DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2023 Páx. 68354

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 28 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se publica a Resolución do 2 de marzo de 2023 mediante a cal se arquiva o expediente do parque eólico Pedra Longa e se cancela unha garantía económica depositada por Pedra Longa Eólica, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2019/32).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 2 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Pedra Longa e se cancela unha garantía económica depositada por Pedra Longa Eólica, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2019/32).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A dita resolución dispón o seguinte:

1. Aceptar a desistencia de Pedra Longa Eólica, S.L., arquivar e declarar concluído o procedemento instruído en relación co expediente do parque eólico Pedra Longa (expediente IN408A 2019/32), promovido por Pedra Longa Eólica, S.L.

2. Cancelar a garantía económica depositada por Pedra Longa Eólica, S.L.U. na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 672.000 €, data 18 de novembro de 2020 e número de rexistro 2020/90/1572, para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Pedra Longa.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 16 de maio de 2019, Adelanta Corporación, S.A. depositou unha garantía económica por importe de 672.000 € e número de rexistro 233/2019, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Pedra Longa.

2. O 16 de maio de 2019, Adelanta Corporación, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial para o proxecto denominado parque eólico Pedra Longa, ao abeiro do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

3. O 20 de maio de 2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais autorizou a transmisión de titularidade do expediente administrativo do parque eólico Pedra Longa (expediente IN408A 2019/32), a favor de Pedra Longa Eólica, S.L.

4. O 24 de xuño de 2020, Pedra Longa Eólica, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o proxecto denominado parque eólico Pedra Longa, ao abeiro do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

5. O 18 de novembro de 2020, Pedra Longa Eólica, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 672.000 € e número de rexistro 2020/90/1572, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Pedra Longa.

6. O 2 de febreiro de 2021, por resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais cancelouse a garantía económica depositada por Adelanta Corporación, S.A por importe de 672.000 €, con número de rexistro 233/2019.

7. Pola Resolución do 16 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Pedra Longa, situado nos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade, na provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2019/32). A dita resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 1 de xullo de 2022 (DOG núm. 125).

8. O 16 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto do parque eólico Pedra Longa, nos termos propostos polo Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

9. O 24 de febreiro de 2023, Pedra Longa Eólica, S.L. comunicou a súa desistencia respecto da tramitación da autorización administrativa para o parque eólico Pedra Longa (expediente IN408A 2019/32) ao existiren circunstancias impeditivas para a execución do proxecto, a teor da formulación da declaración de impacto ambiental desfavorable, e solicitou a devolución da garantía económica por importe de 672.000 € e número de rexistro 2020/90/1572.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais