DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 14 de novembro de 2023 Páx. 62761

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 17 de outubro de 2023 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 59/2023, do 14 de xuño).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de colexios profesionais e os seus consellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo

TÍTULO I

Do Colexio

Artigo 1. Natureza

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo (en diante, o Colexio), é unha corporación de dereito público, de base asociativa, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, sometido na súa actuación e funcionamento aos principios democráticos e ao réxime de control orzamentario anual, coas competencias atribuídas nas disposicións legais e estatutarias.

2. Rexerase pola normativa estatal básica, pola autonómica recollida na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como no Real decreto 1415/2006, mediante o cal se aproban os estatutos xerais dos colexios oficiais de graduados sociais e demais normas de legal aplicación, todo iso como expresión particular da facultade de autoordenación que a norma estatutaria lles confire aos distintos colexios oficiais de graduados sociais, no que non contradiga as normas citadas.

No non previsto nos estatutos, aplicarase a lexislación vixente en materia de procedemento administrativo e de réxime xurídico das administracións públicas.

Os acordos, decisións e recomendacións do Colexio observarán os límites e adecuaranse, en todo caso, á Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

Artigo 2. Ámbito territorial e domicilio

1. Estará constituído pola demarcación territorial do Colexio correspondente á provincia de Lugo.

O domicilio da Corporación radicará na capital da provincia, con sede actual na praza Alacante, 13, entresollado, 27004 (Lugo), sen prexuízo do establecemento de delegacións administrativas ou oficinas noutras localidades da provincia, cando os intereses da profesión e a maior eficacia da organización colexial así o xustifiquen.

2. Tanto o cambio de domicilio social como a creación de delegacións e a fixación das súas atribucións e ámbito territorial serán competencia da Xunta Xeral de Colexiados.

Artigo 3. Fins do colexio

Son fins esenciais do Colexio a ordenación do exercicio da profesión, dentro do marco legal correspondente, a súa representación, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos profesionais, dentro do seu ámbito de competencias, conforme o disposto na lexislación autonómica reguladora de colexios profesionais.

Artigo 4. Competencias do Colexio

Correspóndelle ao Colexio o exercicio das seguintes funcións dentro do seu ámbito territorial:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, exercendo, de ser o caso, a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

b) Elaborar os estatutos particulares e as súas modificacións, redactar e aprobar o seu propio regulamento de réxime interior e demais acordos para o eficaz desenvolvemento das súas competencias.

c) Exercer a representación e a defensa da profesión ante a Administración, institucións, xulgados e tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses colectivos profesionais, así como o exercicio do dereito de petición conforme a lei.

d) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis e os estatutos profesionais, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

e) Promover a organización dun sistema de asesoramento xurídico laboral que permita contar cos servizos dun graduado social por parte das persoas que carezan de recursos económicos para sufragalos.

f) Participar, cando así estea previsto legalmente por normas legais ou regulamentarias, nos consellos e órganos consultivos das distintas administracións públicas en materia de competencia da profesión de graduado social.

g) Estar representados, mediante o oportuno concerto, nos consellos sociais universitarios radicados no ámbito territorial do Colexio, cando así estea previsto na correspondente lexislación autonómica en materia de universidades.

h) Participar, cando proceda, na elaboración dos plans de estudo dos centros docentes onde se cursen as ensinanzas conducentes á obtención do título que habilite para o exercicio profesional, manter contacto permanente con eles e facilitar a información destinada a facilitar o acceso ao exercicio profesional dos novos colexiados.

i) Organizar actividades e servizos comúns formativos e de perfeccionamento que poderán incluír os medios e procedementos para o seu desenvolvemento e formación, de ser o caso, dos posgraduados.

j) Procurar a harmonía e a colaboración dos colexiados impedindo a competencia desleal.

k) Adoptar as medidas conducentes a evitar o intrusionismo profesional.

l) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

m) Resolver, por laudo, por instancia das partes interesadas de forma expresa, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas relacionadas cos traballos profesionais contratados.

n) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos fins do Colexio.

ñ) Exercer a representación institucional que establecen as leis para o cumprimento dos seus fins.

o) Facilitarlles aos xulgados, tribunais e organismos a relación dos colexiados que poidan ser requiridos ou designados para intervir como peritos en asuntos xudiciais.

p) Promover a asignación do uso de dependencias dignas e suficientes para a utilización exclusiva no desenvolvemento das súas funcións nas sedes de xulgados e tribunais.

q) Emitir informe nos procedementos xudiciais ou administrativos cando se discutan os honorarios profesionais.

r) Promover e facilitar entre as persoas colexiadas o cumprimento adecuado do deber de formalizar, mediante un seguro dos riscos de responsabilidade civil en que poidan incorrer como consecuencia do exercicio profesional, no caso de que os colexiados voluntariamente o soliciten.

s) Dispor dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os colexiados poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o exercicio profesional e a baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia.

t) Atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados e usuarios dos servizos profesionais prestados.

u) Atender, respectando as normas en materia de protección de datos, as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as posibles sancións firmes impostas a eles, así como as peticións de inspección ou investigación formalizadas por calquera autoridade nos termos previstos legalmente.

v) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados e da garantía da calidade dos servizos profesionais prestados, xunto coas demais que veñan establecidas pola lexislación.

Artigo 5. Tratamento e protocolo

1. O Colexio terá o tradicional tratamento de Ilustre e o seu presidente/a de ilustrísimo/a señor/a.

O tratamento do/da presidente/a de honra terase con carácter vitalicio e a condición de expresidente/a regularase no Regulamento de honras.

2. A Presidencia levará volantes na súa toga, así como as medallas, placas, bastón ou calquera outro atributo correspondente ao seu cargo en audiencia pública e actos solemnes aos cales asista en exercicio da súa condición. Igualmente, os membros da Xunta de Goberno usarán, nas audiencias e actos solemnes a que asistan, tanto a toga como as medallas correspondentes ao seu cargo. Nos restantes actos oficiais observarase o regulado nas normas de protocolo.

Artigo 6. Insignia e logotipos

A insignia profesional dos graduados sociais colexiados estará constituída pola balanza da Xustiza, entre cuxos pratos hai dúas espigas de trigo, que enmarcarán unha roda dentada, símbolo do traballo, na cal, ao pé, figurará o lema: Xustiza Social, e que ten como fondo uns raios dourados e fulgurantes. A bandeira do Colexio será vermella e verde, dividida de vértice a vértice cun escudo central.

A identificación das actividades de tipo cultural e humanístico desenvolvidas por este colexio dispón dun logotipo consistente nun texto no cal se le: Colexio Oficial de Graduados Sociais, e nunha liña inferior: Graduados Sociais Lugo, e este texto é organizado esteticamente segundo dispón o seu rexistro oficial.

Artigo 7. Distincións

1. Nos actos oficiais solemnes, os membros da Xunta de Goberno levarán unha medalla que reproduce a insignia profesional, en cuxa base figura o título do Colexio, que estará suxeita con cordón de seda verde esmeralda. A dita medalla será de ouro ou dourada para o presidente/a e expresidentes/as, e de prata ou prateada para os restantes compoñentes da Xunta. As citadas medallas, expresadas en miniatura, poderán ser levadas sobre calquera traxe polos que exerzan cargos na Xunta de Goberno ou polos colexiados de honra.

2. Os graduados sociais colexiados gozarán dos dereitos, honras, preferencias e consideracións recoñecidos polas leis da profesión.

Artigo 8. Honras e recompensas

1. A Xunta de Goberno está facultada para premiar, tanto os méritos que, no exercicio da profesión, acrediten os colexiados, coma os servizos prestados por persoas ou entidades alleas, en materias que afecten a actividade profesional, e para tal fin elaborarase un regulamento específico con carácter xeral. Os acordos de concesión deberán ser ratificados pola Xunta Xeral.

2. Poderán ser nomeados/as presidentes/as ou colexiados de honra aquelas/as que, por proposta da Xunta de Goberno, acorde a Xunta Xeral do Colexio, atendendo aos méritos ou servizos relevantes prestados en favor da profesión ou do propio Colexio nas condicións e cos efectos establecidos no propio nomeamento.

Artigo 9. Patrón do Colexio

O Colexio terá como patrón e titular a San José. A festividade patronal celebrarase nas datas que determine a Xunta de Goberno.

Artigo 10. Fusión e agrupación con outros colexios

Para a fusión e agrupación con outros colexios da mesma profesión, ou disolución do Colexio, será necesario a convocatoria extraordinaria da Xunta Xeral, e para a súa aprobación precisarase o voto favorable das tres cuartas partes dos colexiados asistentes, sempre e cando supoñan máis do cincuenta por cento dos colexiados exercentes e conforme o disposto na normativa reguladora dos colexios profesionais de Galicia.

Artigo 11. Disolución

O Colexio extínguese:

a) Por imperativo legal.

b) Por acordo de tres cuartas partes dos colexiados, sempre e cando supoñan máis do 50 % dos colexiados exercentes, adoptado en xunta xeral extraordinaria especialmente convocada para a súa disolución, e cumprimento posterior dos trámites establecidos na lexislación estatal ou autonómica aplicable.

Na mesma sesión, a Xunta Xeral nomeará unha xunta liquidadora, constituída por un número impar de membros, co fin de que elabore o proxecto de liquidación patrimonial e determinar o destino dos bens inmobles e demais dereitos titularidade do Colexio.

O expresado proxecto de liquidación patrimonial será remitido aos organismos competentes xunto co acordo adoptado.

Título II

Dos colexiados

Capítulo I

Da incorporación

Artigo 12. Clases de colexiados

No Colexio existirán catro clases de colexiados:

a) Exercente libre da profesión por conta propia, ben de forma individual, ben de forma asociada ou colectiva.

b) Exercente da profesión por conta allea, mediante unha relación laboral e sempre que tal contratación sexa precisamente na súa calidade de graduado social.

c) Non exercente.

d) Emérito, que incluirá os colexiados xubilados e outras persoas que, por razón de circunstancias excepcionais apreciadas pola Xunta de Goberno, merezan tal consideración e sexa ratificado pola Xunta Xeral.

Artigo 13. Incorporación ao Colexio

1. A incorporación individual ao Colexio require o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e non estar incorrendo en causa que impida o exercicio profesional.

b) Estar en posesión do título universitario oficial que, conforme a normativa española ou comunitaria, estea recoñecido ou homologado para o exercicio da profesión de graduado social, segundo o disposto polo Real decreto 1393/2007 (ou norma que a substitúa).

c) Non estar inhabilitado para o exercicio profesional por resolución xudicial firme.

d) Satisfacer a cota de ingreso (sen que supere os custos asociados á súa tramitación) e demais achegas que teña establecidas o Colexio por acordo da Xunta Xeral.

2. No caso do persoal ao servizo da Administración pública, observarase o disposto no artigo 3 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14. Requisitos para o exercicio profesional

1. Será requisito indispensable estar colexiado no colexio oficial desta provincia cando o profesional teña nela o seu despacho profesional único ou principal; o profesional quedará habilitado para o exercicio da profesión en todo o territorio español.

2. Nos supostos de exercicio profesional en ámbito territorial distinto do de colexiación, arbitraranse as medidas de cooperación e colaboración necesarias cos demais entes corporativos, para o efecto de exercer as competencias de ordenación e exercicio, de ser o caso, da potestade disciplinaria, e as sancións que impoñan terán efectos en todo o territorio español.

3. No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, observarase o disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativo ao recoñecemento de cualificacións e actividade.

4. A incorporación como graduado social exercente requirirá, ademais do obrigatorio cumprimento das condicións xerais expresadas nos puntos anteriores, non estar incorrendo en causa de incompatibilidade ou que impida o desempeño das funcións profesionais.

Artigo 15. Causas que impiden o exercicio profesional

1. Sen prexuízo das circunstancias que poidan impedir legalmente o exercicio da profesión de graduado social, serán causas inhabilitantes as seguintes:

a) A suspensión ou inhabilitación para o exercicio da profesión en virtude de resolución xudicial ou corporativa firme.

b) A suspensión dos dereitos colexiais de calquera colexio de graduados sociais.

2. As incapacidades rematarán cando se extinga a responsabilidade disciplinaria.

Artigo 16. Solicitude de colexiación

1. A colexiación solicitarase mediante instancia dirixida á Presidencia do Colexio, achegando copia cotexada do título oficial ou xustificante válido de telo solicitado.

2. A colexiación poderá realizarse telematicamente a través da páxina web do Colexio na epígrafe do portelo único. Por vía telemática, os profesionais poderán realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio, e para cursar a baixa no Colexio, a través do portelo único habilitado para o efecto, segundo o disposto na Directiva de servizos (Lei 25/2009, do 22 de decembro).

3. Aboar as cotas de incorporación que establecese o Colexio.

4. O/a secretario/a do Colexio examinará a solicitude, así como os documentos unidos a ela, e emitirá o correspondente informe que someterá á decisión da Xunta de Goberno que, de xeito motivado, aceptará ou denegará a petición de incorporación, dentro do prazo dun mes contado desde a súa presentación ou a achega de documentos necesarios na forma e segundo as normas reguladoras do réxime xurídico dos colexios profesionais de Galicia. A resolución seralle notificada ao/á interesado/a por escrito, co visto e prace da Presidencia do Colexio, expresando os recursos ou accións que proceda interpor contra a negativa.

A falta de resolución no prazo indicado suporá a admisión da solicitude de colexiación por silencio administrativo positivo.

5. Contra a resolución que adopte o Colexio cabe interpor os recursos previstos nestes estatutos e nas demais normas de legal aplicación.

6. Os solicitantes non admitidos poderán retirar do Colexio a súa documentación orixinal, excepto a instancia, que quedará arquivada na Secretaría do Colexio con expresión das causas de denegación, aínda que desta poderán obter copia selada.

CAPÍTULO II

Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 17. Rexistro de Colexiados

1. Os novos colexiados quedarán inscritos no Rexistro Xeral do Colexio por orde de admisión da instancia.

2. Ademais do citado Rexistro Xeral, a Secretaría do Colexio terá ao seu cargo un rexistro especial de colexiados en exercicio, que indicará se exercen a profesión en calidade de:

a) Libre por conta propia, ben de forma individual ou ben de forma asociada.

b) Por conta allea, mediando unha relación laboral cunha empresa ou corporación mediante relación especial.

3. A incorporación, xustificada mediante a certificación correspondente do Colexio, acredita o graduado social como tal. A Secretaría do Colexio remitiralles ao principio de cada ano unha relación de todos os graduados sociais exercentes incorporados a el, así como dos que cesen neste período, a todos os xulgados e tribunais do seu territorio, así como aos organismos ou entes administrativos cos cales se manteña relación por motivos profesionais.

Artigo 18. Dereitos dos colexiados

O graduado social identificarase por medio do carné de colexiado e da insignia profesional.

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Facer uso das instalacións e medios do Colexio, salvo suspensión dos dereitos de colexiado por sanción firme recollida nos estatutos.

b) Ser auxiliado ou representado nos trámites precisos ante as autoridades, entidades e particulares, para o exercicio de accións relacionadas coa actividade ou a prestación de servizos profesionais de carácter xeral.

c) Utilizar cantos servizos estableza o Colexio, incluídos biblioteca, web, institucións de previsión social e benéficas, publicacións e cantos outros poidan crearse, sen prexuízo de que algúns deles poidan ser reservados, exclusivamente, para os colexiados exercentes.

d) Coñecer e estar informado do funcionamento do Colexio.

e) Asistir a cantos actos de carácter corporativo celebre o Colexio.

f) Usar o carné de colexiado e a insignia correspondente.

g) Ser elixido para os cargos da Xunta de Goberno do Colexio, do Consello Xeral de colexios oficiais de graduados sociais de España e, de ser o caso, do Consello Autonómico de Galicia, sempre que reúna os requisitos establecidos.

h) Participar nos labores culturais e formativos que realice o Colexio.

i) Usar a denominación de asesor na materia correspondente como expresión específica do contido da profesión. Tal denominación de asesor, e calquera outra, deberá ir sempre precedida da expresión graduado social.

j) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes.

k) Realizar publicidade dos seus servizos de conformidade co establecido na Lei xeral de publicidade e na da defensa da competencia.

l) Liberdade de aceptar ou rexeitar calquera asunto ou cliente, así como de renunciar a el, en calquera fase do procedemento, sempre que non produza indefensión ao usuario do servizo contratado.

m) Todos aqueles dereitos establecidos na normativa reguladora dos colexios profesionais de Galicia.

Artigo 19. Deberes dos colexiados

Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) Exercer en todo momento a profesión co debido decoro e dignidade.

b) Cumprir fielmente estes estatutos, así como os xerais dos colexios oficiais de graduados sociais e as normas vixentes aplicables á profesión.

c) Actuar profesionalmente en toda ocasión baixo o seu nome e apelidos, sen prexuízo do previsto tanto nestes estatutos como por lei para os despachos colectivos e sociedades profesionais.

d) Comunicar á Secretaría do Colexio, dentro do prazo de trinta (30) días, os cambios do domicilio profesional dentro da provincia de Lugo ou a colexiación noutra provincia.

e) Satisfacer, dentro do prazo regulamentario, as cotas, derramas e demais cargas colexiais aprobadas pola Xunta Xeral.

f) Comparecer ante a Xunta de Goberno ou ante calquera das comisións existentes cando sexan requiridos para iso.

g) Gardar a consideración e o respecto debidos aos integrantes da Xunta de Goberno e das Comisións do Colexio, e cumprir os acordos adoptados por eles.

h) Desempeñar con celo e eficacia os cargos para os cales sexan elixidos e participar nas Comisións cando sexan requiridos para iso pola Xunta de Goberno.

i) Gardar o segredo profesional, entendido este como o compromiso de non revelar ningún feito dos que teña coñecemento por razón do exercicio profesional, nin utilizalo para fins alleos ós acordados co cliente.

j) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes.

k) Non prestar o seu título profesional a terceiros.

l) Comunicarlle ao Colexio todo acto de intrusionismo de que teña coñecemento para o debido cumprimento do establecido no artigo 24.

Artigo 20. Prestación de xuramento ou promesa

1. Os graduados sociais, antes de iniciaren o seu exercicio profesional, deberán prestar xuramento ou promesa de acatamento da Constitución e do resto do ordenamento xurídico, así como do fiel cumprimento dos deberes da profesión de graduado social.

2. O xuramento ou promesa prestarase ante a Xunta de Goberno do Colexio cando se incorpore como exercente por primeira vez, na forma que a propia Xunta dispoña, coa posibilidade de facelo por escrito de forma provisional.

3. No expediente persoal do colexiado deberá constar a data de prestación de xuramento ou promesa.

Artigo 21. Ámbito territorial do exercicio profesional

1. O graduado social, incorporado ao Colexio de Graduados Sociais de Lugo, poderá prestar os seus servizos profesionais libremente en todos os asuntos que lle sexan encomendados dentro do territorio do Estado español.

2. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación e só para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao Colexio, en beneficio dos consumidores e usuarios, arbitraranse os oportunos mecanismos de comunicación co resto de colexios profesionais provinciais.

CAPÍTULO III

Da perda da condición de colexiado

Artigo 22. Perda

1. A condición de colexiado pérdese:

a) Por defunción ou declaración de falecemento.

b) Por baixa voluntaria, mediante comunicación dirixida á Presidencia do Colexio.

c) Por reiterado incumprimento da obrigación de satisfacer as cotas ordinarias e extraordinarias que fosen acordadas, así como as demais cargas colexiais a que veña obrigado. Enténdese por reiterado incumprimento o atraso no pagamento dun mínimo de catro cotas mensuais sucesivas ou seis alternas nun período dun ano.

d) Por condena firme que comporte a pena de inhabilitación para o exercicio da profesión de graduado social.

e) Por sanción firme de expulsión do Colexio, acordada en expediente disciplinario.

2. Correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio acordar, mediante resolución motivada, a perda da condición de colexiado nos supostos das alíneas c), d) e e); as alíneas a) e b) serán debidamente comprobadas e constatadas polos correspondentes servizos do Colexio.

3. As baixas serán comunicadas ao Consello Autonómico e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España.

Artigo 23. Baixa na colexiación

O graduado social que cause baixa no Colexio perderá todos os dereitos inherentes a tal condición e estará obrigado a devolver o carné de colexiado, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer por uso indebido deste. En caso de incumprimento da referida obrigación, o Colexio anulará de oficio o carné do colexiado.

CAPÍTULO IV

Das incompatibilidades

Artigo 24. Comunicación de incompatibilidades e recursos

1. O graduado social en quen concorra algunha das causas de incompatibilidade establecidas nas leis correspondentes deberá comunicalo á Xunta de Goberno do Colexio e cesar inmediatamente na situación de incompatibilidade. De non o facer así, a Xunta de Goberno do Colexio poderá acordar, logo de expediente, con audiencia do interesado, a suspensión cautelar do graduado social no exercicio da profesión, mentres subsista a incompatibilidade, e comunicarállelo aos xulgados e tribunais en que o graduado social exerza a súa profesión, así como aos órganos da Administración que teñan directa relación coa profesión.

No caso anterior, o Colexio, tras incoar o oportuno expediente informativo, poderá iniciar expediente sancionador con audiencia do interesado, do cal poderá derivar a súa suspensión no exercicio da profesión.

2. Desaparecida a incompatibilidade, o graduado social, logo de xustificación desta cuestión, poderá instar da Xunta de Goberno do Colexio o alzamento da suspensión.

3. Contra resolución do expediente disciplinario incoado por causa de incompatibilidade poderá recorrerse de acordo coas previsións que se conteñen nestes estatutos.

4. A infracción do deber de cesar na situación de incompatibilidade, así como o exercicio profesional con infracción da súa normativa reguladora, directamente ou por persoa interposta, constituirá falta moi grave, sen prexuízo das demais responsabilidades en que poida incorrer.

CAPÍTULO V

Dos despachos colectivos

Artigo 25. Exercicio conxunto da profesión

O graduado social poderá exercer a súa profesión conxuntamente con outros graduados sociais, baixo calquera das formas recoñecidas pola normativa vixente en cada momento. Tamén poderá exercer a súa profesión con outros profesionais titulados sempre que a lei e a norma reguladora da respectiva profesión o permitan.

Artigo 26. Rexistro de despachos colectivos

Os despachos colectivos de graduados sociais inscribiranse no Rexistro Especial de Despachos Colectivos do Colexio, facendo constar os nomes e as circunstancias dos graduados sociais que os integren e cumprindo as obrigacións de rexistro colexial individual que a cada un deles lle resulte aplicable conforme a lexislación vixente.

Artigo 27. Rexistro de Sociedades Profesionais

1. Os colexiados exercentes poderán constituír sociedades profesionais sempre que teñan por obxecto o exercicio en común da súa actividade profesional. As ditas sociedades profesionais rexeranse, ademais de polo disposto nestes estatutos, polo establecido na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

2. As sociedades profesionais inscribiranse no Rexistro de Sociedades Profesionais habilitado no Colexio.

3. Na inscrición da sociedade constarán os datos a que se refire o artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

4. Deben igualmente inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, aquelas inscritas no Rexistro Mercantil que, con esta natureza, figuren de alta nel de conformidade co disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo.

5. Os graduados sociais, integrantes destas sociedades, quedan sometidos ao código deontolóxico profesional e á potestade disciplinaria do Colexio, e seralles de plena aplicación o réxime previsto nestes estatutos.

6. As sociedades rexistradas deberán aboar as cotas de inscrición e as demais cantidades na forma e na contía establecidas polo Colexio.

7. O Colexio comunicaralle ao Rexistro Mercantil calquera incidencia que se produza despois da constitución da sociedade profesional e que impida o exercicio profesional dos socios profesionais. A baixa no Rexistro Mercantil comportará a da inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

8. De acordo co establecido en termos legais e estatutarios, a Xunta de Goberno poderá aprobar un regulamento de réxime interno para regular o Rexistro de Sociedades Profesionais.

Artigo 28. As agrupacións de colexiados

1. Todos os integrados nun despacho colectivo deberán ter a condición de colexiados exercentes. A agrupación poderá ser baixo calquera das formas licitas en dereito, incluídas as sociedades profesionais.

2. A agrupación deberá ter como obxecto exclusivo o exercicio profesional.

3. Así mesmo, deberá permitir en todo momento a identificación dos seus integrantes e inscribirse no Rexistro Especial habilitado no Colexio para este tipo de agrupacións profesionais.

4. No Rexistro indicarase a súa denominación social e darase conta, tanto da composición inicial como das altas e baixas que se produzan, e designarase un representante ou interlocutor co Colexio para tratar cuestións que sexan referidas ao despacho colectivo.

5. Os graduados sociais membros do despacho colectivo terán plena liberdade para aceptar ou rexeitar calquera cliente ou asunto do despacho, así como plena independencia para dirixir a defensa dos intereses que teñan encomendados.

6. A actuación profesional do graduado social integrado nun despacho colectivo estará sometida á disciplina do Colexio e responderá persoalmente o graduado social que a efectuou, respectando, en todo caso, as obrigas derivadas do deber de segredo profesional.

7. A responsabilidade civil en que poida incorrer o graduado social dun despacho colectivo será exixible conforme a lexislación vixente.

8. Para a mellor salvagarda do segredo profesional e das relacións de compañeirismo, as normas reguladoras do despacho colectivo poderán someter a arbitraxe colexial as discrepancias que poidan xurdir entre os seus membros por mor do funcionamento, separación ou liquidación deste despacho.

CAPÍTULO VI

Da liquidación de despachos

Artigo 29. Procedemento de liquidación

O procedemento de liquidación da sociedade profesional axustarase ao regulado pola lexislación vixente na materia en cada momento.

Artigo 30. Da substitución temporal

A substitución do graduado social na sociedade profesional axustarase ao previsto na súa escritura constitutiva.

TÍTULO III

Dos órganos de goberno do Colexio

Capítulo I

Da Xunta de Goberno

Artigo 31. Órganos de Goberno

O goberno do Colexio, presidido polos principios de democracia e autonomía, correspóndelles:

a) Á Xunta Xeral de colexiados.

b) Á Xunta de Goberno.

c) Ao/á presidente/a.

Artigo 32. Competencias da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano que representa a Corporación e a ela correspóndelle a dirección e administración das actividades do Colexio, xunto coa xestión e execución dos propios acordos e dos da Xunta Xeral.

2. Sen prexuízo do resto de atribucións recollidas nestes estatutos, correspóndelle á Xunta de Goberno:

A) En xeral:

1º. Someter a votación nas xuntas xerais asuntos concretos de interese colexial, na forma que legalmente proceda.

2º. Resolver sobre a admisión de titulados que soliciten incorporarse ao Colexio.

3º. Velar para que os colexiados observen boa conduta nas súas relacións cos órganos xurisdicionais, cos seus compañeiros e cos seus clientes, así como que no desempeño das súas función despreguen a necesaria dilixencia e capacidade profesional.

4º. Impedir o intrusionismo e perseguir os infractores, así como as persoas, naturais e xurídicas, que practiquen este irregular exercicio profesional, exercendo fronte a estas cantas accións xudiciais ou doutro tipo sexan procedentes.

5º. Proporlle á Xunta Xeral a adopción dos acordos que precisen do seu referendo.

6º. Proporlle á Xunta Xeral a determinación das cotas que deben pagar os colexiados exercentes por conta propia e allea, e os non exercentes, para o sostemento das cargas e servizos colexiais.

7º. Proporlle, cando así proceda, á Xunta Xeral a aprobación das derramas e cotas extraordinarias aos colexiados, adoptando, para estes efectos, as medidas necesarias para seren devindicadas se son aprobadas.

8º. Recadar o importe das cotas establecidas para o sostemento das cargas do Colexio, incluíndo a repartición das cotas para o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais e, de ser o caso, o Consello Autonómico.

9º. Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno.

10º. Convocar as sesións das xuntas xerais, sinalando a orde do día para cada unha.

11º. Exercer as facultades disciplinarias respecto dos colexiados, de acordo co previsto nestes estatutos particulares.

12º. Proporlle á Xunta Xeral a aprobación dos regulamentos de orde interior que xulgue convenientes.

13º. Nomear as comisións, seccións ou coordinadores de colexiados que sexan necesarios para o estudo das materias que poidan interesar aos fins da Corporación e á defensa e promoción do colectivo profesional.

14º. Velar para que no exercicio das súas funcións queden garantidas as condicións de dignidade e prestixio profesionais que corresponden ao graduado social.

15º. Informar puntualmente os colexiados de cantas cuestións teñan coñecemento e poidan afectarlles, sexan estas de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

16º. Elaboración e aprobación de cartas de servizos á cidadanía.

17º. As demais atribucións establecidas na normativa reguladora dos colexios profesionais de Galicia.

B) Con relación aos órganos xurisdicionais:

1º. Fomentar e estreitar as relacións de respectuosa cordialidade entre o Colexio e os seus colexiados coa Maxistratura, os funcionarios ao servizo da Administración de xustiza, en xeral, e cos xulgados do social, do mercantil, Audiencia Provincial, tribunais superiores de xustiza e Tribunal Supremo, e os seus funcionarios en particular.

2º. Promover a organización dun sistema de asistencia que permita contar cos servizos dun graduado social por parte das persoas que carezan de recursos económicos para sufragalos.

3º. Velar para que no exercicio da función representativa que exerzan os colexiados de acordo coa Lei orgánica do poder xudicial cumpran estes coas obrigas profesionais, de acordo co disposto no ordenamento xurídico profesional de aplicación.

4º. Velar para que, nos mesmos casos, os graduados sociais cumpran as obrigacións previstas na Lei orgánica do poder xudicial e que, en audiencia pública ou nas reunións dos órganos xurisdicionais en que proceda e actos solemnes xudiciais, usen toga e, así mesmo, que nos estrados senten á mesma altura que as autoridades, funcionarios e profesionais mencionados neste precepto.

5º. Perseguir, nos mesmos casos, os comportamentos contrarios ao deber de gardar segredo dos asuntos que os colexiados coñezan por razón da súa actuación profesional, e impor as sancións disciplinarias pertinentes.

6º. Amparar os colexiados que, nos mesmos supostos, vexan vulnerado o seu dereito a non ser obrigados a declarar sobre os feitos ou noticias de que coñezan por razón da súa actuación profesional.

C) Con relación aos organismos oficiais:

1º. Defender, cando o consideren procedente e adecuado, a actuación dos colexiados no desempeño das funcións propias da profesión ou con ocasión desta.

2º. Presentar propostas ante o Goberno, as autoridades e cantos organismos oficiais, cos cales teñan relación coa actividade profesional, que resulten de interese ou redunden na mellora do funcionamento das institucións no ámbito social.

3º. Informar por escrito, en nome do Colexio, en cantos proxectos ou iniciativas sexan do seu interese.

D) Con relación aos recursos económicos do Colexio:

1º. Recadar, distribuír e administrar os fondos do Colexio.

2º. Redactar os orzamentos e render as contas anuais.

3º. Proporlle á Xunta Xeral o investimento ou disposición do patrimonio Colexial, en especial no que afecte os bens inmobles.

3. Correspóndelle igualmente á Xunta de Goberno velar por que os acordos, decisións e recomendacións con transcendencia económica se adapten ás exixencias da lexislación de defensa da competencia.

Artigo 33. Composición da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno estará constituída pola Presidencia e un mínimo de cinco (5) vogais, dos cales un corresponderá ao colectivo de non exercentes.

O cargo da Presidencia corresponderalle a un colexiado en exercicio, condición que deberá manter durante todo o seu mandato.

2. Os cargos da Vicepresidencia, Secretaría e Tesouraría elixiranse entre os vogais exercentes e serán designados pola Xunta de Goberno por proposta da Presidencia.

Artigo 34. Elección e exercicio de cargos da Xunta de Goberno

1. Os compoñentes da Xunta de Goberno serán elixidos pola Asemblea Xeral de colexiados mediante sufraxio universal. A Presidencia será elixida directamente por todos os colexiados mediante votación nominal específica.

2. Para ser candidato será necesario levar un mínimo de afiliación de dez anos, no caso da Presidencia, e dous para o resto de cargos, contados ambos ata a data da presentación da candidatura.

3. O exercicio dos cargos da Presidencia, vogais exercentes e vogal non exercente terán o carácter de honorífico e gratuíto.

4. Todos os cargos terán unha duración de catro anos e se renovarán por metade cada dous.

5. Non poderán formar parte da Xunta de Goberno os colexiados que non se encontren no pleno desfrute dos seus dereitos civís e corporativos ou teñan pendente algunha cota de colexiación.

Artigo 35. Provisión de cargos vacantes

1. Cando se produza algunha vacante entre os integrantes da Xunta de Goberno antes da expiración do mandato regulamentario, esta será provista mediante acordo da propia Xunta de Goberno entre colexiados que reúnan as condicións de elixibilidade para o cargo do que se trate; os así designados deberán someterse a ratificación na primeira xunta xeral ordinaria que teña lugar, ou ben extraordinaria que se poida convocar para o efecto e, en tal caso, exercerán o cargo polo período de mandato que reste ao substituído.

Da norma anterior, exceptúase a da Presidencia, que será substituída regulamentariamente pola Vicepresidencia ata a primeira xunta xeral ordinaria que teña lugar ou a extraordinaria que se poida convocar para nova elección.

2. Procederase á elección parcial de vogais cando non sexa posible cubrir as vacantes polo sistema previsto no punto primeiro.

3. Cando non sexa posible cubrir a metade das vacantes, o Consello Xeral Autonómico e, na súa falta, e Consello Xeral de colexios oficiais de graduados sociais de España, designará unha xunta provisional entre o primeiro terzo de colexiados máis antigos, a cal convocará eleccións dentro do prazo de trinta días naturais.

CAPÍTULO II

Da elección da Xunta de Goberno

Artigo 36. Electores e elixibles

1. Todos os membros da Xunta de Goberno serán elixidos por votación axustada ao principio de libre e igual participación dos colexiados. O voto de cada colexiado exercente, sexa por conta propia ou por conta allea, terá dobre valor, mentres que os dos non exercentes e eméritos terá valor simple.

2. Figurarán como electores todos os rexistrados no censo que se encontren no exercicio dos seus dereitos e ao día dos seus deberes colexiais. O censo será formado pola Xunta de Goberno ou, na súa falta, pola Xunta Provisional. Constarán nel todos os colexiados incorporados ao Colexio cun mes de antelación á data da convocatoria das eleccións, e incluirá todos os datos que fagan posible a elección. A propia Xunta de Goberno ou, de ser o caso, a Xunta Provisional, resolverá as reclamacións que se poidan suscitar, dentro dos tres días seguintes ao da súa presentación, que, en todo caso, se deberá producir non máis tarde do quinto día anterior ao da súa elección.

3. Poderán ser candidatos os colexiados que, gozando da condición de electores, non estean incorrendo en prohibición ou en incapacidade legal ou estatutaria, conten polo menos coa antigüidade no Colexio de dous anos, excepto para o cargo da Presidencia, que será de dez anos, e sexan proclamados de acordo coas normas e condicións estatutarias. Tamén poderán ser candidatos os colexiados que, procedentes doutro Colexio e gozando da condición de electores, non estean incorrendo en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria no colexio de procedencia, o cal a certificará a alta colexial e trasladará o expediente. Estes colexiados conservarán a antigüidade e a modalidade colexial do colexio de procedencia.

Artigo 37. Votacións

A votación para a elección dos compoñentes da Xunta de Goberno levarase a cabo persoalmente en segredo, no día, hora e prazos establecidos na convocatoria de eleccións, aténdose ao disposto nestes estatutos.

Con respecto ao non regulado expresamente nestes estatutos, para a elección dos membros da Xunta de Goberno observaranse o que establece a Lei orgánica do réxime electoral xeral vixente e as demais normas complementarias, en todo aquilo que resulte de aplicación.

Artigo 38. Voto por correo

1. O voto por correo exercerase persoalmente en segredo e quedará excluída calquera forma de delegación.

2. Poderá emitirse por correo certificado desde o día en que se proclamen as candidaturas.

3. Os colexiados que desexen emitir o seu voto por correo poderán solicitar, á Secretaría do Colexio, a entrega ou o envío da documentación necesaria para facilitar a votación, mediante comparecencia persoal ou por medios telemáticos, acreditando a personalidade do remitente mediante sinatura electrónica autenticada por unha entidade pública de certificación.

4. O Colexio entregaralles ou remitiralles aos solicitantes a papeleta, o sobre oficial para votar e o certificado de estar incluído no censo electoral.

5. O voto por correo deberá efectuarse do seguinte xeito:

a) O elector deberá solicitalo cunha anterioridade de sete días ao da data da votación, seguindo as normas da convocatoria e utilizando o sobre oficial da votación.

b) O sobre oficial de votación introducirase noutro de maior medida dirixido ao Colexio e coa indicación «Eleccións do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo», ao cal se xuntará, fóra do sobre de votación, fotocopia do documento nacional de identidade ou do carné de colexiado.

c) O elector remitirá o seu voto, ben por correo certificado, ou ben facendo entrega deste na Secretaría do Colexio, onde se custodiarán os sobres recibidos ata o peche do horario de votacións, no cal se entregarán á Presidencia da Mesa Electoral.

6. Carecerán de validez os votos por correo que non se reciban dentro do prazo establecido do sete días antes da votación, os que non acheguen o documento nacional de identidade ou o carné colexial, así como aqueles que conteñan no mesmo sobre a papeleta de votación e a copia do documento nacional de identidade ou o carné colexial.

7. A Xunta de Goberno ou, de ser o caso, a Xunta Provisional, poderá ditar instrucións complementarias e de desenvolvemento para o exercicio do voto por correo, que terá que respectar sempre as garantías de autenticidade e segredo.

Artigo 39. Convocatoria de eleccións e proclamación de candidatos

1. A convocatoria de eleccións faraa a Vicepresidencia no caso de que se trate da elección da Presidencia e, nos demais casos, a Xunta de Goberno ou, de ser o caso, a Xunta Provisional, cunha antelación, polo menos, de trinta días naturais.

2. As candidaturas deberán presentarse con quince días naturais de antelación, como mínimo, ao da realización das eleccións.

Poderán ser conxuntas ou individuais e promovidas só polos candidatos.

3. A proclamación de candidatos faraa a Xunta de Goberno ou, de ser o caso, a Xunta Provisional, dentro dos dous días hábiles seguintes ao da finalización do prazo para presentar as candidaturas.

Cando o número de candidatos proclamados resulte igual ou inferior ao dos vogais da Xunta que se vai elixir, a proclamación equivalerá á elección e non será preciso efectuar votación. Produciranse as mesmas consecuencias cando se trate da elección da Presidencia e só sexa proclamado un único candidato.

4. As impugnacións que se produzan deberán de interporse dentro do prazo dos dous días hábiles contados desde a notificación do acordo da Xunta de Goberno, e serán resoltas pola mesma Xunta de Goberno antes da realización da votación.

5. A proclamación de candidatos publicarase no taboleiro de anuncios do Colexio e remitiráselles, así mesmo, por medios telemáticos aos candidatos proclamados.

No caso de que, como consecuencia das impugnacións, se produza algún cambio nas candidaturas, este deberá notificarse e facerse público na forma prevista polo parágrafo anterior.

Artigo 40. Mesa Electoral e campaña electoral

A Mesa Electoral estará composta por tres integrantes da Xunta de Goberno, designados entre os que non sexan obxecto de renovación; o de máis idade presidirá a Mesa e o máis novo actuará en calidade de secretario/a.

Os candidatos proclamados poderán efectuar, á súa custa, as actividades de campaña electoral axustadas ao ordenamento xurídico. Non se poderán utilizar para ese efecto locais nin outros medios materiais ou persoais do Colexio, agás facilitarlles unha copia do censo electoral, así como sobres e papeletas para a tramitación do voto e, de ser o caso, xogos de etiquetas cos enderezos dos colexiados.

Cada candidatura conxunta, ou cada candidato individual, poderá designar outro colexiado que actúe como interventor na Mesa ou mesas electorais.

Artigo 41. Exercicio do voto e escrutinio

1. A votación terá unha duración máxima de catro horas no horario fixado pola convocatoria.

2. A votación realizarase en dúas urnas separadas, unha para colexiados exercentes por conta propia e por conta allea, e outra para non exercentes e eméritos. O elector, unha vez acreditada ante a Mesa a súa identidade e condición de inclusión no censo electoral, entregará persoalmente á Presidencia a papeleta co seu voto, que a introducirá na urna correspondente, o que se anotará na lista do censo.

En último lugar votarán (se os houber) os interventores e tras deles os compoñentes da Mesa e, finalmente, introduciranse na urna os votos válidos emitidos por correo.

3. Serán válidas unicamente as papeletas e os sobres oficiais entregados polo Colexio aos candidatos e electores, que os terán á súa disposición na sede colexial antes e durante a votación.

4. O escrutinio, realizado pola Mesa Electoral, será público e a Secretaría autorizará a correspondente acta, que subscribirán os interventores e os demais membros da Mesa. Incluiranse as reclamacións formalizadas, que serán necesarias para o caso de posibles recursos, e conservaranse as papeletas obxecto de impugnación.

O escrutinio realizarase da seguinte maneira:

a) Acabada a votación, leranse todas as papeletas en voz alta.

b) Serán nulas as papeletas que conteñan expresións alleas ao contido da votación ou que non permitan determinar a vontade do elector.

c) Serán nulas as papeletas electorais para un determinado cargo que opten por un elector non presentado ou que se presentase noutro ámbito, así como as que conteñan emendas ou teñan riscadas que impidan a correcta decisión do elector, así como cando, nas eleccións de presidente/a, se vote máis dun candidato.

d) É nulo o voto emitido en sobre ou papeleta diferente do modelo oficial, así como o emitido en papeleta sen sobre.

e) Considérase voto en branco, pero válido, o sobre que non conteña papeleta ou o que non conteña opción por ningún dos candidatos.

f) Serán válidas as papeletas que conteñan voto para un número inferior de cargos ao número que se someta a elección. O sobre que conteña máis dunha papeleta da mesma candidatura computarase como un só voto válido.

g) Contra os acordos da Xunta de Goberno e mesas electorais, relativos a eleccións, poderán interporse, salvo o expresamente previsto neste capítulo II, os recursos establecidos nestes estatutos, que non terán efectos suspensivos.

Artigo 42. Constitución da Xunta de Goberno electa

1. A Xunta de Goberno constituirase nun prazo non superior aos trinta días naturais posteriores ao día da votación.

2. No prazo de cinco días desde a constitución da Xunta de Goberno, comunicaráselles a súa composición ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España e, de ser o caso, ao Consello Autonómico, incluíndo a súa composición e aténdose aos requisitos legais. Procederase de igual forma cando se produzan modificacións ou alteracións dos integrantes da Xunta.

3. Os elixidos como presidente/a e demais membros da Xunta de Goberno, antes de tomaren posesión dos seus cargos, deberán prestar xuramento ou promesa, así como obediencia ao ordenamento xurídico profesional contido nestes estatutos. A Presidencia tomará posesión ante a Mesa Electoral no acto de ser elixida e os demais membros, na primeira sesión da Xunta de Goberno.

CAPÍTULO III

Dos cargos e do funcionamento das xuntas de goberno

Artigo 43. A Presidencia

1. A Presidencia exercerá a representación oficial e legal do Colexio, en todos os ámbitos de actuación, e será o garante da execución dos acordos adoptados; correspóndelle, igualmente, convocar e presidir as sesións das xuntas xerais e das xuntas de goberno, así como das comisións de traballo ás cales asista; coordinará o labor dos distintos órganos colexiais e resolverá os empates co seu voto de calidade se aqueles subsisten durante dúas votacións sucesivas.

2. Asumirá, por delegación expresa, as funcións corporativas nos casos de urxencia que así o requiran e poderá adoptar as resolucións e medidas pertinentes baixo a súa responsabilidade e a reserva de sometelos ao coñecemento e validación da Xunta de Goberno.

3. Ordenará as cobranzas e pagamentos, asinando a documentación xustificativa, e autorizará, co seu visto e prace, as certificacións expedidas pola Secretaría e as actas da Xunta Xeral e de Goberno. A ordenación de cobramentos e pagamentos poderá delegala con carácter xeral na Tesouraría, que as autorizará co visto e prace da Presidencia.

4. Incúmbelle a obriga de fomentar e manter entre todos os colexiados as relacións de compañeirismo e a tutela dos dereitos da profesión, do Colexio e dos seus integrantes, xunto coas funcións recollidas nestes estatutos e demais normativa xeral.

5. Propón os graduados sociais que deban formar parte dos tribunais de oposición, nos casos en que sexa preceptivo, de entre os que reúnan as condicións exixibles pola convocatoria.

Artigo 44. A Vicepresidencia

A Vicepresidencia substituirá a Presidencia, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, para a realización das funcións que lle encomende a Presidencia con carácter permanente ou ocasional, e dará conta do actuado á Xunta de Goberno.

Artigo 45. A Secretaría

1. Correspóndelle á Secretaría redactar as actas, correspondencia e comunicacións oficiais, dirixir os traballos administrativos do Colexio e levar o arquivo e a custodia da documentación corporativa.

2. A Secretaría tamén terá ao seu cargo a expedición de certificacións, co visto e prace da Presidencia, a legalización de sinatura de colexiados e a redacción da memoria anual do Colexio.

3. Levará, así mesmo, o rexistro dos colexiados, formando os expedientes persoais de todos os colexiados, e publicará, anualmente, a lista dos colexiados.

4. Corresponderalle á Secretaría levar o control directo e inmediato de todos os servizos colexiais e establecer o réxime das persoas que integren o persoal do Colexio.

5. Levará o reconto das votacións nas sesións dos órganos colexiados e poderá ser auxiliada nas sesión da Xunta Xeral por dous asistentes a ela.

Artigo 46. A Tesouraría

1. A Tesouraría materializará a recadación e custodia dos fondos do Colexio; daralles a estes o destino que corresponda segundo os acordos da Xunta de Goberno; levará inventario dos bens do Colexio, dos cales será administrador, e ingresará e retirará fondos das contas bancarias, conxuntamente coa Presidencia e coa Secretaría de forma mancomunada de dúas sinaturas de calquera delas.

2. Intervirá e supervisará todos os documentos contables, así como a redacción, para a súa aprobación pola Xunta Xeral, de todos os balances, contas e orzamentos, xunto co control destes, e informará en cada xunta do estado contable.

Artigo 47. Substitucións

A substitución da Presidencia correspóndelle á Vicepresidencia e a da Secretaría efectuarase conforme acorde con carácter xeral ou para cada caso concreto a Xunta de Goberno ou, en casos de urxencia, a Presidencia ou quen faga as súas funcións.

Artigo 48. Nomeamento da Xerencia

Por acordo da Xunta Xeral, o Colexio poderá contratar unha xerencia externa ou graduado social colexiado para desempeñar as funcións regulares de xestión xeral, sen menoscabo das funcións estatutarias dos cargos electivos, salvo delegación expresa da Xunta de Goberno e para casos concretos expresamente acordados.

O seu nomeamento e remoción corresponderanlle á Xunta de Goberno.

Artigo 49. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase polo menos unha vez ao mes, agás no mes de agosto, que se considerará período de vacacións para estes efectos, ou cando, por motivos de urxencia, a convoque a Presidencia ou por pedimento do vinte por cento dos seus compoñentes.

2. A convocatoria será remitida por correo electrónico, con dous días hábiles de antelación, mediante escrito que incluirá a orde do día e a data e hora de realización; poderanse tratar aqueles asuntos urxentes non incluídos, ben que non se poderán adoptar acordos sobre eles.

3. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída en primeira convocatoria se concorre a maioría dos seus compoñentes e, en segunda convocatoria, se asisten a Presidencia, a Secretaría e un vogal.

4. A asistencia ás sesións da Xunta de Goberno será obrigatoria para todos os seus membros. Será causa de cesamento e conseguinte substitución regulamentaria, acordados pola propia Xunta, a falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou a cinco alternas no prazo dun ano.

5. Os acordos tomaranse por maioría simple de votos emitidos. En caso de empate, decidirá o voto da Presidencia.

6. Os integrantes da Xunta poderán remitir, con dez días de antelación ao da data prevista para a realización, propostas de asuntos que se vaian tratar na Xunta, que poderán ser incluídas na orde do día logo de aprobación da Presidencia.

7. Fóra da orde do día non será posible a adopción de acordos executivos.

8. Con carácter ou por circunstancias excepcionais, as reunións da Xunta de Goberno poderanse levar a cabo acudindo á utilización de medios telemáticos, sempre que se garanta a participación de todos os seus integrantes; para estes efectos, resultará de aplicación o disposto no artigo 17 de Lei 40/2015, de réxime xurídico das administracións públicas (ou norma que, de ser o caso, a substitúa).

Artigo 50. Comisións e ponencias

A Xunta de Goberno poderá crear todas aquelas comisións que xulgue oportunas, sexan estas de carácter permanente ou temporal, e establecer os obxectivos que se persigan e o réxime de funcionamento.

Artigo 51. Do cesamento

A Presidencia e os membros da Xunta de Goberno poderán cesar por algunha das seguintes causas:

a) Falecemento.

b) Renuncia do interesado.

c) Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

d) Expiración do termo ou prazo para o cal foron elixidos ou designados.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou a cinco alternas no prazo dun ano.

f) Voto de censura firme.

CAPÍTULO IV

Da Xunta Xeral

Artigo 52. A Xunta Xeral. Definición, competencias e atribucións

1. A Xunta Xeral, integrada pola totalidade dos colexiados que se encontren en pleno uso dos seus dereitos, é o órgano máximo de representación colexial, e terá como funcións:

a) Aprobar ou rexeitar a memoria anual.

b) Aprobar ou rexeitar o balance e as contas anuais de ingresos e gastos do orzamento para o exercicio.

c) Aprobar ou rexeitar a memoria de actuacións da Presidencia e da súa Xunta de Goberno durante o ano anterior, e recibir información do estado en que se encontren as xestións realizadas en defensa dos intereses dos colexiados.

d) Aprobar ou rexeitar as proposicións da Xunta de Goberno e dos colexiados.

e) Participar, na forma que proceda, nas eleccións de cargos vacantes.

f) Aprobar, por proposta da Xunta de Goberno, os estatutos, as súas modificacións e os regulamentos de réxime interior.

g) Aprobar, por proposta da Xunta de Goberno, o importe dos dereitos de colexiación, as cotas colexiais e as cotas extraordinarias.

h) Aprobar, por proposta da Xunta de Goberno, a absorción, fusión, segregación, cambio de denominación, agrupación e disolución do Colexio.

i) Aprobar a moción de censura da Xunta de Goberno, da súa Presidencia ou dalgún dos seus integrantes.

j) Aprobar, por proposta da Xunta de Goberno, os investimentos ou disposicións do patrimonio colexial de bens inmobles.

k) As demais competencias e atribucións que establezan a normativa legal ou estes estatutos.

2. As asembleas da Xunta Xeral poderán ser ordinarias ou extraordinarias en función dos temas que se vaian debater e da importancia destes, e de conformidade cos presentes estatutos.

Artigo 53. Orde do día

A xunta xeral ordinaria deberá ter lugar dentro do primeiro semestre de cada ano coa finalidade de tratar os asuntos seguintes:

a) Lectura e aprobación, de ser o caso, da acta da xunta anterior.

b) Exame e aprobación, de ser o caso, da memoria anual.

c) Exame e votación do balance e das contas anuais de ingresos e gastos, e do orzamento para o exercicio.

d) Exposición por parte da Presidencia da actuación e desenvolvemento do Colexio durante o ano anterior, e do estado en que se encontren as xestións realizadas en defensa dos intereses dos colexiados.

e) Proposicións da Xunta de Goberno.

f) Elección e cobertura dos cargos vacantes, salvo que a Xunta de Goberno acordase convocatoria de xunta extraordinaria con este mesmo fin e como único punto na orde do día.

g) Proposicións, rogos e preguntas dos colexiados, non previstos na orde do día.

h) Calquera outro asunto que non deba ser obxecto de tratamento por parte da Xunta Xeral extraordinaria, incluída, de ser o caso, a toma de xuramento aos colexiados.

Artigo 54. Memoria anual

1. Ao estar o Colexio suxeito ao principio de transparencia na súa xestión, deberá elaborar unha memoria anual que conteña, polo menos, a seguinte información:

a) Informe anual da xestión económica, incluídos os gastos de persoal suficientemente desagregados.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que acaden firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta de ser o caso, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios, ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, de ser o caso, dos motivos de estimación ou desestimación e das medidas que poidan derivar delas, todo iso de acordo coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido do código deontolóxico, desde a súa entrada en vigor.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflitos de intereses en que se encontren os membros das xuntas de goberno.

2. A memoria anual remitiráselles aos consellos estatal e de Galicia, cando así o acorde a Xunta de Goberno, e será publicada (con motivo da súa aprobación) na páxina web do Colexio.

Artigo 55. Admisión de proposicións

1. As proposicións dos colexiados ante a Xunta Xeral ordinaria deberán ser entregadas á Xunta de Goberno para a súa valoración e exame co fin de formar criterio sobre a procedencia de inclusión na orde do día, cunha antelación mínima de cinco días hábiles ao da data prevista da asemblea, e deberán ir avaladas por un mínimo de dez colexiados, dos cales sete, polo menos, deberán ser exercentes. A Xunta Xeral acordará, motivadamente, a inclusión ou non da proposta na orde do día.

2. Dos requisitos anteriores exceptúanse as proposicións incidentais e de orde presentados durante a realización da xunta por un ou varios asistentes, e resolverá sobre a procedencia (que nunca se poderá referir a feitos ou asuntos novo alleos á orde do día) quen presida.

Artigo 56. Requisitos da convocatoria

1. As convocatorias das xuntas xerais ordinarias e extraordinarias faranse mediante comunicación por medio de correo electrónico e poderán efectuarse, igualmente, por correo ordinario, por vía telemática ou por calquera outro medio que permita deixar constancia da súa recepción polo destinatario.

2. A convocatoria deberá cursarse, polo menos, con oito días hábiles de antelación ao da data de realización. En caso de urxencia, ao xuízo da Xunta de Goberno ou da Presidencia, poderá reducirse este prazo a cinco días hábiles.

Artigo 57. Convocatoria das xuntas extraordinarias

1. As xuntas extraordinarias poderán convocarse tanto por iniciativa da Xunta de Goberno como por solicitude escrita dunha terceira parte dos colexiados; neste último caso, deberanse expresar se as causas que a xustifiquen, concretar os temas que se van tratar e acreditar a urxencia alegada.

2. A Xunta de Goberno só poderá denegar a convocatoria cando a petición sexa contraria á lei, resulte allea aos fins colexiais ou non cumpra os requisitos indicados no punto anterior.

3. A xunta xeral extraordinaria deberá ter lugar no prazo de trinta días naturais, computados desde o acordo da Xunta de Goberno ou desde a presentación da solicitude, e corresponderalle ao asinante promotor o inicio e o debate das propostas sometidas á Asemblea.

Artigo 58. Réxime xeral dos debates

1. As xuntas xerais ordinarias ou extraordinarias terán lugar sempre no día e na hora sinalados e para a súa validez precisarase a presenza, en primeira convocatoria, dun mínimo da metade máis un dos colexiados, ou acordo da maioría dos presentes calquera que sexa o número de asistentes na segunda, que terá lugar trinta minutos despois.

Para a válida constitución da sesión do órgano exixirase a presenza da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, de quen as substitúa.

2. A Presidencia dirixirá os debates, poderá conceder ou retirar o uso da palabra a calquera dos asistentes e poderá chamalos á orde se non respectan as normas de elemental cortesía, de se excederen na extensión ou alcance do tema debatido ou non se axustan á materia debatida, e estes poderán ser expulsados do local tras dúas chamadas á orde sen atendelas.

3. Como regra xeral, nos temas que sexan obxecto de debate só se permitirán, como máximo, dúas quendas a favor e dúas en contra, agás nos asuntos de excepcional interese ao criterio da Presidencia.

4. As xuntas xerais non se darán por rematadas mentres non se tratasen e resolvesen todos os puntos da orde do día. Con todo, salvo nos casos de designación ou ratificación de cargos da Xunta de Goberno, as sesións poderá suspendelas quen as presida cando se prolonguen máis alá de catro horas, e continuarán o mesmo día ou o seguinte hábil.

Artigo 59. Votacións

1. As votacións realizadas nas xuntas xerais poderán ser ordinarias, nominais ou por papeleta. Entenderase que existe unanimidade nunha votación cando, logo de pregunta da Presidencia, ningún colexiado manifeste oposición. En todo caso, correspóndelle á Presidencia decidir o sistema de votación.

2. A votación ordinaria verificarase levantándose primeiro os que aproben a cuestión que se debate e despois os que a desaproben, e efectuarase sempre que a pida un colexiado.

3. A votación nominal realizarase dicindo cada colexiado asistente os seus dous apelidos, seguido da palabra «si» ou «non», e terá lugar cando o soliciten cinco colexiados, como mínimo.

4. A votación por papeleta deberá realizarse cando afecte cuestións persoais dun ou máis colexiados, cando a pida a terceira parte dos asistentes á sesión ou a propoña a Presidencia. As votacións para o nomeamento de cargos vacantes da Xunta de Goberno serán sempre por papeletas e non serán válidas as designacións feitas por aclamación.

5. En toda votación, o sufraxio de cada colexiado en exercicio libre por conta propia ou por conta allea terá o valor de dobre, mentres que o do non exercente será considerado simple. Non se admite a delegación de voto.

6. Os acordos da Xunta Xeral aprobaranse pola maioría dos votos emitidos polos colexiados presentes, agás nos supostos en que os estatutos establezan unha maioría cualificada.

Artigo 60. Moción de censura

1. Os colexiados poden exercer o dereito de censura tanto da Presidencia como de calquera dos compoñentes da Xunta de Goberno ou da súa totalidade.

2. A petición de moción de censura deberá vir subscrita por un 20 % dos compoñentes do Colexio, dos cales polo menos o seu 50 % deberán ser exercentes, e só se poderá adoptar en xunta xeral extraordinaria convocada expresamente só con este obxecto.

3. A moción de censura só resultará aprobada se se obtén a maioría dos votos de todos os colexiados.

4. De prosperar a moción de censura, proveranse os cargos vacantes de acordo co previsto nestes estatutos, e darase conta ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España.

TÍTULO IV

Do réxime económico do Colexio e de órganos superiores

Artigo 61. Recursos económicos

1. O sostemento económico do Colexio corresponderalles aos colexiados, mediante o pagamento das cotas de entrada e mensuais que serán fixadas pola Xunta Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

2. Serán recursos propios do Colexio os ingresos por:

a) Dereitos de recoñecemento ou legalización de sinatura dos colexiados, pola expedición de certificacións e por compulsa de documentos, cando legalmente estea autorizada a súa percepción.

b) Percepción de subvencións, doazóns e bens que se poidan recibir por calquera título.

c) Importes de prestacións de servizos aos colexiados.

d) Bens e dereitos de toda clase que, por herdanza, legado ou outro título, pasen a formar parte do patrimonio colexial.

e) As cantidades, bens ou rendas que, por calquera concepto, lle corresponda percibir ao Colexio.

f) Rendementos dos seus inmobles, mobles, accións, participacións ou calquera outro tipo de produto financeiro.

g) Cantos outros recursos directos ou indirectos de que se poida dispor ou crear, logo de acordo da Xunta Xeral, incluídas derramas extraordinarias.

h) Calquera outro que legalmente poida proceder.

Artigo 62. Xestión financeira

1. Os fondos e patrimonio do Colexio investiranse exclusivamente nas atencións inherentes á súa existencia e necesidades corporativas.

2. A Xunta de Goberno en pleno, salvo aqueles vogais que salven expresamente o seu voto, serán responsables dos investimentos e do uso irregular dos fondos e do patrimonio, así como dos prexuízos que a estes poidan sobrevir por incumprimento das disposicións legais, regulamentarias, estatutarias ou dos acordos firmes da Xunta Xeral.

Artigo 63. Xestión económica

O exercicio económico do Colexio coincidirá co ano natural. O funcionamento económico axustarase ao réxime de orzamento anual e será obxecto dunha ordenada contabilidade, de acordo coa normativa xeral contable.

Artigo 64. Información económico-financeira

1. Todo colexiado poderá examinar persoalmente as contas do Colexio dentro dos quince días hábiles anteriores ao data da xunta xeral en que teñan previsto someterse a votación.

2. Os colexiados, en número superior ao cinco por cento do censo, poderán formular petición de aclaración concreta e precisa sobre calquera dato relativo ao exercicio económico en curso.

Artigo 65. Xestión patrimonial

1. O patrimonio do Colexio será administrado pola Xunta de Goberno, facultade que exercerá a través da Tesouraría e coa colaboración técnica que se precise.

2. A Presidencia exercerá a función de ordenador de pagamentos e a Tesouraría executará estes e coidará da súa contabilización.

3. Calquera decisión que afecte o patrimonio inmobiliario deberá ser, previamente, sometida á Asemblea Xeral e aprobada pola maioría absoluta dos colexiados.

TÍTULO V

Do réxime de responsabilidade dos colexiados

CAPÍTULO I

Da responsabilidade penal

Artigo 66. Delitos e faltas

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade polos delitos en que poidan incorrer no exercicio da súa profesión, segundo os termos previstos na lexislación penal.

CAPÍTULO II

Da responsabilidade civil

Artigo 67. Responsabilidade civil

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade civil cando, por dolo ou neglixencia, danen os intereses que teñan confiados no exercicio da súa profesión, e esta responsabilidade poderá serlles exixida conforme a lexislación civil, ante os tribunais de xustiza.

CAPÍTULO III

Da responsabilidade ante os órganos xurisdicionais

Artigo 68. Correccións disciplinarias

Na súa actuación ante os órganos xurisdicionais os graduados sociais están suxeitos ás correccións disciplinarias establecidas na Lei orgánica do poder xudicial, nas leis procesuais e, de ser o caso, nestes estatutos.

CAPÍTULO IV

Da responsabilidade disciplinaria

Sección 1ª. Faltas e sancións

Artigo 69. Gradación das faltas

No ámbito profesional e colexial, as faltas cometidas polos graduados sociais poden ser moi graves, graves e leves.

Artigo 70. Faltas moi graves

Son faltas moi graves:

a) A vulneración consciente e deliberada dos deberes e obrigacións fundamentais da profesión, en particular as que afecten de forma grave a dignidade da profesión e as regras éticas que a gobernan, cando deste incumprimento resulte un prexuízo grave para as persoas que soliciten ou concerten a actuación profesional.

b) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, no ámbito profesional ou por accións que supoñan menoscabo deste, cando así se declare mediante sentenza xudicial firme.

c) A infracción do réxime de incompatibilidades establecido legalmente.

d) A alteración maliciosa dos datos consignados en documentos que expidan ou outorguen.

e) A vulneración do segredo profesional.

f) A comisión de, polo menos, dúas infraccións graves no prazo de dous anos, que sexan firmes ou estean declaradas mediante resolución firme.

g) A achega ou revelación ante os tribunais, entidades públicas ou á parte contraria, de notas, cartas ou calquera tipo de comunicación do cliente sen a súa autorización.

h) A captación irregular e desleal de clientes, en prexuízo doutros profesionais colexiados, mediando sentenza firme.

i) A participación activa en actuacións constitutivas de intrusionismo profesional, mediando condena xudicial firme.

j) A falta de aboamento de máis de tres cotas colexiais no período dun ano natural.

k) A vulneración dos intereses dos consumidores e usuarios na prestación dos servizos profesionais.

Artigo 71. Faltas graves

Son faltas graves:

a) A demora, neglixencia ou descoidos reiterados no cumprimento dos deberes e obrigacións profesionais e corporativas, que causen notorio prexuízo ou quebranto.

b) O incumprimento das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos do Colexio que se especifiquen estatutariamente.

c) O reiterado incumprimento da obrigación de atender as cargas colexiais, salvo que constitúa falta de maior gravidade.

d) A desconsideración grave coas autoridades, clientes ou compañeiros no exercicio da profesión.

e) A inasistencia inxustificada a unha citación acordada pola Xunta de Goberno cando iso cause grave prexuízo á Corporación.

f) O quebrantamento no cumprimento dunha sanción firme.

g) A comisión de, polo menos, cinco infraccións leves no prazo de dous anos, que sexan firmes ou estean declaradas mediante resolución firme.

h) A realización de actos contrarios ao código deontolóxico profesional.

i) Os actos atentatorios contra o prestixio do Colexio ou de calquera colexiado.

j) A falta de aboamento de entre unha e tres cotas colexiais no período dun ano natural.

k) As infraccións previstas no artigo anterior, cando non teñan a entidade suficiente como para a súa consideración como moi graves.

Artigo 72. Faltas leves

Son faltas leves:

a) A demora ou neglixencia no desempeño das funcións profesionais que teñan encomendadas, sempre que non ocasionen prexuízo ou quebranto notorio.

b) A falta de respecto aos membros do Consello Xeral ou da Xunta de Goberno do Colexio de Lugo, no exercicio das súas funcións.

c) Os actos enumerados no artigo anterior cando non teñan entidade suficiente para seren considerados como graves.

Artigo 73. Sancións

As sancións que se poden impor son:

1. Por faltas moi graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo superior a seis meses sen exceder os dous anos.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por un prazo superior a seis meses sen exceder os dous anos.

c) Expulsión do Colexio.

2. Por faltas graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo non superior a seis meses.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por un prazo non superior a seis meses.

3. Por faltas leves:

a) Reprensión privada.

b) Apercibimento por escrito.

Sección 2ª. Procedemento sancionador

Artigo 74. Competencia

1. Todo procedemento sancionador se iniciará de oficio, por acordo da Xunta de Goberno, ben por iniciativa propia ou por denuncia; nese último caso, deberán expresarse as circunstancias persoais e a sinatura do denunciante, a relación dos feitos denunciados e, cando sexa posible, a identificación dos presuntos responsables.

2. A Xunta de Goberno poderá acordar, con carácter previo ao inicio do expediente, a realización dunha información interna previa, co fin de precisar se concorren as circunstancias motivadoras do procedemento sancionador.

3. No mesmo acordo en que se ordene a incoación do expediente nomearase un instrutor, que deberá ser un vogal da Xunta de Goberno, o que se lle notificará ao interesado. No prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir da comunicación, as partes poderán efectuar alegacións e achegar os documentos ou informes que xulguen convenientes e, de ser o caso, a proposición da práctica das probas que conveñan aos seus dereitos. Concluído este prazo, o instrutor elaborará unha proposta de resolución.

4. O instrutor elevará as súas conclusións e o informe á Xunta de Goberno no seguinte día hábil, a cal, mediante resolución motivada, acordará, no prazo máximo de quince (15) días hábiles, a imposición de sanción ou o arquivamento das actuacións. A resolución ditarase no prazo máximo de seis meses desde o inicio do expediente, esgotándose así a vía administrativa.

5. As faltas leves, graves e moi graves sancionaranse tras a apertura de expediente disciplinario tramitado conforme o establecido nestes estatutos, aos cales serán de aplicación subsidiaria, no que sexa procedente, as leis 39/2015 e 40/2015.

Artigo 75. Competencias en relación cos membros das Xuntas de Goberno

As facultades disciplinarias, en relación cos membros da Xunta de Goberno, correspóndenlle ao Consello Galego de colexios oficiais de graduados sociais de Galicia e, na súa falta, ao Consello Estatal.

Artigo 76. Proporcionalidade

Na imposición das sancións deberase gardar a debida gradación e proporción entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada; para o cal se considerará especialmente a existencia de intencionalidade e se valorarán a reiteración e a natureza dos prexuízos ou danos causados.

Artigo 77. Execución

1. As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes en vía administrativa.

2. As sancións terán efecto no ámbito de todos os colexios de graduados sociais de España e deberán ser comunicadas ao Consello Xeral de colexios oficiais de graduados sociais de España para que este as traslade aos demais colexios, así como aos organismos competentes.

Artigo 78. Extinción da responsabilidade disciplinaria

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, a morte do colexiado, a prescrición da falta ou a prescrición da sanción.

2. A baixa no Colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se concluirá o procedemento disciplinario e a sanción, e quedará en suspenso para ser cumprida no caso de que o colexiado cause novamente alta tanto neste coma noutro colexio.

Sección 3ª. Prescrición

Artigo 79. Prazo de prescrición das faltas

1. As faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar desde o día en que se cometese a infracción.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento sancionador, e reiniciarase de novo se o expediente sancionador está paralizado durante máis de dous meses por causa non imputable ao colexiado inculpado.

Artigo 80. Prazos de prescrición das sancións

1. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón a sanción.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento de execución, o volverá transcorrer de novo o prazo se aquel está paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao colexiado sancionado.

Sección 4ª. Anotación de correccións e sancións disciplinarias

Artigo 81. Anotación de correccións e sancións disciplinarias

1. As correccións disciplinarias que lle impoñan os xulgados ou tribunais ao graduado social faranse constar no seu propio expediente colexial.

2. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar no expediente persoal.

Sección 5ª. Cancelación de sancións disciplinarias

Artigo 82. Supostos de cancelación de sancións disciplinarias

1. A anotación das sancións de reprensión privada e apercibimento por escrito quedarán canceladas polo transcurso do prazo de seis meses desde a data en que adquiriu firmeza, se durante ese tempo non dá lugar o sancionado a outro procedemento disciplinario que termine coa imposición de sanción.

2. A anotación da sanción de suspensión poderá cancelarse por pedimento do interesado cando transcorran, polo menos, dous ou catro anos desde a imposición firme da sanción, segundo se trate de falta grave ou moi grave, coa condición de que durante ese tempo non dea lugar o sancionado á imposición de nova sanción.

3. O colexiado sancionado coa expulsión do Colexio poderá solicitar da Xunta de Goberno a rehabilitación cando transcorran, polo menos, seis anos desde a resolución firme de sanción. Para ese efecto instruirase o oportuno expediente, con audiencia do interesado, que será resolta pola Xunta de Goberno de forma motivada en votación secreta, e será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos seus integrantes.

TÍTULO VI

Do réxime dos acordos e a súa impugnación

Artigo 83. Actas

No Colexio levaranse dous libros de actas nos cales se transcribirán separadamente as correspondentes ás xuntas xerais (sexan ordinarias ou extraordinarias) e as da Xunta de Goberno. As actas serán autorizadas coa sinatura da Secretaría e o oportuno visto e prace da Presidencia ou por aqueles que as substitúan no desempeño das súas funcións.

Artigo 84. Notificacións de acordos e resolucións

1. As notificacións dos acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno e as decisións da Presidencia e o resto de membros da Xunta de Goberno efectuaranse na forma prevista na Lei de réxime xurídico do sector público e na Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Os prazos expresados en días enténdese que son hábiles e exclúense do cómputo os días inhábiles establecidos nas administracións públicas ou festas locais.

3. Os actos e acordos que afecten a regulación interna do Colexio terán a publicidade adecuada para que poidan ser coñecidos convenientemente por todos os colexiados; neste sentido, serán remitidos por correo electrónico ou comunicados por medios telemáticos a cada un dos colexiados.

4. As notificacións individuais serán remitidas preferentemente mediante correo electrónico ao enderezo do interesado.

Artigo 85. Recurso de alzada

1. A actuación do Colexio relativa á constitución dos seus órganos e a que corresponda no exercicio das súas potestades administrativas está sometida ao dereito administrativo, e axústase ao previsto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e nestes estatutos.

2. Sen prexuízo do establecido no punto seguinte, as decisións de xestión dos órganos xestores do Colexio poñen fin á vía administrativa.

3. Contra as resolucións dos órganos de goberno do Colexio e dos actos de trámite, que decidan sobre o fondo do asunto, determinen a imposibilidade de continuar o procedemento, produzan indefensión ou supoñan un prexuízo irreparable dos dereitos ou intereses lexítimos cabe interpor, con carácter preceptivo, recurso de alzada ante o Consello Autonómico, cando este exista, ou, na súa falta, ante o Consello Xeral.

O prazo para o trámite e a interposición do recurso de alzada axustarase ao previsto nos números 1 e 2 do artigo 122 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. En calquera caso, o interesado poderá, sen impugnar o acto, presentar recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, conforme o previsto na súa lei reguladora.

5. O establecido nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo da competencia que corresponda á Administración da Comunidade Autónoma para coñecer dos recursos que se interpoñan contra os actos e as resolucións que poidan ditar os colexios no exercicio de funcións administrativas delegadas por esta administración.

Artigo 86. Suspensión do acto impugnado

1. Agás nos casos en que unha disposición legal ou regulamentaria así o dispoña, a interposición do recurso non suspende a execución do acto impugnado; non obstante, o órgano competente, logo de ponderación suficientemente razoada dos feitos, poderá suspender de oficio, ou por solicitude do recorrente, a execución do acto impugnado cando este lle poida causar prexuízos de imposible ou difícil reparación a calquera das partes, ou cando a impugnación teña fundamento nalgunha das causas de nulidade de pleno dereito previstas na lexislación de réxime xurídico e de procedemento administrativo.

2. O acordo de suspensión terá que adoptarse no prazo de trinta días contados desde a solicitude e entenderase estimado polo transcurso do referido prazo sen mediar resolución expresa.

Artigo 87. Exercicio de funcións privadas

No exercicio de funcións privadas, o Colexio queda sometido ao dereito privado. Tamén quedan incluídos neste ámbito os aspectos relativos ao patrimonio, contratación e relacións co seu persoal, que se rexerán pola lexislación laboral.

Artigo 88. Sobre réxime xurídico e procedemento administrativo

En todo o non regulado nestes estatutos rexe como supletoria a lexislación sobre réxime xurídico e sobre procedemento administrativo común, e normas concordantes e complementarias.

TÍTULO VII

Das relacións coas administracións

Artigo 89. Relacións coas administracións públicas

1. Cando se trate de temas que afecten materias corporativas ou institucionais, o Colexio relacionarase coa Administración da Comunidade de Galicia a través da consellería do ramo que resulte competente.

2. No referente aos contidos da profesión, relacionarase coa consellería competente por razón da actividade.

3. Ben directamente ou por medio do Consello Galego de Graduados Sociais, o Colexio poderá emitir informe sobre os proxectos, normas ou disposicións administrativas que afecten os profesionais que representa ou as funcións que teñen encomendadas.

TÍTULO VIII

Dos servizos aos colexiados e aos usuarios

Artigo 90. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os graduados sociais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o exercicio profesional e a baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica ou telemática, así como realizar o resto das actuacións previstas na citada lei.

2. Por medio do portelo único, os colexiados poderán, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e ao seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan a consideración de interesados e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible facelo por outros medios.

d) Recibir as convocatorias ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e a información sobre a actividade pública e privada do Colexio.

3. A través do citado portelo único ofrecerase de forma clara e inequívoca a seguinte información:

a) O procedemento a través de medios electrónicos de acceso gratuíto ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán os nomes e os apelidos dos graduados sociais colexiados, o número de colexiación, os títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, co contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que se poidan interpor en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado e o Colexio.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais se poidan dirixir para obteren asistencia.

e) O contido do código deontolóxico.

4. O Colexio, para o cumprimento do previsto neste artigo, dentro da súa capacidade económica e medios dispoñibles, incorporará as tecnoloxías precisas e creará e manterá as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Así mesmo, promoverá a posta en marcha das medidas e procedementos dos oportunos mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, incluíndo posibles acordos con outras corporacións profesionais de fins equiparables. O Colexio facilitaralle ao Consello Xeral a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais.

Artigo 91. Servizo de atención aos consumidores e usuarios e aos colexiados

1. O Colexio deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos graduados sociais colexiados, aos cales se lles darán tratamento e resposta escrita.

2. Así mesmo, o Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores e usuarios que terá a función de tramitar e resolver cantas queixas e reclamacións, referidas á actividade colexial ou dos colexiados, poidan presentar os consumidores ou usuarios dos servizos profesionais, así como as que sexan formuladas por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. Mediante este servizo de atención aos consumidores e usuarios, o Colexio resolverá as queixas ou reclamacións, ben informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivándoos ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito segundo corresponda, e dará conta aos promotores.

4. A regulación deste servizo deberá prever a posibilidade de presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica ou telemática.

Artigo 92. Modificación dos estatutos

A modificación de calquera dos preceptos dos estatutos poderá levarse a cabo mediante proposta da Xunta de Goberno, que requirirá para a súa aprobación o voto favorable das dúas terceiras partes da Xunta Xeral mediante convocatoria extraordinaria con este único punto da orde do día.

O acordo de modificación deberá ser comunicado, para os efectos oportunos, á consellería que teña atribuída a competencia sobre réxime xurídico dos colexios profesionais.

Nos casos en que as modificacións veñan impostas pola adaptación á normativa de legal aplicación non será preciso seguir o procedemento establecido no parágrafo anterior e abondará, para estes efectos, a mera aprobación por decisión maioritaria da Xunta de Goberno, que deberá ser ratificada pola Xunta Xeral de colexiados na asemblea inmediata seguinte; das modificacións e do acordo darase conta á consellería competente na materia.

Disposición transitoria

O mandato dos actuais membros da Xunta de Goberno seguirá vixente durante o tempo que resta ata a súa renovación, conforme as normas que regularon a súa elección.

Disposición adicional primeira

Estes estatutos serán de aplicación sen prexuízo do que, sobre a mesma materia, poida regular no futuro a Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional segunda

Para o non previsto nestes estatutos serán de aplicación, no que se refire á tramitación e xestión administrativas, a Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, ou normas que as poidan substituír no futuro e, no referido aos servizos que se van prestar, a Lei 17/2009, sobre o libre acceso ás actividades de servizos, e a Lei 15/2007, de defensa da competencia, así como o Real decreto 581/2017, no que respecta aos profesionais doutros Estados membros da UE.

Así mesmo, será de aplicación supletoria o Real decreto 1415/2006, mediante o cal se aproban os estatutos xerais dos colexios oficiais de graduados sociais.

Disposición adicional terceira

Estes estatutos poderán ser ampliados, modificados e/ou derrogados en virtude das proposicións que realice a Xunta de Goberno e/ou os colexiados á Xunta Xeral e sexan aprobados, axustándose aos requisitos e trámites previstos nos artigos 55 a 58, e segundo o previsto no artigo 92 destes estatutos.

En calquera caso, a derrogación total destes estatutos estará condicionada a que no mesmo acto quede aprobado, simultaneamente, o novo texto.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor na data que dispoña a norma mediante a cal sexan publicados no Diario Oficial de Galicia.