DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70192

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 7 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade á Resolución do 5 de decembro de 2023 pola que se modifica e prorroga a encomenda ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a execución dun servizo de transporte aos centros públicos competencia da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.

Mediante a Resolución do 5 de decembro de 2023 modifícase e prorrógase a encomenda ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a execución dun servizo de transporte aos centros públicos competencia da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia, publícase no Diario Oficial de Galicia o contido mínimo da dita resolución:

– Actividade. Servizo consistente no traslado dos usuarios do Centro ocupacional O Saiar, do Centro de atención a persoas con discapacidade de Redondela e do Centro de atención a persoas con discapacidade de Sarria, para o desenvolvemento das actividades propias dos centros.

O servizo consistente na modalidade de carácter regular (dez desprazamentos por semana ida e volta, de luns a venres, que supoñen un total de 250 desprazamentos anuais) das persoas usuarias do Centro ocupacional O Saiar e dos centros de atención a persoas con discapacidade de Redondela e Sarria, aboarase en función do prezo por vehículo/día.

O servizo de carácter puntual (dous desprazamentos por semana, ida e volta na fin de semana) das persoas usuarias de servizos residenciais dos centros de atención a persoas con discapacidade de Redondela e Sarria aboarase en función do prezo por servizo/día.

– Natureza e alcance da xestión encomendada. Esta encomenda ao Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar ten natureza intersubxectiva. Consonte o previsto polos artigos 47 e 95 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e para os efectos previstos nos artigos 6.3 e 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Consellería de Política Social e Xuventude.

– Prazo de vixencia. A prórroga comeza o 1 de xaneiro de 2024 e rematará o 31 de decembro de 2024.

– Finalización anticipada: esta encomenda resolverase anticipadamente nos seguintes casos:

• Cumprimento do seu obxecto antes da data establecida para a súa finalización.

• Imposibilidade de realización das actividades encomendadas.

• Incumprimento dalgunha das obrigas ou actividades encomendadas ou dos prazos previstos.

• Revogación por resolución motivada do órgano encomendante.

• As demais previstas na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.D. (Orde do 3.3.2016. DOG nº 54, do 18 de marzo)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude