DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2023 Páx. 63589

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 6 de novembro de 2023 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Serra de San Salvador e Serra de Meda, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Infesta e Paradiña, no concello de Monterrei.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Serra de San Salvador e Serra de Meda, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Infesta e Paradiña, no concello de Monterrei, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 28.9.2022 a CMVMC de Infesta e Paradiña presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2384594) de revisión de esbozo do MVMC Serra de San Salvador e Serra de Meda, no concello de Monterrei.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 22.5.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 7 de febreiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe unicamente as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Serra de San Salvador e Serra de Meda, unha vez revisado o esbozo, resulta de 1.291,39 ha fronte ás 1.262 ha do acordo de clasificación inicial. Hai, polo tanto, un aumento de superficie dun 2 %, non provocado pola presente revisión de esbozo senón polos deslindamentos anteriores.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Serra de San Salvador e Serra de Meda.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 7 de febreiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Serra de San Salvador e Serra de Meda, pertencente á CMVMC de Infesta e Paradiña, no concello de Monterrei.

Ourense, 6 de novembro de 2023

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo