DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 13 de decembro de 2023 Páx. 68366

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO do 28 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se publica a Resolución do 24 de outubro de 2023 mediante a que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, se arquiva o expediente instruído do parque eólico A Picota, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido polo Parque Eólico A Picota, S.L., e se cancela unha garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2018/012).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 24 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción, se arquiva o expediente instruído do parque eólico A Picota, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido polo Parque Eólico A Picota, S.L., e se cancela unha garantía económica depositada para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte (expediente IN408A 2018/012).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A antedita Resolución do 24 de outubro de 2023 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico A Picota, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido pola sociedade Parque Eólico A Picota, S.L., logo da declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20 de xaneiro de 2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico A Picota (expediente IN408A 2018/012).

3. Cancelar a garantía depositada polo Parque Eólico A Picota, S.L. o 2 de xuño de 2020, por importe de 420.000 € e número de rexistro 355/2020, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico A Picota.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución

1. O 27 de decembro de 2017, Villar Mir Energía, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 420.000 € e número de rexistro 3614/2017, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico A Picota. O 5 de maio de 2020, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Energía e Minas, cancelouse a dita garantía económica.

2. O 20 de marzo de 2018, Villar Mir Energía, S.L.U. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico A Picota, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

O 22 de maio de 2018 notificóuselles o cumprimento dos requisitos a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 5 de xuño de 2018, Villar Mir Energía, S.L.U. presentou o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa do parque eólico A Picota.

3. O 31 de outubro de 2019, Villar Mir Energía, S.L.U. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico A Picota, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

O 3 de febreiro de 2020 notificóuselles o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

4. O 20 de xaneiro de 2020, Villar Mir Energía, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 420.000 € e número de rexistro 33/2020, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico A Picota. O 7 de maio de 2021, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, cancelouse a dita garantía económica.

5. O 2 de xuño de 2020, o Parque Eólico A Picota, S.L. depositou unha garantía económica por importe de 420.000 € e número de rexistro 355/2020, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico A Picota.

6. O 19 de xuño de 2020, Villar Mir Energía, S.L.U. presentou unha nova solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico A Picota, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

O 1 de decembro de 2020 notificóuselles o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

7. O 4 de marzo de 2021, mediante a Resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente administrativo do parque eólico A Picota (IN408A 2018/012), a favor do Parque Eólico A Picota, S.L.

8. O 27 de outubro de 2021 publicouse no DOG nº 207 o Acordo do 15 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico A Picota, no concello de Mazaricos (expediente IN408A 2018/012).

9. O 20 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico A Picota, que a fixo pública mediante o Anuncio do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro).

10. O 3 de xullo de 2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao Parque Eólico A Picota, S.L. o Acordo da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivamento do expediente instruído do parque eólico A Picota, sito no concello de Mazaricos (A Coruña) e promovido polo Parque Eólico A Picota, S.L. (expediente IN408A 2018/012).

11. O 20 de outubro de 2023, o Parque Eólico A Picota, S.L. solicitou a devolución da garantía económica por importe de 420.000 € e número de rexistro 355/2020.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais