DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2023 Páx. 68346

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, dunha instalación eléctrica nos concellos do Barco de Valdeorras e Carballeda de Valdeorras (expediente IN407A 2022/144-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de I-de Redes Eléctricas Inteligentes, S.A.U. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:

Solicitante: I-de Redes Eléctricas Inteligentes, S.A.U.

Domicilio social: avenida de San Adrián, 48, 48003 Bilbao.

Denominación: reforma da LAAT a 20 kV 01-Pumares da ST CH Sobradelo (3182).

Situación: concellos do Barco de Valdeorras e Carballeda de Valderorras.

Orzamento: 181.346,19 €.

Características principais do proxecto que foi asinado en decembro de 2021 polo enxeñeiro técnico industrial Roberto Lozano Fresneda, colexiado núm. 2.871 do colexio profesional de enxeñeiros técnicos industriais de Valladolid:

– Substitución na LMT a 20 kV 01-Pumares da ST CH Sobradelo dos apoios existentes núms. 4, 7, 9, 21, 22, 23, 24, 28, 34, 35, 37, 41, 42, 44, 45 e 46 por novos apoios proxectados, de celosía metálica, do tipo C-12/2000, C-18/2000, C-18/2000, C-16/2000, C-16/2000, C-16/2000, C-16/2000, C-16/2000, C-14/2000, C-18/2000, C-14/2000, C-16/2000, C-14/2000, C-18/2000, C-16/2000 e C-14/2000, respectivamente.

– Desmontaxe na LMT a 20 kV 01-Pumares da ST CH Sobradelo dos apoios de formigón existentes núm. 39 e núm. 40 e instalación de novos apoios proxectados núms. 39N e 40N, de celosía metálica, do tipo C-14/2000 e C-12/2000.

– Substitución na LMT a 20 kV 01-Pumares da ST CH Sobradelo do condutor existente e instalación de 1.604 m de novo condutor proxectado do tipo LA-56.

– Desmontaxe do treito de liña aérea da LMT a 20 kV 01-Pumares da ST CH Sobradelo entre os apoios proxectados núms. 39N e 40N, que pasa a soterrado, proxectando nova LMTS, a 20 kV, de 121 m de lonxitude, en condutor tipo HEPRZ1 12/20 kV 3(1×240), coa orixe no paso A/S no apoio proxectado núm. 39N e final no paso A/S no apoio proxectado núm. 40N.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 12.6.2023, que foi inserido no DOG do 25.8.2023 e no xornal La Región de Ourense do 26.6.2023. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non foron presentadas alegacións.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 15 de novembro de 2023

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense