para aceptar o reintegro desde a data en que este se pon á súa disposición, caducando o dereito ao seu cobramento no caso de non o aceptar dentro do devandito prazo.

As persoas titulares poderán consultar en calquera momento o estado dos seus reintegros na páxina web: http://tmg.xunta.gal/consulta-tarxeta

Artigo 5. Obrigas das persoas titulares da TMG

1. As tarxetas TMG en xeral e, de xeito específico, aquelas que se obteñan por persoas maiores de 65 anos e xeren o dereito a acceder á tarifa +65, son de uso exclusivo da súa persoa titular, quen se responsabiliza da súa custodia e correcto uso, estando obrigada a comunicar á entidade financeira en que se expedira a súa perda ou deterioración para proceder á súa substitución ou anulación. O uso dunha TMG por unha persoa distinta da súa titular será causa suficiente para a súa anulación e, se é o caso, da perda do dereito á aplicación da tarifa +65.

2. No suposto de perda ou subtracción da tarxeta, será obriga da súa persoa titular, ou da persoa que a represente, a comunicación deste feito á entidade financeira colaboradora que corresponda. Nos casos de perda ou subtracción, a entidade financeira procederá á baixa da tarxeta, co que non resultará posible realizar operacións de recarga nela, logo do que poderá solicitarse a expedición dunha nova tarxeta TMG en substitución daquela.

No suposto de que por parte da Administración se verifique a utilización da tarxeta TMG por persoa diferente da súa titular, agás no suposto de comunicación previa da súa subtracción ou perda, a aceptación pola persoa titular do reintegro correspondente á tarifa +65 dará lugar á perda do dereito á obtención da dita bonificación e, por tanto, ao cesamento dos correspondentes reintegros a favor da persoa titular.

3. Para os efectos de facilitar os labores de control realizados por parte das empresas prestatarias dos servizos de transporte ou da Administración, as persoas titulares da tarxeta TMG deberán ir provistas durante a realización da viaxe dun documento acreditativo da idade e identidade (DNI ou análogo), estando obrigadas a amosar os documentos acreditativos da identidade no suposto de que sexan requiridas para tales efectos por parte do persoal da empresa de transporte ou das persoas que realicen os labores de control por parte da Administración, ou en colaboración coa Administración.

A negativa a facilitar a dita documentación acreditativa da identificación ao persoal da Administración ou ao da empresa de transporte, ou a imposibilidade de o facer, resultará equivalente en todo caso a un uso da tarxeta TMG por persoa distinta da súa titular, incorrendo a persoa titular da correspondente TMG en causa de perda do dereito á tarifa +65, agás que previamente se solicitase a súa cancelación na entidade financeira colaboradora como consecuencia da súa perda ou subtracción.

Artigo 6. Extinción do dereito á tarifa +65

O dereito a acceder á tarifa +65 perderase polo falecemento da súa persoa titular.

A tenza dunha tarxeta TMG por parte dunha persoa que, no momento da súa obtención declarase unha data de nacemento que dea dereito a acceder á tarifa +65, ou a aceptación pola súa parte dos reintegros previstos nesta orde, habilitará a Dirección Xeral de Mobilidade a realizar consultas aos rexistros oficiais correspondentes, referentes á súa idade e vixencia, ou a requirirlle, con suspensión dos procedementos de reintegro dos importes correspondentes a esta tarifa, á persoa interesada a achega da documentación xustificativa da dita idade e da vixencia das circunstancias que dan dereito á aplicación desta tarifa.

Co falecemento da persoa titular da tarxeta TMG á cal lle resultase de aplicación a tarifa +65 cesará o pagamento das correspondentes bonificacións, decaendo o dereito ao cobramento de calquera reintegro relacionado con esta tarifa.

Disposición adicional primeira. Disposicións complementarias aplicables á tarifa +65

No non regulado de forma expresa nesta orde, e en canto non se establezan por parte da dirección xeral competente en materia de transporte regras específicas aplicables ao sistema de transporte, resultarán de aplicación á tarifa +65 as regras xerais de aplicación ao Plan de transporte público de Galicia e a Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG).

Disposición adicional segunda. Aplicación da tarifa +65 nun sistema integrado de transportes

A persoa titular da dirección xeral competente en materia de transportes poderá acordar a aplicación da tarifa +65, ou o cese da súa aplicación, a outros servizos de transporte público interurbano diferentes dos servizos públicos previstos no artigo 2 desta orde, que se desenvolvan como parte do sistema integrado de transportes de Galicia.

Inicialmente, entenderase aplicable esta tarifa aos servizos de transporte público regular de viaxeiros/as de uso xeral en augas interiores de Galicia integrados na área de transporte metropolitano (ATM) de Vigo e aos servizos ferroviarios integrados na ATM de Ferrol, sen que esta consideración supoña limitación á posibilidade de acordar o cesamento da súa aplicación prevista na aliña anterior.

Disposición adicional terceira. Innovación tecnolóxica

Mediante resolución da dirección xeral competente en materia de transportes poderá acordarse a habilitación doutros medios tecnolóxicos equivalentes que complementen ou, incluso, substitúan a tarxeta TMG como medio tecnolóxico habilitado para a aplicación da tarifa +65; nese caso, a disposición pola que se acorde a habilitación deses outros modos incorporará as condicións de acceso e utilización que lles resulten de aplicación.

Igualmente, a dita dirección xeral poderá acordar canles adicionais ou que substitúan as previstas nesta orde para a distribución e xestións relacionadas coa Tarxeta +65, ou medios tecnolóxicos que a complementen ou substitúan, se é o caso; e, igualmente, poderá establecer requisitos adicionais de aplicación da tarifa +65, incluída a identificación da persoa titular dela ante persoal da Administración ou de entidades colaboradoras desta, ou a aceptación por esta de requisitos adicionais que se establezan para a súa utilización.

Disposición transitoria. Aplicabilidade da tarifa +65

A tarifa +65 será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2024 ou, de ser posterior, desde a entrada en vigor da presente orde, mantendo a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2024, prazo que poderá ser ampliado por resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de transportes, logo da tramitación administrativa e contable pertinentes.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e modificación

Habilítase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de transportes para ditar os actos de execución e interpretación que resulten oportunos en aplicación desta orde.

Igualmente, logo da tramitación administrativa e contable pertinentes, por resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de transportes poderase modificar o volume de utilización dos servizos de transporte aplicables na tarifa +65 que establece esta orde, ou o abano de idade requirido para acceder á dita tarifa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Consonte co que establece a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a presente orde tramítase como expediente anticipado de gasto, polo que o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade