DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63076

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2023, conxunta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito da Plataforma galega de información ambiental (Gaia).

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, e que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

Para facilitar as funcións de vixilancia e inspección que esta lei atribúe ás administracións públicas estableceuse, para as entidades ou empresas rexistradas, a obriga de levar un arquivo cronolóxico en que anotarán a información relativa ás operacións de produción e xestión de residuos para facilitar a rastrexabilidade dos residuos desde a súa produción ata o seu tratamento final.

En concreto, o artigo 65 da Lei estatal 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para una economía circular, e os artigos 26 e 27 da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, establecen que as persoas físicas ou xurídicas rexistradas disporán dun arquivo físico ou telemático onde se recollan por orde cronolóxica a cantidade, a natureza, a orixe, o destino e o método de tratamento dos residuos. Así mesmo, cando proceda, inscribiranse tamén o medio de transporte e a frecuencia de recollida. Por outro lado, no arquivo cronolóxico incorporarase a información contida na acreditación documental das operacións de produción e xestión de residuos.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e da comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a dita autorización, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación. Esta norma modificouse polos decretos 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e o 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable a efectos de impugnación.

Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Plataforma galega de información ambiental (Gaia) da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático:

a) A emisión de certificados oficiais da información contida no arquivo cronolóxico telemático da Plataforma galega de información ambiental (Gaia) como acreditación documental das operacións de produción e xestión de residuos, de acordo coas obrigas de información sobre residuos establecidas no artigo 65 da Lei 7/2022, do 8 de abril, e nos artigos 26 e 27 da Lei 6/2021, do 17 de febreiro.

b) A emisión de comunicacións de inscrición de actividades de xestión de residuos sometidas a réxime de comunicación previa, a través da Plataforma galega de información ambiental (Gaia), segundo o artigo 35 da Lei 7/2022, do 8 de abril.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado Plataforma galega de información ambiental (Gaia) para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico Plataforma galega de información ambiental (Gaia) sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia