DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2023 Páx. 63585

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución de clasificación de terreos adquiridos pola Comunidade de Furís, propietaria do monte Serra da Lagúa e Cabanelas, no concello de Castroverde (expediente 24/78).

De acordo co artigo 57.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, as adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirán a autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos.

En relación con isto, na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 9.10.2023, figura o seguinte acordo:

MVMC Serra da Lagúa e Cabanelas (expediente 24/78), pertencente aos veciños da parroquia de Furís, no concello de Castroverde.

O 29.1.2020 tivo entrada unha solicitude, presentada pola Comunidade de Furís, de autorización para a compra da parcela con referencia catastral 27011A147001660000TK.

Esta compra foi autorizada pola Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Lugo mediante a Resolución do 18.3.2020, e a súa adquisición foi elevada a escritura pública o 9.10.2020, e acreditada ante a Administración o 21.6.2023.

Con data do 10.7.2023 o Servizo de Montes elaborou unha memoria (2020_4) na cal se especifican as modificacións que se producen como consecuencia da incorporación da dita parcela no MVMC Serra da Lagúa e Cabanelas, que pasa a ter unha superficie de 546,6 hectáreas.

En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñais en man común os terreos adquiridos pola Comunidade de Furís e realizar a actualización correspondente no expediente, de conformidade coa memoria técnica elaborada polo Servizo de Montes.

Contra este acordo poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 3 de novembro de 2023

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Lugo