DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70188

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2023 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), adscrita ao protectorado da Consellería de Economía, Industria e Innovación, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 2 de outubro de 2023 presentouse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), adoptado polo Padroado o 20 de abril de 2023.

Segundo. A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) foi constituída en escritura pública, outorgada na Coruña o 10 de maio de 2006 ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Arman, co número de protocolo 1.482, e foi clasificada de interese industrial mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 28 de xuño de 2006 (DOG núm. 139, do 19 de xullo). Mediante a Orde da Consellería de Innovación e Industria (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación) do 15 de setembro de 2006 (DOG núm. 197, do 11 de outubro), foi declarada de interese galego, figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2006/11 e correspóndelle á Consellería de Economía, Industria e Innovación o exercicio das funcións de protectorado en relación coa dita fundación.

Terceiro. A Fundación ten como fin principal, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a mellora e o aproveitamento dos recursos enerxéticos provinciais, así como a sensibilización das autoridades locais, empresas e cidadanía sobre a escaseza de recursos enerxéticos. Ademais, ten os seguintes fins:

a) Incentivar a difusión do uso racional da enerxía, dos recursos enerxéticos locais e das fontes renovables nos sectores de produción de bens e servizos (peme e industria), en colaboración co Inega; Administración pública, en colaboración co Inega, e sector doméstico.

b) Favorecer a diversificación, información e utilización óptimas das enerxías renovables.

c) Mellorar a seguridade enerxética.

d) Promover e manter o aforro enerxético.

e) Favorecer a integración dos obxectivos enerxéticos nos sectores ambientais e nos sectores produtivos locais.

f) Protexer o medio e reducir o impacto da polución e uso da tecnoloxía.

g) Reforzar e favorecer a investigación tecnolóxica sobre a enerxía.

Cuarto. O Padroado da Fundación, na súa reunión do 20 de abril de 2023, acordou a extinción da Fundación por non poder realizar o fin fundacional (falta de medios económicos e sostibilidade financeira futura). No dito acordo establecíase a eficacia demorada da extinción con data do 30 de xuño de 2023.

Quinto. No expediente tramitado consta a seguinte documentación:

– Certificado do acordo de extinción adoptado polo Padroado.

– Memoria xustificativa da causa da extinción.

– As contas da Fundación na data de efectos do acordo de extinción.

– Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo Padroado da Fundación en virtude do disposto no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación), en relación coa disposición transitoria do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 112, do 15 de xuño), e en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (en diante, Lei 12/2006).

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante, Decreto 15/2009), correspóndelle á Consellería de Economía, Industria e Innovación a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza o protectorado.

Segundo. O artigo 44.1.c) e 3 da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, e é necesario para tal efecto o acordo favorable do Padroado, ratificado polo Protectorado. O mesmo artigo establece no número 6 que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da Fundación, e foi aprobado mediante acordo do Padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación establecida nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (en diante, Decreto 14/2009).

Polo exposto e de conformidade co establecido na Lei 12/2006; no Decreto 14/2009; no Decreto 15/2009 e na demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), adoptado polo Padroado na súa reunión do 20 de abril de 2023.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación
P.D. (Orde do 9.2.2023; DOG núm. 34, do 17 de febreiro)
José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía,
Industria e Innovación