DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2023 Páx. 68352

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 28 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se publica a Resolución do 12 de maio de 2023 mediante a que se arquiva o expediente do parque eólico Pena Ombra e se cancela unha garantía económica depositada por Greenalia Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2017/040).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 12 de maio de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Pena Ombra e se cancela unha garantía económica depositada por Greenalia Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2017/040).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A antedita Resolución do 12 de maio de 2023 dispón o seguinte:

1. Aceptar a solicitude de Greenalia Wind Power, S.L.U., arquivar e declarar concluso o procedemento instruído en relación co expediente do parque eólico Pena Ombra (expediente IN408A 2017/040), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U.

2. Cancelar a garantía económica depositada por Greenalia Power, S.L. na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 500.000 €, con data do 13 de decembro de 2017 e número de rexistro 3552/2017, para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Pena Ombra.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 13 de decembro de 2017, Greenalia Power, S.L. depositou unha garantía económica por importe de 500.000 € e número de rexistro 3552/2017, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Pena Ombra.

2. O 15 de decembro de 2017, Greenalia Power ,S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública para o proxecto denominado parque eólico Pena Ombra, ao abeiro do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

3. O 5 de febreiro de 2020, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Pena Ombra, ao abeiro do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

4. Mediante a Resolución do 8 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Pena Ombra, sito nos concellos de Guitiriz (Lugo), Curtis e Sobrado (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2017/040). A dita resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia, do 8 de marzo de 2021 (DOG nº 45).

5. O 22 de decembro de 2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto do parque eólico Pena Ombra, nos termos propostos polo Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

6. O 9 de maio de 2023, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou a esta dirección xeral o arquivamento do expediente administrativo do proxecto do parque eólico Pena Ombra (expediente IN408A 2017/040), ante a imposibilidade de continuar coa tramitación do proxecto, a teor da formulación da declaración de impacto ambiental desfavorable, e a devolución da garantía económica por importe de 500.000 € e número de rexistro 3552/2017.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais