DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63074

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2023 pola que se desactiva o escenario de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza número 11 río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

O 2.6.2022, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan especial de seca da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 1 de xullo.

O dito plan dispón que a escaseza se produce ante unha situación de redución temporal da auga dispoñible que pode pór en risco a atención das demandas asociadas aos diferentes usos socioeconómicos.

O Plan especial de seca citado divide o territorio da demarcación hidrográfica de Galicia Costa en unidades territoriais de escaseza (UTE) (punto 2 do plan), establece os indicadores hidrolóxicos de escaseza en cada unha destas UTE (punto 6.2 do plan) e fixa os limiares para a activación e desactivación dos diferentes escenarios de escaseza (punto 7.2.2 do plan).

O punto 10.4.2 do Plan especial de seca indicado determina que se debe elaborar un informe mensual no cal se analice a situación e evolución dos indicadores hidrolóxicos de escaseza previstos.

O 27.9.2023 activouse o escenario de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza número 11, correspondente ao sistema de explotación número 11 río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

O informe de seguimento da seca do 9.11.2023 analiza a situación dos indicadores de seca o 1.11.2023 e constata unha melloría considerable dos indicadores de escaseza na UTE 11 río Mero, Arteixo e ría da Coruña que, desde finais do mes de outubro, presentan valores correspondentes a un escenario de normalidade.

O 10.11.2023 reuniuse a Oficina Técnica da Seca e propuxo a desactivación do escenario de alerta ou escaseza severa na UTE 11 río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

O punto 10.4.2 do Plan especial de seca citado dispón que a Presidencia de Augas de Galicia é o órgano competente para a desactivación do escenario de alerta ou escaseza severa.

De acordo co anterior, esta Presidencia

RESOLVE:

Desactivar o escenario de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza número 11, correspondente ao sistema de explotación número 11 río Mero, Arteixo e ría da Coruña.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia