DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63072

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade do esgotamento do crédito do programa da Orde do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR349F) (Diario Oficial de Galicia número 24, do 3 de febreiro).

Primeiro. A Orde do 10 de xaneiro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (Diario Oficial de Galicia número 24, do 3 de febreiro), indica no seu artigo 4.1 que a concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Segundo. A Orde do 10 de xaneiro de 2023 establece, no seu artigo 4.6, que a distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2017-2021, e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, de acordo coa seguinte porcentaxe: A Coruña: 33 %; Lugo: 17 %; Ourense: 17 %, e Pontevedra: 17 %. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou, de acordo co previsto no artigo 8 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entres dúas ou máis solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

Terceiro. De acordo co artigo 4.1 da orde de convocatoria, o programa financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.3, código de proxecto 2016 00315, cun crédito de 1.350.000 de euros (fondo finalista).

En virtude do anterior, a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, por delegación da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, en aplicación da disposición adicional segunda da Orde do 10 de xaneiro de 2023 e de acordo coas disposicións adicionais segunda e terceira do Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do esgotamento do crédito con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.3, código de proxecto 2016 00315, ao abeiro do programa do Orde do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR349F):

Provincia da Coruña: correspóndelle unha contía de 445.500 euros, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente TR349F 2023/101-1, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no artigo 8 da convocatoria o día 27.3.2023, ás 18.56 horas.

Provincia de Lugo: correspóndelle unha contía de 229.500 euros, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente TR349F 2023/34-2, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no artigo 8 da convocatoria o día 2.3.2023, ás 19.01 horas.

Provincia de Ourense: correspóndelle unha contía de 229.500 euros, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente TR349F 2023/38-3, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no artigo 8 da convocatoria o día 1.3.2023, ás 18.17 horas.

Provincia de Pontevedra: correspóndelle unha contía de 445.500 euros, polo que a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento de crédito foi a correspondente ao expediente TR349F 2023/100-5, presentada na sede electrónica nos termos recollidos no artigo 8 da convocatoria o día 16.3.2023, ás 11.31 horas.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Económica Social