DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2023 Páx. 63587

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 6 de novembro de 2023 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Rodal de Cerdedelo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cerdedelo e O Pereiro, no concello de Laza.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Rodal de Cerdedelo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Cerdedelo e O Pereiro, no concello de Laza, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 22.9.2022 a CMVMC de Cerdedelo e O Pereiro presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2329692) de revisión de esbozo do MVMC Rodal de Cerdedelo, no concello de Laza.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 29.4.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 8 de febreiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe algunhas partes do perímetro lindeiras con particulares, sen que resulte unha liña continua, pois aparecen dúbidas de propiedade, non resoltas, nas zonas non definidas.

A superficie do MVMC Rodal de Cerdedelo resulta de 315,27 ha fronte ás 328 ha da clasificación, o que supón unha redución de superficie dun 4 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable de revisión do esbozo do MVMC Rodal de Cerdedelo.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 8 de febreiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Rodal de Cerdedelo, pertencente á CMVMC de Cerdedelo e O Pereiro, no concello de Laza.

Ourense, 6 de novembro de 2023

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo