DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 14 de novembro de 2023 Páx. 62811

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 8 de novembro de 2023 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Orde do 20 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN308C).

O 14 de febreiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 20 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN308C).

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

No artigo 20 das bases reguladoras da edita orde establécese que, para cobrar a subvención concedida, as entidades locais beneficiarias deberán presentar electronicamente para cada anualidade unha solicitude de pagamento mediante o modelo normalizado do anexo IV (...). O prazo máximo para presentar a xustificación será:

– Ata o 15 de novembro de 2023 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2023.

– Ata a o 15 de novembro de 2024 para a contía da subvención concedida con cargo á anualidade de 2024.

Dado o carácter bianual da orde, procede ampliar o prazo de xustificación correspondente ao 2023 ata o 31 de decembro do dito ano, co fin de que as persoas beneficiarias que executen obras durante os meses de novembro e decembro poidan presentar na xustificación correspondente á anualidade de 2023 as facturas correspondentes ás certificacións de obra emitidas entre o 15 de novembro e o 31 de decembro.

Por canto antecede, en exercicio das competencias atribuídas no artigo 4 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio,

ACORDO:

Artigo primeiro. Ampliar ata o 31 de decembro de 2023 (incluído) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da citada Orde do 20 de xaneiro de 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a entidades locais, para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo segundo. Modificar o punto 1 do artigo 20 da Orde do 20 de xaneiro de 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a entidades locais, para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, quedando a redacción da seguinte maneira:

«Para cobrar a subvención concedida, as entidades locais beneficiarias deberán presentar electrónicamente para cada anualidade unha solicitude de pagamento mediante o modelo normalizado do anexo IV, e acompañada da documentación sinalada nas seguintes epígrafes. O prazo máximo para presentar a xustificación será:

– Ata o 31 de decembro de 2023 para a contía da subvención concedida a cargo da anualidade de 2023.

– Ata o 15 de novembro de 2024 para a contía da subvención concedida a cargo da anualidade de 2024».

Disposición derradeira única. Esta orde entrará en vigor o dia seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación