DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63080

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2023 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Resolución do 20 de marzo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva as axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

Mediante a Resolución do 20 de marzo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva as axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

O número 1 do artigo 32 da dita resolución establece que «O prazo de xustificación será para a anualidade de 2023 ata o 15 de novembro de 2023 inclusive e para a anualidade de 2024 ata o 15 de abril de 2024. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que sexa autorizado polo órgano que ditou a resolución de concesión, terase en conta que as cantidades non xustificadas polas beneficiarias na anualidade de 2023 poderanse computar e xustificar na anualidade 2024, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento, e o solicitasen».

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, modifícase este artigo 32 da resolución e amplíase o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

1. O número 1 do artigo 32 da referida resolución queda redactado nos seguintes termos:

2. «O prazo de xustificación será para a anualidade de 2023 ata o 30 de novembro de 2023 inclusive e para a anualidade de 2024 ata o 15 de abril de 2024. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que sexa autorizado polo órgano que ditou a resolución de concesión, terase en conta que as cantidades non xustificadas polas beneficiarias na anualidade de 2023 poderanse computar e xustificar na anualidade 2024, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento, e o solicitasen».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

Jacobo Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal