DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2023 Páx. 68363

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 28 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se publica a Resolución do 14 de novembro de 2023 mediante a que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, se arquiva o expediente instruído do parque eólico Alto da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U., e se cancela unha garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2020/154B).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 14 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, se arquiva o expediente instruído do parque eólico Alto da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U., e se cancela unha garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2020/154B).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A antedita Resolución do 14 de novembro de 2023 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Alto da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido pola sociedade EDP Renovables España, S.L.U., logo da declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23 de xaneiro de 2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Alto da Croa (expediente IN408A 2020/154B).

3. Cancelar a garantía depositada por EDP Renovables España, S.L.U. o 25 de xaneiro de 2018, por importe de 429.000 € e número de rexistro 52/2018, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Alto da Croa.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 25 de xaneiro de 2018, EDP Renovables España, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 429.000 € e número de rexistro 52/2018, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Alto da Croa.

2. O 21 de decembro de 2020, EDP Renovables España, S.L.U. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Alto da Croa, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

O 2 de xullo de 2021 notificóuselles o cumprimento dos requisitos a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 12 de xullo de 2021, EDP Renovables España, S.L.U. presentou o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa do parque eólico Alto da Croa.

3. O 3 de agosto de 2021, EDP Renovables España, S.L.U. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Alto da Croa, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

O 17 de novembro de 2021 notificóuselles o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

4. O 8 de abril de 2022 publicouse no DOG nº 69 o Acordo do 24 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Alto da Croa, nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) (expediente IN408A 2020/154B).

5. O 23 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Alto da Croa, que a fixo pública mediante o Anuncio do 23 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro).

6. O 3 de xullo de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle a EDP Renovables España, S.L.U. o Acordo da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico Alto da Croa, sito nos concellos de Dumbría e Vimianzo (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. (expediente IN408A 2020/154B).

7. O 12 de xullo de 2023, EDP Renovables España, S.L.U. contestou o antedito acordo e solicita acceso ao expediente e aos informes emitidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Natural no marco do expediente de referencia.

8. O 12 de xullo de 2023, esta dirección xeral remitiulle a EDP Renovables España, S.L.U. os seguintes informes da Dirección Xeral do Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 20 de xaneiro de 2023.

9. Con posterioridade á emisión dos anteditos informes, cos cales completan o expediente da tramitación ambiental do parque eólico de referencia, non consta nesta dirección xeral alegación ningunha.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais