DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2023 Páx. 68357

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 28 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se publica a Resolución do 27 de outubro de 2023 mediante a que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, se arquiva o expediente instruído do parque eólico O Vao, sito nos concellos de Mazaricos e Outes (A Coruña) e promovido por Green Capital Development XXIV, S.L., e se cancela unha garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2020/028).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 27 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, se arquiva o expediente instruído do parque eólico O Vao, sito nos concellos de Mazaricos e Outes (A Coruña) e promovido por Green Capital Development XXIV, S.L. e se cancela unha garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2020/028).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A antedita Resolución do 27 de outubro de 2023 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico O Vao, sito nos concellos de Mazaricos e Outes (A Coruña) e promovido por Green Capital Development XXIV, S.L., logo da declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16 de xaneiro de 2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico O Vao (expediente IN408A 2020/028).

3. Cancelar a garantía depositada por Green Capital Development XXIV, S.L. o 15 de outubro de 2019, por importe de 1.260.000 € e número de rexistro 1188/19, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico O Vao.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 15 de outubro de 2019, Green Capital Development XXIV, S.L. depositou unha garantía económica por importe de 1.260.000 € e número de rexistro 1188/19, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico O Vao.

2. O 13 de febreiro de 2020, Green Capital Development XXIV, S.L. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico O Vao, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

O 15 de setembro de 2020 notificóuselles o cumprimento dos requisitos a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 24 de setembro de 2020, Green Capital Development XXIV, S.L. presentou o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa do parque eólico O Vao.

3. O 30 de abril de 2021, Green Capital Development XXIV, S.L. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico O Vao, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

O 11 de novembro de 2021 notificóuselles o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

4. O 18 de xullo de 2022 publicouse no DOG nº 136 o Acordo do 7 de xullo de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) (PIA) do proxecto do parque eólico O Vao, nos concellos de Outes e Mazaricos (A Coruña) (expediente IN408A 2020/028).

5. O 16 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico O Vao, que a fixo pública mediante o Anuncio do 17 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro).

6. O 3 de xullo de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle a Green Capital Development XXIV, S.L. o Acordo da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico O Vao, sito nos concellos de Mazaricos e Outes (A Coruña) e promovido por Green Capital Development XXIV, S.L. (expediente IN408A 2020/028).

7. Nesta dirección xeral non consta alegación ningunha de Green Capital Development XXIV, S.L. ao antedito acordo.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais