DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70183

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2024.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante a Resolución do 14 de febreiro de 2013, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza aprobou o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2013 (DOG núm. 44, do 4 de marzo). Este plan foise renovando con carácter anual por medio de sucesivas resolucións, sendo a máis recente a Resolución do 20 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2023 (DOG núm. 6, do 10 de xaneiro).

Segundo. A Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia presentou o 29 de setembro de 2023 un formulario normalizado MT806B, Aprobación de plans de aproveitamento para a pesca profesional da anguía en augas continentais, para solicitar a renovación do Plan da anguía na bacía do río Tambre para o ano 2024.

Terceiro. De acordo co establecido no artigo 9.3 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, a renovación do plan que se aproba foi sometido a informe da Consellería do Mar, por afectar a zona de desembocadura.

Cuarto. Solicitouse informe á Sección de Biodiversidade por estar dentro dun espazo natural protexido, a ZEC Esteiro do Tambre e porque a pesqueira se desenvolve en zona de presenza e prioritaria da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp lusitanica).

Quinto. O 13.12.2023, o Servizo do Patrimonio Natural da Coruña efectuou unha proposta de resolución para a aprobación da renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2024.

Sexto. Segundo establece o artigo 9.2 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, a renovación dos plans de aproveitamento procederá sempre que non se pretendan modificacións no referente ao incremento do esforzo de pesca ou a modificación de zonas dentro da bacía fluvial, e sempre que os informes técnicos cos que conte o Servizo Provincial do Patrimonio Natural non aconsellen modificacións do plan vixente, criterios que se cumpren segundo a proposta de resolución do Servizo do Patrimonio Natural da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, regula a pesca profesional da anguía mediante a aprobación e renovación de plans de aproveitamento específicos no marco do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 1 de outubro de 2010 e do artigo 88.2 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e de ecosistemas acuáticos continentais.

Segundo. A competencia para ditar a resolución de renovación dos plans de aproveitamento específico correspóndelle á xefa territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, conforme o establecido no artigo 9.4 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o disposto no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG, núm. 79, do 25 de abril).

Resolución.

Visto o exposto nos antecedentes e fundamentos de dereito, acórdase a aprobación da renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2024, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo de 1 mes que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 14 de decembro de 2023

Cristina Carrión Rodríguez
Xefa territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de
Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO

Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura
do río Tambre para o ano 2024

A. Artes de pesca:

a. Arte tradicional denominada nasa voitirón con rede de malla non inferior aos 14 mm, medidos en diagonal e mollada.

b. As artes de pesca de cada cadea deberán estar unidas por unha corda e en cada extremo dela unha boia, dun tamaño mínimo de 20 cm. Na de menor dimensión indicarase o folio da embarcación que opera con ela.

c. As cadeas de nasas deberán situarse en dirección paralela á corrente e non poderán cruzarse nin na canle nin no esteiro.

d. Programarase o tendido das artes de xeito que sempre quede libre un largo do río suficiente para o normal movemento das especies piscícolas migradoras.

B. Zona dentro da bacía fluvial e períodos de pesca:

a. Delimitación: tramo do río Tambre comprendido entre a liña que une punta Testal con punta Requeixo e Ponte Nafonso (exceptúase a zona de desembocadura do río Tines, delimitada no mapa 10 do Decreto 75/2013, 10 de maio, polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia. (DOG núm. 102, do 30 de maio).

b. Período de pesca: desde o 1 de maio ata o 30 de setembro de 2024.

C. Horas de pesca diarias.

a. O horario de pesca estará comprendido entre as 12.00 horas do luns ata as 12.00 horas do sábado, cun máximo de 8 horas diarias de traballo.

b. As nasas voitirón deberán ser levantadas e revisadas diariamente.

c. Queda prohibido ter máis dunha cadea sen baleirar na cuberta da embarcación.

D. Número de aparellos ou artes de pesca por persoa e xornada de pesca.

a. O número máximo de artes de pesca que se empregue non poderá ser superior a dez (10) por tripulante e xornada de pesca non se poderá acumular o número asignado dun tripulante a outro.

E. Cota de captura por temporada de pesca e talla mínima de captura.

a. Total admisible de capturas (TAC) por temporada de pesca: 1.000 kg. Unha vez acadado o TAC pecharase a tempada.

b. A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.

c. Devolverase ao río calquera outra especies que entre nas nasas voitirón.

d. Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela», e deberanse devolver á auga inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».

F. Relación de embarcacións e número de tripulantes por embarcación autorizados.

a. Benigna, con matrícula 3ªCO-7-2015, que contará cun máximo de 2 tripulantes.

b. Baña, con matrícula 3ªCO-7-2580, que contará cun máximo de 3 tripulantes.

G. Sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo Provincial do Patrimonio Natural.

a. Cada mes, a confraría remitirá a declaración das capturas por especie e por día traballado ao Servizo do Patrimonio Natural, vía fax (981 18 46 54) ou por correo electrónico ao enderezo caza.pesca.coruna@xunta.gal. Ademais, remitirase a seguinte información: o día, número de tripulantes, número de nasas empregadas, quilogramos capturados de anguía e, ademais, indicación das especies capturadas non obxecto da pesqueira.

b. Así mesmo, remitirase o parte das especies capturadas e liberadas de lamprea, zamborca e salmón, se for o caso.

c. Os axentes da autoridade con funcións de policía e custodia dos recursos piscícolas e dos seus hábitats poderán realizar a inspección de embarcacións co obxecto de facer as comprobacións oportunas sobre as capturas.

H. Sistema de comercialización das capturas e o seu control.

a. A comercialización levarase a cabo na lonxa de Noia. Os participantes no plan teñen a obriga de entregar a totalidade das capturas.

b. Cada mes, xunto coas declaracións de capturas, os participantes no plan remitirán ao Servizo Provincial do Patrimonio Natural o xustificante das vendas en lonxa. Remitiranse aos mesmos lugares indicados no punto G.a.

I. Esta resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca, en particular o regulado na Orde do 31 de marzo de 2014 pola que se regula a comercialización en orixe de especies eurihalinas de interese comercial (DOG núm. 69, do 9 de abril).