DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 17 de novembro de 2023 Páx. 63591

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 6 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 3 de novembro de 2023 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Maxedo e do de Madelo, Altoviñas, Torgal e Fonte Branca, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pradocabalos, no concello de Viana do Bolo.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Maxedo e do de Madelo, Altoviñas, Torgal e Fonte Branca, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Pradocabalos, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 19.9.2022 a CMVMC de Pradocabalos presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2298155) de revisión de esbozo do MVMC Maxedo e do MVMC Madelo, Altoviñas, Torgal e Fonte Branca, no concello de Viana do Bolo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 27.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 7 de febreiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe unicamente as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC Maxedo, unha vez revisado o esbozo, resulta de 608,38 ha fronte ás 680 ha do acordo de clasificación inicial. A superficie do MVMC Madelo, Altoviñas, Torgal e Fonte Branca, unha vez revisado o esbozo, resulta de 93,85 ha fronte ás 92 ha do acordo de clasificación inicial.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo dos MVMC Maxedo e Madelo, Altoviñas, Torgal e Fonte Branca.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 7 de febreiro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo dos MVMC Maxedo e Madelo, Altoviñas, Torgal e Fonte Branca, pertencentes á CMVMC de Pradocabalos, no concello de Viana do Bolo.

Ourense, 6 de novembro de 2023

O presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense
P.S. (Resolución do 12.7.2022)
José Antonio García Rodríguez
Xefe do Servizo Xurídico-Administrativo