DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2023 Páx. 68349

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 28 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se publica a Resolución do 1 de marzo de 2023 mediante a que se arquiva o expediente do parque eólico Puza e se cancela unha garantía económica depositada por Alto de Puza, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2020/015).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 1 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Puza e se cancela unha garantía económica depositada por Alto de Puza, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2020/015).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A antedita Resolución do 1 de marzo de 2023 dispón o seguinte:

1. Aceptar a desistencia de Alto de Puza, S.L., arquivar e declarar concluso o procedemento instruído en relación co expediente do parque eólico Puza (expediente IN408A 2020/015), promovido por Alto de Puza, S.L.

2. Cancelar a garantía económica depositada por Alto de Puza, S.L. na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 1.920.000 €, con data do 10 de xuño de 2021 e número de rexistro 2021/90/969, para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Puza.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 1 de decembro de 2017, Adelanta Corporación, S.A. depositou unha garantía económica por importe de 480.000 € e número de rexistro 707/2017, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Puza.

2. O 5 de febreiro de 2020, Adelanta Corporación, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial para o proxecto denominado parque eólico Puza, ao abeiro do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

3. O 12 de novembro de 2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais autorizou a transmisión de titularidade do expediente administrativo do parque eólico Puza (expediente IN408A 2020/015), a favor de Alto de Puza, S.L.

4. Mediante a Resolución do 5 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Puza, localizado nos concellos de Avión e da Lama, promovido por Alto de Puza, S.L. (expediente IN408A 2020/15). A dita resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia, do 17 de febreiro de 2021 (DOG nº 32).

5. O 11 de xuño de 2021, Alto de Puza, S.L. presentou o resgardo do depósito dunha garantía económica por importe de 1.920.000 €, con data do 10 de xuño de 2021 e número de rexistro 2021/90/969, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Puza.

6. O 29 de xullo de 2021, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, cancelouse a garantía económica depositada por Adelanta Corporación, S.A. por importe de 480.000 € e número de rexistro 707/2017.

7. O 6 de decembro de 2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto do parque eólico Puza, nos termos propostos polo Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

8. O 20 de febreiro de 2023, Alto de Puza, S.L. comunicou á súa desistencia á tramitación da autorización administrativa para o parque eólico Puza (expediente IN408A 2020/015) ao existiren circunstancias impeditivas para a execución do proxecto, a teor da formulación da declaración de impacto ambiental desfavorable, e solicitou a devolución da garantía económica por importe de 1.920.000 € e número de rexistro 2021/90/969.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais