DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2023 Páx. 61195

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 24 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) e das axudas para a estrutura, a mellora e o apoio aos centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se convocan para o exercicio 2023 (código de procedemento ED431G).

O Programa marco de Investigación e Innovación da UE, Horizonte Europa (HE) 2021-2027, reforza as bases científicas da UE e o Espazo Europeo de Investigación, impulsa a capacidade de innovación, a competitividade e o emprego en Europa; cumpre coas prioridades da cidadanía e como sostén os nosos valores e o modelo socio-económico. Este marco xeral de actuación está aliñado cos esforzos da política de cohesión europea, que financian os fondos estruturais e de investimento europeos, entre eles, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Estes obxectivos asócianse directamente aos obxectivos políticos que aparecen recollidos no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.06.2021 L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (en diante, RDC).

Neste contexto, esta convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco do Programa de Galicia Feder 2021-27, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %. En particular, encádrase:

Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade TIC rexional.

Obxectivo específico 1.1: O desenvolvemento e a mellora das capacidades de investigación e innovación e a implantación de tecnoloxías avanzadas.

Actuación O 1.1.06. Apoio a Centros de Investigación Excelente (CIE) do Sistema Universitario de Galicia (SUG)

Ámbito de intervención:

TI0012. Actividades de investigación e innovación en centros públicos de investigación, na ensinanza superior e nos centros de competencias, incluída a creación de redes (investigación industrial, desenvolvemento experimental, estudos de viabilidade).

Por outra banda, o 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na comunidade autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega: Sostenibilidade, Dixitalización e Enfoque cara ás personas. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a 3 prioridades temáticas transversais, e pola outra reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de 5 obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 1 busca acadar un ecosistema máis aberto e integrado, facilitando a colaboración e o aliñamento coa especialización de Galicia.

En consecuencia, estas bases enmárcanse na RIS3 respondendo aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico facer máis visible e accesible a oferta de coñecemento e facilitar a transferencia ao conxunto do tecido empresarial (obxectivo estratéxico 1), integrándose polo tanto no programa Integra.

Polo exposto, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e as universidades galegas avanzan nunha estratexia que permita en Galicia o impulso e a creación de centros de investigación fortes e capaces de competir en contextos nacionais e internacionais dinámicos co obxecto de fortalecer as súas capacidades científicas, potenciar o liderado internacional da investigación e actuar como axentes tractores no Sistema Galego de I+D+i.

Tras a publicación de dúas convocatorias nos anos 2016 e 2019, impulsouse un modelo de centros de investigación de excelencia en Galicia, baixo a marca da Rede CIGUS (Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego), actualmente integrada por oito centros de investigación das tres universidades galegas e con máis de 1.300 persoas investigadoras adscritas. Estes datos permiten confirmar que o peso crecente do financiamento da I+D universitaria constitúe una panca para o impulso da investigación en excelencia. Así, a Rede CIGUS visibiliza a investigación universitaria de excelencia desenvolvida no territorio e concrétase nunha firme aposta polo crecemento económico, o benestar social e o desenvolvemento futuro de Galicia.

É por iso, que compre realizar unha nova convocatoria que permita estabilizar o programa de axudas, que valorice o traballo desenvolvido polos centros de investigación, posibilite a acreditación da excelencia e o apoio para consolidar a súa traxectoria ou establecer unha financiación basal para que outros centros poidan avanzar na senda da excelencia, segundo o procedemento que para tal efecto se establece nesta orde.

Así, a finalidade desta convocatoria é dobre: por unha banda posibilitar o acceso a unha acreditación, para os centros de investigación do SUG, da excelencia científica, técnica ou artística e a súa contribución estratéxica para o desenvolvemento económico e social de Galicia e, por outra, outorgar financiamento para fortalecer o seu proxecto científico, as súas capacidades e liderado.

Este procedemento de avaliación dos resultados e do rendemento dos centros de investigación do SUG e a súa acreditación debe inxerirse nun marco e política estable de avaliación institucional cuns criterios claros e ben definidos. A tal fin, e coa colaboración das persoas expertas que asesoran á Secretaría Xeral de Universidades no contexto da Comisión Asesora do Programa (CAP) e da Rede de Centros CIGUS, definiuse unha metodoloxía de carácter xeral que permita abordar a avaliación institucional con parámetros previamente establecidos, e cunha vontade de permanencia no tempo para dotar da máxima estabilidade e garantía xurídica ao programa e aos elementos de control asociados.

Con base nesta metodoloxía, que aspira a ser estable no tempo e a normalizar a información que se solicita, esta orde introduce, como novidades, en primeiro lugar, un procedemento simplificado de acreditación para aqueles centros de investigación que xa superaron algunha avaliación positiva de acreditación con carácter previo. Esta maior eficacia e simplificación administrativa das axudas que se conceden xorde, en boa medida, das suxestións da comisión asesora do programa e da avaliación externa que se ten realizado en anteriores convocatorias.

Por outra banda, a segunda novidade refírese aos centros de investigación do SUG sen acreditación en excelencia previa en anteriores convocatorias. Esta orde permite a estes centros someterse, por primeira vez, a un procedemento de avaliación e análise externo completo que poida conducir, se é o caso, á súa acreditación en excelencia científica, técnica ou artística.

En terceiro lugar, cabe salientar que para aqueles centros de investigación que non acaden a acreditación en excelencia ábrese a posibilidade de acceder a unha financiación basal e adoptarán a consideración de centro de investigación colaborativo para avanzar na senda da excelencia.

Complementariamente, esta convocatoria continúa a afondar nas políticas activas encamiñadas cara a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i. Así, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración a perspectiva e igualdade de xénero nas propostas presentadas mediante a presentación e implementación dun plan de igualdade por parte dos centros de investigación solicitantes. Nesta liña tómase en consideración o principio establecido no artigo 9.2 do Regulamento (UE) 2021/1060, promovendo a igualdade entre homes e mulleres, a xeneralización da consideración de xénero e a integración da perspectiva de xénero durante a preparación, a execución, o seguimento, a presentación de informes e a avaliación dos programas obxecto de financiamento. Por iso, nas axudas que se regulan nesta convocatoria valoraranse positivamente aquelas propostas de centros nas que o persoal investigador garante estea integrado polo menos polo 40 % por investigadoras ou o liderado do centro sea exercido por unha muller.

Así mesmo, é coherente coa normativa comunitaria e coas directrices elaboradas pola Comisión Europea sobre as opcións de custos simplificados, que teñen por obxecto a simplificación da xestión administrativa e dos deberes de xustificación impostos ás entidades beneficiarias, e a redución da posibilidade de erro e a carga administrativa aos promotores do proxecto. Cómpre sinalar que esta convocatoria acolle na súa regulación a posibilidade recollida no artigo 54 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, distinguindo entre custos directos, suxeitos ao réxime común de xustificación por medio de documentos xustificativos do gasto e pagamento, e custos indirectos, suxeitos ao réxime de custos simplificados a través dun tanto por cento alzado.

A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés), isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación ao cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños, economía circular, prevención e control da contaminación, e protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

Finalmente, esta orde introduce os cambios normativos necesarios para axustarse á lexislación universitaria vixente no referido aos procedementos normativos de aplicación aos centros de investigación do SUG. Así, o 13 de abril de 2021 publicouse a Orde do 26 de marzo de 2021 que regula o procedemento de aprobación de novos centros e institutos de investigación do Sistema universitario de Galicia. Con posterioridade á entrada en vigor da orde, aprobouse a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, que establece no artigo 41.2 que a creación, modificación e supresión de centros e estruturas corresponden ás universidades, conforme o estipulado nesta lei orgánica e na súa normativa de desenvolvemento, así como nos seus estatutos. En consecuencia, corresponde á Universidade a verificación do cumprimento dos preceptos legais e procedementos requiridos para a creación dun Centro de Investigación, polo que resulta necesario derrogar a Orde do 26 de marzo de 2021 que regula o procedemento de aprobación de novos centros e institutos de investigación do Sistema universitario de Galicia.

Por outra banda, o concepto de acreditación, establecido no artigo 19 bis da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia (en diante, LSUG) segundo a redacción introducida pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, que desenvolve a presente orde permite que as universidades poidan someter aos seus centros de Investigacións a procesos de análises externos que acrediten a súa excelencia científica, técnica ou artística e a súa contribución estratéxica para o desenvolvemento económico e social de Galicia coa finalidade de impulsar a mellora, a calidade e o impacto da investigación realizada en Galicia e potenciar o efecto tractor que estes centros exercen sobre o conxunto do sistema.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece as bases reguladoras para a concesión da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) dos centros de investigación do SUG así como das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a estrutura, mellora e o apoio dos centros de investigación do SUG e se convoca para o exercicio 2023.

En consecuencia, e no uso das atribucións que temos conferidas,

ACORDAMOS:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde establece as condicións para a concesión, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) así como das axudas para a estrutura, mellora e o apoio dos centros de investigación do SUG, código de procedemento ED431G.

Esta convocatoria ten como finalidade os seguintes obxectivos:

a) A acreditación en excelencia dos centros de investigación do SUG, segundo as súas capacidades e o resultado do proceso de avaliación en concorrencia competitiva que se desenvolva ao abeiro desta convocatoria.

b) A contribución ao financiamento e á execución dos seus proxectos estratéxicos de investigación, durante o período 2023-2027, para: fortalecer as súas capacidades científicas; potenciar o liderado internacional da investigación feita en Galicia; impulsar a agregación de capacidades científico-técnicas, incluíndo a colaboración con outros centros e co tecido empresarial; mellorar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico; contribuír á formación, atracción e incorporación de talento; incrementar a masa crítica de persoal investigador; impulsar a transferencia tecnolóxica e actuar como axentes tractores no Sistema galego de I+D+i.

En cumprimento do artigo 9.4 do RDC, todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm). En atención ao considerando 10 do citado RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que fixa os obxectivos ambientais que hai que protexer:

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara a unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

Artigo 2. Definicións

Para efectos desta convocatoria terán a consideración de:

• Centro de investigación do SUG: cada unha das estruturas de investigación constituídas como centros ou institutos universitarios de investigación, de carácter supragrupal, segundo o previsto na LSUG, que participan nesta convocatoria para a súa acreditación e, se é o caso, obtención de financiamento.

• Centro de Investigación do SUG interuniversitario: Centro ou Instituto de investigación do SUG, segundo o previsto na LSUG, constituídos conxuntamente entre dúas ou máis universidades públicas galegas mediante convenio ou acordo específico que permita a súa concorrencia a esta orde. Para que un centro ou instituto de investigación do SUG teña a consideración de interuniversitario será preciso que participe nel máis dunha universidade do SUG e que a participación de cada unha delas teña un carácter decisivo pola achega de persoal, medios e/ou infraestruturas. A mera adscrición dalgún persoal investigador ou técnico non é suficiente para acadar a condición de interuniversitario.

• Consello reitor: órgano colexiado directivo de cada un dos centros que participen nesta convocatoria.

• Director/a científico/a: persoa que ten ao seu cargo a dirección científica do centro de investigación cunha dedicación total durante todo o período da axuda.

• Investigador/a garante: Persoal investigador permanente das universidades do SUG que corresponda coas categorías R3 ou R4. Para facilitar a clasificación do persoal investigador acompáñase na memoria unha táboa descritiva con distribución de categorías investigadoras aliñadas co European Research Career Framework.

• Proxecto estratéxico de investigación: conxunto de actividades de investigación que son propostas polo centro de investigación, de acordo a unha visión estratéxica acorde á misión definida no período de financiamento desta orde, incluíndo as accións de soporte para dotar o centro da capacidade técnica, relacional e de xestión necesarias para conseguir os obxectivos estratéxicos de excelencia científica e impacto internacional na investigación fixados para este período.

• Ingresos de I+D:

1) Unicamente os correspondentes a proxectos de I+D financiados por convocatorias públicas das administracións estatais, europeas ou doutras fontes, e os correspondentes a contratos e convenios de I+D ou de servizos de innovación, licenzas de patentes, de software e variedades vexetais, así como os premios de investigación e as doazóns dedicadas a I+D.

Unicamente poderán contabilizarse aqueles que se produzan na entidade que presenta a solicitude ou naqueles entes nos que a entidade teña unha participación superior ao 20 %.

Para computar estes ingresos terase en conta o criterio de ingreso e non o de concesión ou sinatura, isto é, compútanse os ingresos obtidos desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 31 de decembro de 2022, con independencia de que os proxectos, contratos ou convenios fosen anteriores a esa data. Polo mesmo criterio, non se computarán os ingresos que se produzan máis aló do 31 de decembro de 2022 aínda que correspondan a axudas concedidas no período exixido.

2) Non se terán en conta:

– As axudas para infraestruturas.

– As bolsas e axudas a accións de divulgación e produción científica.

– As axudas correspondentes a programas de recursos humanos.

– Os ingresos por ensaios clínicos.

– As axudas procedentes dos programas de consolidación de grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento, redes, proxectos de excelencia, da Xunta de Galicia.

– As axudas de financiamento supragrupal de agrupacións estratéxicas, agrupacións estratéxicas consolidadas e centros de investigación dos programas autonómicos concedidos anteriormente ou o financiamento ponte outorgado.

• Comité asesor externo ou Scientific Advisory Board (SAB): órgano colexiado independente que monitora, supervisa e asesora a traxectoria do centro de investigación.

• Comité avaliador externo: órgano colexiado, nomeado pola Secretaría Xeral de Universidades, para a avaliación e seguimento das propostas presentadas no contexto desta orde. A súa composición poderá ser variable en función do perfil e das características do centro que se avalíe e incluirá expertos externos ao SUG.

• Comisión de Selección e seguimento: órgano colexiado coa composición establecida no artigo 12 desta Orde, con funcións de asesoramento e apoio ao órgano instrutor das accións desta convocatoria.

• Rede de centros de investigación do SUG (en diante, Rede CIGUS): superestrutura promovida pola Xunta de Galicia que integra os centros de investigación acreditados en excelencia das tres universidades galegas outorgadas nesta convocatoria para fortalecer e potenciar a investigación de excelencia universitaria.

Artigo 3. Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarias das axudas desta orde as universidades públicas do SUG e destinaranas aos centros de investigación do SUG que obteñan a acreditación en excelencia (científica, técnica ou artística) ou a consideración de Centro de Investigación Colaborativo nesta convocatoria.

No caso dos centros ou institutos de investigación interuniversitarios, deberán nomear a entidade que exercerá, para os efectos desta convocatoria, a representación única, tanto na coordinación como na interlocución ante a Secretaría Xeral de Universidades, e será a que reciba e xustifique a subvención. Non se admitirá documentación relativa á solicitude ou xustificación dun Centro ou Instituto de Investigación interuniversitario presentada por unha entidade que non exerza a súa representación. Non obstante, as universidades públicas do SUG agrupadas ou asociadas terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigacións e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude.

Artigo 4. Requisitos

As solicitudes que presenten as universidades deberán cumprir na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:

1. Que a proposta presentada estea conformada por un centro de investigación que se atope nalgún dos seguintes casos:

a) Que obtivese financiamento na convocatoria realizada ao abeiro da Orde de 19 de setembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder); e tivese superado o procedemento de avaliación final definido na Instrución 2/2022 da Secretaría Xeral de Universidades para iniciar o procedemento de avaliación do rendementos dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, financiados ao abeiro das axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos ditos centros, convocadas en 2019.

b) Que obtivese unha axuda no programa estatal de Centros Severo Ochoa ou María de Maeztu, e que estea vixente na data de peche desta convocatoria.

c) Que cumpra os seguintes requisitos:

c.1) Cumprir os seguintes requisitos respecto á creación, organización e gobernanza (c.1.a, c.1.b e c.1.c):

c.1.a) Ter sido creado con data anterior ao 1 de xaneiro de 2022. No caso dos centros de investigación do SUG interuniversitario, o convenio de colaboración ou acordo específico deberá ter data anterior ao 1 de xaneiro de 2022.

c.1.b) Dispoñer dun plan estratéxico activo e contar cunha estrutura básica de goberno (Órgano Reitor, Comité Asesor Científico Externo (SAB) e o/a director/a científico) en funcionamento, con anterioridade á publicación desta convocatoria.

c.1.c) Indicar caracterización como centro ou instituto de investigación segundo o artigo 5 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario galego, e declaración de que a súa creación e regulación resulta conforme o estipulado na lexislación vixente e que cumpre os preceptos legais e procedementos requiridos para a creación dun centro ou instituto de investigación.

c.2) Cumprir, polo menos, un destes dous criterios (c.2.a ou c.2.b) no ámbito dos proxectos e o financiamento:

c.2.a) Ter polo menos dez (10) proxectos competitivos activos, nos que o orzamento asignado ao centro sexa igual ou superior a 150.000 € cada un, ou ter, polo menos, cinco (5) proxectos competitivos activos, nos que o orzamento asignado ao centro sexa igual ou superior a 300.000 € cada un, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022. Indicarase o orzamento total dos proxectos e o orzamento asignado ao centro, tanto total como anualizado. Non se incluirán proxectos de Proba Concepto, que será solicitado nos requisitos de transferencia.

c.2.b) Ter ingresos medios anuais por actividades de I+D iguais ou superiores a 2 millóns de euros (ou superior a 1,2 millóns € cando se trate de grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas), no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022.

c.3) Cumprir, polo menos, un dos seguintes criterios de produción científica e transferencia (c.3.a ou c.3.b) no período do 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022:

c.3.a) Artigos en publicacións incluídas en SCOPUS ou Web of Science: polo menos 8 publicacións no D1 de media nos período 2020-2022. No caso dos grupos das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas consideraranse artigos en publicacións ERIH, IN-REC, IN-RECJ, DICE e LATINDEX.

c.3.b) Transferencia: dispoñer, polo menos, de 3 probas concepto ou de 5 IPs licenciadas ou 3 spin off no período 2020-2022. Poderán ser empresas creadas antes do 1 de xaneiro de 2020, sempre que teñan actividade probada desde esa data ata o momento da solicitude.

2. Que o centro estea permanentemente constituído por un mínimo de 10 investigadores/as garantes de acordo co definido no artigo 2 desta convocatoria. No caso de que algunha das persoas propostas cause baixa deberá substituírse por outra de análoga traxectoria ou ben valorar se o centro pode continuar co seu desempeño coa nova composición. Os centros deberán comunicar estas modificacións á Secretaría Xeral de Universidades que resolverá ao respecto destes cambios.

3. O conxunto do persoal investigador unicamente poderá estar adscrito e formar parte dun único centro no ámbito do SUG. O persoal de apoio administrativo e de servizos non estará suxeito a esta limitación, pero, en todo caso, haberá de constar o seu tempo de dedicación.

4. Que as dependencias do centro de investigación estean perfectamente delimitadas, identificadas e fisicamente diferenciadas no seo das propias universidades e localizadas en Galicia.

5. Que presenten as memorias e os seus proxectos estratéxicos de investigación con base en hipóteses que poderán ser reformuladas durante a vixencia da axuda, sempre co acordo favorable da Secretaría Xeral de Universidades, e que incluirán os contidos que se detallan no artigo 8 desta orde.

Artigo 5. Contía e duración

As axudas serán de aplicación no exercicio corrente e en catro anualidades futuras de acordo co resultado da avaliación seguindo o procedemento e criterios definidos no artigo 12 desta orde.

No caso dos centros de investigación que obteñan a acreditación en excelencia, a contía mínima da axuda que se concederá será de 400.000 € e a máxima de 1.000.000 € nas anualidades 2025, 2026 e 2027. Na anualidade 2024 asignarase a contía proporcional ao período comprendido entre a entrada en vigor da nova acreditación en excelencia e o 31 de decembro de 2024. No período 2024-2027, o 90 % da contía da axuda outorgada debe corresponder polo menos a gasto subvencionable con Feder.

No caso dos centros de investigación que acaden a consideración de centros de investigación colaborativos (na senda da excelencia), a contía mínima da axuda que se concederá será de 100.000 € e a máxima de 200.000 € nas anualidades de 2025, 2026 e 2027. Na anualidade 2024 asignarase a contía proporcional ao período comprendido entre a entrada en vigor da consideración de Centro de Investigación Colaborativo e o 31 de decembro de 2024. No período 2024-2027, o 90 % da contía da axuda outorgada debe corresponder polo menos a gasto subvencionable con Feder.

Na anualidade 2023 outorgarase para cada unha das universidades que presenten solicitudes a esta convocatoria unha cantidade máxima de 1.000 euros por cada un dos centros de investigación que reúnan os requisitos mínimos de acceso a esta convocatoria conforme o artigo 4 en concepto de gastos incorridos na preparación e presentación das propostas.

Segundo o previsto no artigo 21.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a achega pública se fixa como un importe certo e sen referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total polo que non se aboará máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida. Enténdese que queda por conta do beneficiario a diferenza do financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada, se é o caso.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles realizados desde a entrada en vigor da nova acreditación en excelencia ou a consideración de Centro de Investigación Colaborativo, sempre que respondan á natureza da actividade subvencionada e que resulten necesarios para o desenvolvemento das actuacións para as que foron concedidas. Así mesmo, na anualidade 2023 terán a consideración de gastos subvencionables con cargo a fondos propios a contía outorgada para cada unha das universidades que presenten solicitudes a esta convocatoria consistente nunha contía máxima de 1.000 euros por cada un dos centros de investigación que reúnan os requisitos mínimos de acceso a esta convocatoria conforme o artigo 4 en concepto de gastos incorridos na preparación e presentación das propostas.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os gastos subvencionables desagregaranse nas seguintes partidas:

a) Gastos subvencionables con Feder.

1º. Custos directos: os custos directos son aqueles que están directamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo coa actividade sexa coherente. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1º.1 Sempre que cumpra co establecido no RDC e na normativa que a autoridade de xestión dite ao respecto dos gastos subvencionables Feder 2021-2027, o custo de contratación de persoal propio e de nova contratación (persoal investigador, técnico e auxiliar de investigación e xestores de ciencia). Admítese o custo derivado do cofinanciamento de programas competitivos de recursos humanos que así o exixan, tales como os programas estatais Juan de la Cierva e Ramón y Cajal, sempre que sexan compatibles co financiamento Feder. Non se subvencionarán os custos de persoal que xa estean cubertos polas dotacións previstas na Lei de orzamentos xerais do Estado ou nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma. A contratación poderá ser a tempo completo ou parcial.

Queda excluído o persoal que desempeñe funcións administrativas. Tampouco poderán admitirse os custos de persoas que, aínda vencelladas ao proxecto, non o estean mediante unha relación contractual.

1º.2 Custos de equipamento inventariable de nova adquisición durante o período en que se utilicen para as actividades obxecto desta convocatoria.

Se a vida útil do equipamento se esgotase ao termo do período de duración da axuda considerarase como gasto o custo de adquisición. Se a vida útil do equipamento excede a duración da axuda só serán imputables os custos de amortización que correspondan, a amortización deberá calcularse de conformidade coa normativa contable nacional pública e privada, e os custos de depreciación referirase exclusivamente ao período de elixibilidade da operación.

Para que este custo sexa considerado como gasto, deberá detallarse na solicitude o procedemento de cálculo seguido para determinar os custos de amortización, tendo en conta o tempo concreto de imputación ás actividades.

De acordo co establecido no RDC e na normativa que a autoridade de xestión dite ao respecto dos gastos subvencionables Feder 2021-2027, para ser subvencionable o custo de adquisición debe estar xustificado por documentos de valor probatorio equivalente ás facturas.

Dentro deste punto considerarase:

– A instalación do equipamento, sempre que sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento.

– As licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades específicas e non de uso xeral.

Neste punto non se considerarán os seguintes gastos:

– Instalacións de edificios (electricidade, climatización, redes de telecomunicacións...), e as que non sexan estritamente necesarias para o funcionamento do equipamento científico e técnico.

– Equipamento para espazos ou usos alleos ás actividades subvencionadas, como zonas de administración ou xestión, salas de reunións, despachos, mobiliario de oficina...

– Licenzas de software xeral.

– Os custos de deseño, actualización e mantemento das páxinas web dos centros.

1º.3 Custo en material funxible sempre que teña carácter científico-técnico, quedando expresamente excluído o material de oficina e calquera outro material que non estea especificamente relacionado co proxecto de investigación. Cando se trate de material informático só se admitirá para aqueles centros de investigación do SUG nos que se xustifique que resulta necesario para levar a cabo un proxecto de investigación.

1º.4 Os custos de viaxe, axudas de custo e aloxamento do persoal adscrito ao proxecto para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente. Este punto abarcará unicamente: gastos de viaxe (por exemplo billetes, quilometraxe do vehículo, peaxes e gastos de aparcadoiro), custos de comida e de aloxamento nas contías máximas sinaladas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (actualizado por Resolución do 29 de decembro de 2005, DOG número 250, do 30 de decembro de 2005) para un grupo I. Non se considerarán neste punto o persoal colaborador externo do centro.

1º.5 Consultaría e asesoramento externo para a presentación de proxectos no marco do Programa Horizonte Europa, así como contratación de servizos externos entendidos como actividades prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, consultarías, asistencias técnicas e servizos equivalentes para a execución das actividades investigadoras propias dos proxectos estratéxicos de investigación. Non se considerarán gastos de consultoría e asesoramento aqueles que non respondan directamente a necesidades específicas de carácter científico-técnico do proxecto de investigación, tales como gastos relacionados coa xestión administrativa, contable e traducións. Se a actividade que se vai a realizar forma parte da propia investigación deberá ser considerada como subcontratación. Estes servizos deberán ser necesarios para o desenvolvemento das actividades e estar debidamente xustificados na solicitude ou na memoria xustificativa do gasto.

1º.6 Gastos derivados das reunións do comité asesor externo (SAB), incluíndo gastos de viaxe, asistencia a reunións e elaboración de informes. Establécese como límite para este tipo de gastos o importe de 15.000 € por anualidade.

1º.7 Gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría da xustificación económica por cada centro que obteña financiamento en cada unha das anualidades nas que a axuda estea activa. O custo por este concepto non poderá exceder os 1.200 € por anualidade.

1º.8 Gastos derivados da elaboración dun informe de valoración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH), mediante unha entidade acreditada ENAC. O informe debe estar referido aos proxectos estratéxicos de investigación durante o período 2023-2027. O custo por este concepto non poderá exceder os 2.000 € e deberá ser presentado no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión de axudas. No caso de non presentar este informe, revogarase a axuda concedida.

2º. Custos indirectos ou gastos xerais dos centros de investigación: os custos indirectos son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos que se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza.

En aplicación da opción prevista no artigo 54.b) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, o custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 15 % aos custos de persoal imputados ás actividades e dependencias dos centros de investigación destinatarios da axuda.

A determinación dos gastos subvencionables con fondos FEDER axustarase así mesmo ao disposto nos artigos 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.8 da dita lei. Así, no caso de que o importe do IVE non sexa recuperable polos beneficiarios, poderá ser considerado un gasto subvencionable.

Aos gastos recollidos na epígrafe a) seralles de aplicación o previsto no RDC e na normativa que a autoridade de xestión dite ao respecto dos gastos subvencionables Feder 2021-2027.

b) Gastos subvencionables con cargo a fondo propio.

1º. Gastos de material funxible non recollidos na epígrafe a) 1º.3 deste artigo.

2º. Contratación de servizos externos relacionados coa actividade do centro tales como: informes técnicos, consultivos, tradución e corrección de textos científicos, publicación dos resultados de investigación en aberto (non son de aplicación nesta epígrafe os gastos de autoedición ou similares) e gastos asociados na publicación das memorias de actividades relacionadas co Proxecto Estratéxico.

3º. Actividades de divulgación e difusión, e material asociado, das actividades propias do Centro ou que nel se desenvolvan.

4º. Formación científica que se desenvolva no marco do proxecto estratéxico do centro.

5º. Na anualidade 2023, unha cantidade máxima de 1.000 euros por cada un dos centros de investigación que reúnan os requisitos mínimos de acceso a esta convocatoria conforme o artigo 4 en concepto de gastos incorridos na preparación e presentación das propostas.

A Secretaría Xeral de Universidades poderá ditar instrucións específicas co fin de aclarar os conceptos subvencionables, así como a súa xustificación económica.

A determinación dos gastos subvencionables con fondos propios axustarase así mesmo ao disposto nos artigos 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O IVE será subvencionable se concorren as circunstancias previstas no artigo 29.8 da dita lei. Así, no caso de que o importe do IVE non sexa recuperable polos beneficiarios, poderá ser considerado un gasto subvencionable.

Artigo 7. Formalización e presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado ED431G (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. (htps://sede.xunta.gal/chave365).

Nas solicitudes de axuda realizaranse as seguintes declaracións, que estarán incluídas no dito formulario (anexo II):

a) Que a entidade non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes delas. De ser o caso indicar se ten solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, outras axudas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, ou das entidades vinculadas ou dependentes delas.

b) Que os grupos e/ou os/as investigadores/as individuais que integran o centro non forman parte de ningunha outra solicitude.

c) Que a entidade solicitante se compromete a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite ou obteña coas mesmas finalidades que as establecidas nesta convocatoria doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data da presente declaración.

d) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

e) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar ao día do pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

i) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se este fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 8. Documentación complementaria

As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Certificado emitido pola entidade á que pertence o centro de investigación do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4 desta orde. En calquera momento, a Secretaría Xeral de Universidades poderá requirir os comprobantes dos méritos certificados das solicitudes seleccionadas. En caso de detectarse falsidade nalgún mérito, o órgano instrutor correspondente adoptará as oportunas medidas legais. A referencia dos contidos mínimos obrigatorios destes certificados está dispoñible no enderezo web https://www.edu.xunta.gal/

2. No caso dos centros ou institutos de investigación interuniversitarios, deberán presentar adicionalmente:

a) O convenio de colaboración ou acordo específico que permita a concorrencia a esta convocatoria, asinado polas universidades participantes.

b) O anexo II bis, asinado por todas as universidades que formen parte do Centro ou Instituto de Investigación interuniversitario, no que deberá nomearse á entidade que exercerá, para os efectos desta convocatoria, a representación única, tanto na coordinación como na interlocución ante a Secretaría Xeral de Universidades, e será a que reciba e xustifique a subvención e consignará os restantes datos e declaracións solicitadas nesta convocatoria.

3. Memoria descritiva da traxectoria e proxección estratéxica do centro de investigación: O dito documento debe describir, de xeito cualitativo e cuantitativo, a evolución e os principais logros obtidos polo centro no pasado e os principais obxectivos e o plan previsto para acadalos no período 2023–2027. O formato obrigatorio desta memoria está dispoñible no enderezo web https://www.edu.xunta.gal/

4. Certificación da universidade solicitante de todo o persoal adscrito ao centro ou instituto de investigación, con indicación da data de adscripción e dedicación, conforme o modelo dispoñible no enderezo web https://www.edu.xunta.gal/. Deberá entregarse folla de cálculo en formato editable e pdf asinado pola universidade.

5. Certificación da universidade solicitante da persoa que ocupará a dirección científica do centro de investigación, indicando data de nomeamento e duración do mandato.

6. Declaración responsable sobre o cumprimento do principio DNSH, segundo modelo indicado no anexo III. No caso dos Centros Interuniversitarios, deberá entregarse un anexo por cada unha das entidades integrantes do centro e compromiso da entidade beneficiaria de prever e realizar as accións oportunas para asegurar que os subcontratistas, se é o caso, cumpran este principio.

7. No caso de que o centro de investigación acceda a esta convocatoria por cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4.1.b) ou 4.1.c) desta convocatoria, certificación da universidade coa descrición textual e expresión gráfica dos espazos asignados ao centro de investigación, con indicación expresa de se son de uso exclusivo ou de uso compartido (indicando neste último caso de maneira aproximada a porcentaxe deste uso compartido para cada espazo).

Toda a documentación indicada nos puntos anteriores irá asinada pola autoridade que representa legalmente á universidade correspondente. O certificado de cumprimento dos requisitos mínimos e a memoria sinalada no punto 3 serán asinados ademais pola persoa que teña a dirección científica do centro de investigación que executará a axuda, esta documentación que acompaña a solicitude deberá cubrirse segundo os modelos dispoñibles na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal

8. No caso de que o importe do IVE non sexa recuperable, deberase presentar un certificado da Axencia Tributaria AEAT relativo á exención de IVE ou documentación que evidencie a suxeición ao réxime de prorrata e a porcentaxe aplicable no último exercicio.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporá a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades).

Esta lista estará exposta por un período de 10 días naturais e durante este prazo as universidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse á universidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades ditará unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 12. Avaliación e selección

Para o cumprimento dos obxectivos establecidos nesta orde, tanto de acreditación como de financiamento, desenvolverase un procedemento de avaliación e selección das propostas recibidas de acordo co establecido neste artigo.

1. A selección dos centros destinatarios das axudas realizarase a partir das valoracións feitas por un Comité avaliador externo e pola Comisión de Selección e seguimento. O Comité avaliador externo poderá asignar ata un máximo de 200 puntos a cada solicitude. Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade suficiente, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total igual ou superior a 120 puntos.

2. Para a composición do Comité avaliador externo poderase contar coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e estará formado por un panel de persoas expertas de fóra do Sistema Universitario de Galicia, nomeadas pola Secretaría Xeral de Universidades, que abarcarán as principais áreas científicas de coñecemento e actividade dos centros de investigación que se avalíen, así como aspectos estratéxicos, organizativos e funcionais.

3. A Comisión de Selección e seguimento estará constituída por cinco membros:

– O/a secretario/a xeral de universidades, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

Serán vogais da comisión:

– O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.

– O/a subdirector/a de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.

– Un/Unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Un/Unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

4. A Comisión de Selección e seguimento terá as seguintes funcións:

– A elaboración para o órgano instrutor dun informe que inclúa o informe de avaliación do Comité avaliador externo e unha prelación das solicitudes ordenadas por puntuación.

– O seguimento das evaluacións intermedias e finais recollidas no artigo 12, que serán realizadas polo Comité avaliador externo.

– Establecer criterios para a realización de avaliacións por equipos ad hoc relacionados coas disciplinas científicas dos distintos centros e elaborar recomendacións para a mellora dos seus indicadores, baseándose nas fortalezas e oportunidades identificadas.

5. A avaliación por parte do Comité avaliador externo analizará os centros de investigación participantes no proceso en relación con tres grandes dimensións:

– Organización e goberno. O Comité avalía a traxectoria do Centro de Investigación e a estratexia que pretende seguir nos próximos años, valorando a súa capacidade para cumprir cos obxectivos propostos. Para isto, toma en consideración a gobernanza, a adecuación do modelo organizativo e as habilidades de liderado e xestión do Centro, prestando especial atención ás políticas de talento e á viabilidade económica do proxecto. No caso concreto da aplicación da igualdade de xénero no ámbito da gobernanza, terase en conta o número de investigadoras garantes do centro ou o liderado do centro por unha directora científica.

– Calidade da investigación. O Comité avalía a calidade da actividade científica, as contribucións da investigación ao corpo do coñecemento científico e os resultados obtidos nas súas diversas formas, incluída a transferencia. Tamén valora cuestións relacionadas coa colaboración interna e a estratexia de internacionalización.

– Relevancia para a sociedade. O Comité avalía a calidade e relevancia das contribucións dirixidas a grupos económicos, sociais ou culturais específicos ou á sociedade en xeral e baseadas na investigación de excelencia realizada polo centro.

6. Tras a análise da documentación achegada, para aquelas propostas que acaden un nivel de calidade suficiente e susceptibles de superar a nota mínima de corte que se establece no artigo 12.1 desta orde, o Comité avaliador externo manterá unha sesión coa dirección científica para unha mellor comprensión da traxectoria e o estado actual do centro de investigación.

Ademais, o Comité avaliador externo poderá realizar unha visita presencial ás instalacións daqueles centros que accedan a esta convocatoria por cumprimento dos requisitos establecido no artigo 4.1.b) e c) desta orde e acaden un nivel de calidade suficiente e susceptibles de superar a nota mínima de corte que se establece no artigo 12.1.

As persoas responsables serán convocadas tanto á entrevista como á visita coa anticipación suficiente e coas debidas garantías no procedemento.

7. O resultado do proceso de avaliación materializarase en dous tipos de valoracións: cuantitativa e cualitativa.

– A valoración cuantitativa, que permitirá elaborar unha lista ordenada dos centros avaliados, resultará da suma da puntuación atribuída ao desempeño do centro respecto ás anteriores dimensións nunha escala de números enteiros de 0 a 200, aplicando a puntuación que se amosa na seguinte táboa:

Dimensións

Puntuación máxima

1 Organización e goberno. Ata un total de 60 puntos

Estratexia

4

Gobernanza e estrutura organizativa

9

Gestión de talento

15

Financiamento

15

Infraestrutura

4

Entrevista/visita

10

Se o persoal investigador garante está integrado, cando menos, por un 40 % de investigadoras ou o liderado do centro sexa exercido por unha directora científica

3

2 Calidade da investigación. Ata un total de 110 puntos

Proxectos

30

Produción científica

25

Colaboración interna

5

Recoñecementos

15

Transferencia

20

Internacionalización e colaboración internacional

15

3 Relevancia para a sociedade. Ata un total de 30 puntos

RRI

10

Servizos

10

Comunicación

10

O Comité avaliador externo examinará a existencia de duplicidades en campos de investigación que accedan a esta convocatoria por cumprimento dos requisitos establecido no artigo 4.1.b) e c) desta orde e ponderará a súa puntuación para concentrar a masa crítica e evitar solapamentos.

Partindo da lista ordenada resultante da valoración cuantitativa, para os efectos de escalabilidade das axudas, o equipo avaliador agrupará as propostas que acaden, cando menos, os 120 puntos para a determinación da valoración cualitativa, que se corresponderá coa seguinte escala:

Acreditación en excelencia (científica, técnica ou artística). Financiamento e recoñecemento como membro da Rede CIGUS.

Nota mínima de corte: igual ou superior a 150 puntos

– Cualificación A (Moi boa). Mínimo 170 puntos.

– Cualificación B (Boa). De 150 a 169 puntos.

Centro de Investigación Colaborativo (na senda da excelencia). Financiamento basal.

Nota mínima de corte: igual ou superior a 120 puntos e inferior ou igual a 149 puntos

– Cualificación C

Cada unha destas tres cualificacións, A, B e C, poderá graduarse con valoración positiva ou negativa.

Ademais, con carácter excepcional, aqueles centros de investigación acreditados ao abeiro da Orde do 19 de setembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), que non acaden a puntuación mínima de 150 puntos requirida nesta convocatoria para a acreditación de excelencia, manterán transitoriamente a súa acreditación e pertenza á Rede CIGUS, sempre e cando superen os 120 puntos e deberán someterse á avaliación intermedia segundo as condicións establecidas no artigo 19 desta orde. Neste caso, outorgaráselles unha cualificación B- (Transitoria) e o financiamento será o correspondente á puntuación mínima de corte correspondente á acreditación en excelencia nas anualidades 2024 e 2025.

8. Respectando o establecido no artigo 5 desta orde, no caso dos centros de investigación que se propoñan para a obtención da acreditación en excelencia e recoñecemento como membro da Rede CIGUS, recibirán a cantidade que resulte da aplicación dunha distribución lineal entre a puntuación máxima de 200 puntos á que se outorgará 1.000.000 € nas anualidades de 2025, 2026 e 2027 e a puntuación mínima de 150 puntos á que se outorgará 400.000 €. Na anualidade 2024 aplicarase o mesmo criterio de distribución lineal pero asignarase a contía proporcional ao período comprendido entre a entrada en vigor da nova acreditación en excelencia e o 31 de decembro de 2024.

9. Respectando o establecido no artigo 5 desta orde, no caso dos centros de investigación que que se propoñan como Centros de Investigación Colaborativos (na senda da excelencia), recibirán a cantidade que resulte da aplicación dunha distribución lineal entre a puntuación máxima de 149 puntos á que se outorgará 200.000 € nas anualidades de 2025, 2026 e 2027 e a puntuación mínima de 120 puntos á que se outorgará 100.000 €. Na anualidade 2024 aplicarase o mesmo criterio de distribución lineal, pero asignarase a contía proporcional ao período comprendido entre a entrada en vigor da consideración de Centro de Investigación Colaborativo e o 31 de decembro de 2024.

10. De conformidade co previsto no artigo 29.7 da Ley 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia na anualidade 2023 outorgarase para cada unha das universidades que presenten solicitudes a esta convocatoria unha cantidade máxima de 1.000 euros por cada un dos centros de investigación que reúnan os requisitos mínimos de acceso a esta convocatoria conforme o artigo 4, en concepto de gastos incorridos na preparación e presentación das propostas.

11. O informe coa valoración do Comité avaliador externo farase chegar á Comisión de Selección e Seguimento, que elaborará para o órgano instrutor un informe que inclúa o informe de avaliación do Comité avaliador externo e unha prelación das solicitudes, en función da dispoñibilidade de recursos e os obxectivos que se perseguen con esta axuda, ordenadas por puntuación decrecente e unha proposta de asignación de acordo coa previsión orzamentaria da convocatoria.

12. En función deste informe o órgano instrutor elaborará, sen prexuízo do disposto no artigo 25, a proposta de resolución que incluirá, para cada entidade beneficiaria, a relación de cada centro seleccionado co importe da axuda concedida.

Artigo 13. Resolución de concesión das axudas

1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución, que incluirá, para cada entidade beneficiaria, a relación de centros de investigación seleccionados co importe da axuda concedida.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (http://edu.xunta.gal), pola cal se entenderán notificados para todos os efectos as entidades solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Unha vez concedida a subvención para o período 2024-2027, esta deberá ser aceptada pola entidade beneficiaria no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se for o caso, se inclúan na resolución. No mes seguinte á concesión da subvención presentarase unha reelaboración do Proxecto Estratéxico e o seu orzamento para adaptalos á contía da axuda recibida, que deberá axustarse en todo caso aos importes percibidos segundo a resolución de concesión, respectando a cantidade concedida con cargo a fondos Feder e a fondos propios libres da Comunidade Autónoma, na que se detallen e axusten as diferentes partidas de gasto para unha adecuada execución.

A aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións onde figurarán os nomes dos beneficiarios, as operacións, a cantidade de fondos públicos asignada, que se publicará co contido previsto no artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, así como na Base de datos nacional de subvencións.

A aceptación da axuda supón a declaración de que a entidade beneficiaria ten capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para cumprir as condicións que se establecen na convocatoria.

A resolución publicarase no prazo máximo de 5 meses, contados desde a publicación da orde de convocatoria. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entender desestimadas as súas solicitudes.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa, poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

En todo caso, deberá notificarse a cada entidade beneficiaria un documento que estableza as condicións da axuda para a operación. A resolución de concesión das axudas comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, contía da subvención e obrigas que correspondan a universidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Acreditación en excelencia e recoñecemento como membros da Rede CIGUS

Os centros de investigación seleccionados con puntuación igual ou superior a 150 puntos recibirán a acreditación en excelencia de centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, regulada no artigo 19 bis da LSUG, e o recoñecemento como membros da Rede CIGUS, tras acordo do Consello de Xunta. O selo identificativo CIGUS representa un recoñecemento que avala a calidade e o impacto da súa investigación e que se sustenta nun rigoroso proceso de avaliación continua de carácter externo.

Esta acreditación estará vixente como máximo durante o tempo de duración da axuda.

A acreditación será nominativa para cada un dos centros de investigación, sen que alcance o conxunto da entidade á que pertence.

Poderá producirse a perda da acreditación nos seguintes casos:

1. A finalización anticipada do período de execución da axuda como consecuencia da concorrencia dalgunha das causas de reintegro total previstas nesta orde ou na lexislación vixente, ou por renuncia voluntaria da entidade beneficiaria.

2. No caso de que se detecte un incumprimento total dos obxectivos ou da actividade para a que se concedeu a axuda a través dos procedementos de seguimento e comprobación da xustificación.

3. A substitución da persoa que teña a dirección do centro sen contar con resolución expresa aprobatoria da Secretaría Xeral de Universidades, así como a vacante da dirección durante un período superior a un ano.

4. Unha perda de masa crítica (especialmente dos/as investigadores/as garantes) que, de acordo cos procedementos de avaliación e mecanismos de control e seguimento establecidos nesta orde, imposibilitase a correcta execución do proxecto estratéxico de investigación.

5. A escisión do centro acreditado.

6. Cambios na configuración do centro que non fosen autorizados mediante resolución da Secretaría Xeral de Universidades.

Os centros de investigación deberán dar publicidade á acreditación en excelencia e recoñecemento como membros da Rede CIGUS durante o seu período de vixencia.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

1. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou documento no que se establecen as condicións de axuda.

2. Adaptar os consellos reitores dos centros, nos casos os que sexa necesario, para que nestes órganos colexiados figure con voz e voto unha persoa, cando menos, en representación da Secretaría Xeral de Universidades. Establécese un período máximo dun ano para que a incorporación sexa efectiva.

3. Adaptar a composición e reforzar o funcionamento dos comités asesores externos (SAB) aos estándares internacionais.

4. Manter a persoa que teña a dirección científica do centro de investigación durante o período da axuda. Se por causa xustificada esta persoa tivese que ser substituída comunicarase á Secretaría Xeral de Universidades quen, á vista dos informes preceptivos do SAB do Centro e o Comité de avaliación externo resolverá ao respecto.

5. Empregar a normativa de imaxe que estea vixente para este tipo de centros durante o período da axuda e participar nos actos de comunicación impulsados pola Secretaría Xeral de Universidades co obxecto de dar difusión ás actividades subvencionadas ao abeiro desta convocatoria.

6. Cumprir a normativa aplicable en materia de accesibilidade das persoas con discapacidade.

7. Xustificar ante a consellería, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e goce da subvención.

8. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

9. Facilitar á Administración, despois de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento dos deberes previstos na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

10. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

Así, a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados que deberá conservar é a seguinte:

1º) Un resumo de execución económica no que conste o concepto de gasto, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por tipoloxía de gastos.

2º) Documentación xustificativa do gasto: copia dos documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas dos provedores ou documentos de valor probatorio equivalente, con validez no tráfico xurídico mercantil ou eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado e incluír os datos da universidade beneficiaria, do contrario non se considerará subvencionable.

3º) Documentación xustificativa do pagamento: copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, sempre que conten co selo do banco, CSV ou outro método que garanta a verificabilidade da autenticidade do documento. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto suficientemente descritivo a que se refiren. No caso de que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, achegarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas á actividade subvencionada, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

4º) No caso de investimentos en activos intanxibles, deberá realizarse unha acta de conformidade que acredite a comprobación material do investimento.

5º) Para a xustificación do custo de persoal deberá conservarse a seguinte documentación:

– Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable da entidade, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades, que deberá incluír os seguintes datos: DNI ou NIE, nome, apelidos, posto na entidade, porcentaxe de dedicación de cada traballador ou traballadora ás actividades financiadas, retribución bruta e líquida mensual total, retribución bruta e líquida segundo a dedicación de cada traballador ou traballadora ás actividades financiadas, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á entidade, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social), segundo a dedicación de cada traballador ou traballadora ás actividades financiadas.

– Xustificación da comunicación por escrito ao traballador ou traballadora de que parte do seu salario está cofinanciado con fondos Feder, seguindo as instrucións de información e publicidade da Secretaría Xeral de Universidades.

– Declaración asinada polo/a responsable da entidade cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores e traballadoras dedicados ás actividades, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios.

– Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades e copia dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a lista da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores e traballadoras incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

– Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento.

– Informe de vida laboral emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores e traballadoras.

– No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse a contratación para o desenvolvemento das actividades subvencionadas.

6º) Dado que as universidades beneficiarias teñen a condición de administración pública de acordo co disposto no artigo 3.2.a) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público deberanse someter á disciplina de contratación pública para adquirir os bens ou servizos subvencionables e deberán remitir a certificación expedida pola persoa responsable do control de legalidade da Universidade, na que se faga constar que se respectou o procedemento de contratación pública conforme a Lei 9/2017 de contratos do sector público.

7º) Declaración asinada polo/a representante legal da entidade en que se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento, calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como un informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá acompañarse dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A consellería poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo en calquera momento aos documentos contables da entidade.

8º) No caso de subcontratacións deberá disporse da seguinte documentación:

– Orixinal ou copia compulsada da factura emitida pola entidade subcontratada na que se especifique claramente o título das actividades financiadas.

– Xustificantes de pagamento da/s factura/s da subcontratación.

– Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades no centro de investigación.

9º) Certificación dos custos de viaxe emitida polo/a responsable da entidade, na que conste o DNI e nome da persoa que realiza a viaxe, o lugar de destino, as datas e o motivo da viaxe en relación coas actividades desenvolvidas polo centro. Os custos da viaxe estarán desagregados por conceptos de gasto: transporte (avión, taxi, autobús, coche particular…), aloxamento (nº de noites) e mantemento (por días). Esta certificación deberá estar acompañada das correspondentes facturas e xustificantes de pagamento, así como da copia dos billetes / tarxetas de embarque do medio utilizado.

10º) Calquera outra documentación xustificativa relativa aos gastos financiados.

10. Comunicarlle á consellería a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

11. Solicitarlle á consellería autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas á autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

12. Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o Feder, segundo o establecido no anexo I destas bases, durante o período de mantemento da axuda.

13. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

14. A entidade beneficiaria deberá introducir os datos e documentos dos que sexa responsable, así como todas as posibles actualizacións no sistema de intercambio electrónico de datos, de acordo coas especificacións determinadas nesta convocatoria en cumprimento do artigo artigo 69.8 e do anexo XIV do RDC, así como da normativa que a autoridade de xestión poida dita para o efecto.

15. A entidade beneficiaria deberá informar sobre o nivel de logro dos indicadores de realización e, de ser preciso, dun indicador de resultado ao mesmo tempo que xustifica os gastos.

16. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «Non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. En atención ao considerando 10 do citado RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no senso do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, que fixa os obxectivos ambientais que hai que protexer:

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara a unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

17. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco de seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. Para tales efectos, durante a execución e, ao finalizar a axuda (expost), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

18. Calquera outro deber imposto de maneira expresa as entidades beneficiarias na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 17. Seguimento e coordinación

1. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades levará a cabo un seguimento continuo do programa de axudas a través da Comisión de Selección e seguimento, que desenvolverá tamén as funcións de asesoramento e apoio ao órgano instrutor das accións desta convocatoria. A composición e funcións desta comisión regúlase no artigo 12 desta orde.

2. As entidades beneficiarias das axudas, as direccións científicas dos centros e os consellos reitores facilitarán as interaccións coa SXU, coa Comisión de Selección e Seguimento e co Comité de avaliación externo para un mellor seguimento das accións dos programas e cara a establecer as necesarias sinerxías cooperativas.

3. En paralelo, e por impulso da Secretaría Xeral de Universidades reforzarase a Rede de centros de investigación do SUG como unha superestrutura promovida pola Xunta de Galicia para fortalecer e potenciar a investigación de excelencia universitaria e actuar como motor de progreso da rexión.

A Rede CIGUS actúa como foro de reflexión, expresión e achega de ideas entre a SXU e os centros acreditados nestas axudas e supón o instrumento de traballo para a definición, impulso e posta en marcha de accións combinadas que permitan optimizar recursos e aumentar de xeito significativo as capacidades e oportunidades dos centros.

Constitúese como órgano colexiado, sen funcións executivas, e nel terán participación a propia Secretaría Xeral, que terá a presidencia e a secretaría, e todos os centros acreditados.

Artigo 18. Modificacións dos proxectos estratéxicos

A execución dos proxectos estratéxicos de investigación debe realizarse de acordo cos termos establecidos na resolución da subvención e consonte os documentos presentados.

En ocasións, pode ocorrer que sexa necesario introducir algunhas modificacións durante a execución para garantir o correcto desenvolvemento do proxecto. A este respecto cómpre distinguir entre modificacións non substanciais e substanciais:

1. Modificacións non substanciais.

As modificacións non substanciais poden ser consideradas como “desviacións” sempre que sexan comunicadas. Esta comunicación debe incluír unha xustificación de tales cambios menores, unha explicación sobre as súas consecuencias para a execución do proxecto e a solución proposta para facer fronte a eles e para evitar desviacións similares no futuro. Considéranse modificacións non substanciais:

a) Cambio nos datos de contacto.

b) Cambios no calendario de execución das actividades.

c) Modificación orzamentaria de ata un 10 % por partida. É dicir, poderanse incrementar e reducir partidas orzamentarias, sempre que ningunha delas se vexa alterada en máis dun 10 %, e sempre que se respecte o orzamento máximo do proxecto e os límites específicos previstos para determinados conceptos nas bases.

2. Modificacións substanciais.

Considéranse cambios substanciais aqueles que afectan:

a) As actividades principais do proxecto (p.e.: cancelación de actividades ou inclusión de actividades non previstas inicialmente).

b) A perda de masa crítica de investigadores garantes, de acordo co establecido nos artigos 4.2 e 15.4 da convocatoria, que non conte coa resolución favorable da Secretaría Xeral de Universidades.

c) Os obxectivos e indicadores do proxecto.

d) O orzamento, por riba do límite do 10 % por partida orzamentaria. Durante a vida do proxecto, a entidade beneficiaria poderá solicitar en cada anualidade unha única redistribución de orzamento por riba do límite do 10 % por partida orzamentaria e sempre que se respecte o orzamento máximo do proxecto e os límites específicos previstos para determinados conceptos nas bases.

e) A duración do proxecto.

3. Se a entidade beneficiaria necesitase efectuar unha modificación substancial deberá informar a Secretaría Xeral de Universidades con polo menos 20 días naturais de antelación á data de inicio de todas as accións para as que se solicita modificación, mediante unha solicitude formal asinada e selada polo responsable da entidade ou persoa designada para ese efecto. Este documento debe recoller, polo menos, a seguinte información:

a) Código de proxecto.

b) Entidade.

c) Motivo e necesidade da modificación solicitada.

d) Partes do proxecto afectadas, debidamente actualizadas.

A Secretaría Xeral de Universidades estudará esta solicitude e comunicará a súa resolución nun prazo de 30 días. Poderá solicitarse información adicional.

En ningún caso as modificacións suporán un incremento do orzamento total do proxecto aprobado.

Artigo 19. Avaliación do rendemento

Antes do remate da axuda, realizarase unha avaliación do cumprimento dos obxectivos dos centros de investigación, así como da calidade e viabilidade do plan estratéxico.

Complementariamente, terán que someterse a unha avaliación intermedia antes do 1 do decembro de 2025:

Aqueles centros de investigación que obtendo a axuda tivesen unha cualificación B - (B negativa).

Aqueles centros de investigación que obtendo a axuda tivesen unha cualificación B - (transitoria).

Estes centros elaborarán, cando menos, unha memoria de seguimento que incluirá un resumo da evolución do centro no período analizado e das melloras implementadas e os indicadores conforme os modelos establecidos.

Será preciso obter unha cualificación positiva por parte do Comité de Avaliación externo nesta fase para manter o recoñecemento como membro da Rede CIGUS, a acreditación en excelencia e acceder ás dúas últimas anualidades da axuda.

No caso de obter unha cualificación negativa percibirán á contía máxima da axuda correspondente a Centro de Investigación Colaborativo para as anualidades 2026 e 2027 e aplicarase, se é o caso, o establecido no artigo 25 (incumprimentos, renuncias, reintegros e sancións) desta orde.

Para este fin, a Secretaría Xeral de Universidades poderá emitir instrucións para unha mellor definición destes procedementos se o considera oportuno. Nas avaliacións teranse en conta, entre outros criterios, os indicadores que figuran na memoria descritiva da solicitude.

Artigo 20. Libramento da subvención

1. A subvención será librada á universidade solicitante a que pertenza o centro de investigación, conforme a resolución de concesión e de acordo coa normativa vixente. No caso dos centros de investigación interuniversitarios entenderase referido á universidade nomeada como representante única.

2. Para proceder ao libramento dos fondos na anualidade 2023 será preciso que a entidade beneficiaria achegue, na data límite do 15 de decembro, a seguinte documentación relativa aos gastos incorridos na preparación e presentación das propostas dos centros de investigación que reúnan os requisitos mínimos de acceso a esta orde conforme o artigo 4:

a) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

3. Para proceder ao libramento dos fondos nas anualidades de 2024, 2025, 2026 e 2027 será preciso que a entidade beneficiaria achegue a seguinte documentación:

a) Na anualidade 2024, a adaptación do Proxecto Estratéxico e do orzamento á contía da axuda recibida no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión no DOG.

b) Con data límite do 30 de novembro de cada anualidade 2024, 2025, 2026 e 2027:

b.1) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

b.2) Memoria explicativa do logro dos obxectivos do proxecto estratéxico de investigación. Esta memoria explicativa irá asinada polo/a director/a científico/a correspondente.

b.3) Certificación das variacións na composición do centro durante a anualidade que se xustifica.

b.4) Informe de auditor/a inscrito/a como exercente no Rexistro oficial de Auditores/as de Contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, período de realización e pagamento dos gastos presentados nesa anualidade. O informe de auditoría axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos/das auditores/as de contas na realización dos traballos de revisión das contas xustificativas de subvencións.

b.5) Xustificantes de gasto e dos pagamentos realizados, de acordo co artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano xestor poderá realizar verificacións sobre unha mostra aleatoria desta documentación.

b.6) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades e de que o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, non supera o custo da actividade subvencionada.

b.7) Certificación da universidade solicitante de todo o persoal investigador que traballa no centro de investigación apoiado nesta convocatoria: relación nominal de persoal (con indicación de funcionario, laboral indefinido ou contratado), incluíndo DNI ou NIE; categoría/nivel profesional; duración contrato ou adscrición: data inicio e fin (no seu caso); centro de traballo concreto para cada persoa contratada e horas dedicadas ao proxecto estratéxico financiado a través de esta convocatoria. Deberá entregarse folla de cálculo en formato editable e pdf asinado pola universidade.

b.8) Memoria explicativa do Plan de comunicación executado na anualidade para dar cumprimento aos requirimentos de comunicación establecidos no anexo I desta orde. Esta memoria explicativa irá asinada polo/a director/a científico/a correspondente.

b.9) Para cada unha das actividades subcontratadas, declaración responsable da entidade subcontratada sobre o cumprimento do principio DNSH, segundo formato do anexo III.

b.10) Certificación expedida pola persoa responsable do control de legalidade da Universidade, na que se faga constar que se respectou o procedemento de contratación pública conforme a Lei 9/2017, de contratos do sector público.

4. No suposto de que a entidade solicitante se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso para que o órgano xestor solicite as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

5. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

6. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 50 % da subvención concedida para cada anualidade. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada, logo de solicitude debidamente xustificada da entidade beneficiaria, que deberá realizarse nos tres primeiros meses de cada anualidade, salvo no ano 2024, que poderá realizarse ata o 30 de xuño desa anualidade.

Poderán realizarse pagamentos parciais a conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente que xunto cos pagamentos anticipados en ningún caso poderán superar o 100 % da axuda concedida.

Nas anualidades de 2024, 2025 e 2026 os investimentos e pagamentos que se efectúen desde o 1 de decembro da anualidade corrente poderán presentarse como xustificante da anualidade seguinte para o cobramento, agás o previsto no punto 2 deste artigo. Nas anualidades de 2024, 2025 e 2026, no caso dos custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, os pagamentos das nóminas, seguridade social e IRPF dos meses de outubro e novembro de cada anualidade poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da anualidade seguinte.

Considerase gasto realizado aquel que efectivamente se pagase con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior para axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou as cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade a data de xustificación.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifíca no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Universidades.

Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da entidade beneficiaria, sempre que esta presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación desa anualidade e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación da actividade subvencionable estea comprendida dentro da finalidade e dos requisitos das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supoñerían a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tivesen lugar con posterioridade a ela.

A solicitude de modificación debe formularse polo representante da entidade beneficiaria e deberá motivar os cambios que se propoñen e debe xustificar a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

En ningún caso se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado despois da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado. A autorización de modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 22. Réxime de compatibilidade

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable, excepto cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo da actividade subvencionada. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicalo á Secretaría Xeral de Universidades.

Unha operación poderá recibir axuda de un o varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e de outros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, a axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para programa ou programas de que se trate a prorrata, de acordo co documento no que se establezan as condicións da axuda.

Artigo 23. Control

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

Complementariamente, e con independencia do sinalado no artigo 19, poderá solicitar de todas as entidades beneficiarias das axudas desta convocatoria documentación de seguimento sobre a evolución e actividade dos centros de investigación destinatarias das axudas, ata o remate do ano 2029, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

A consellería, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento visitas ás entidades beneficiarias, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

Así mesmo, a consellería poderá convocar anualmente as entidades beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

En particular, a consellería fará un seguimento especial do cumprimento dos compromisos que adquira a entidade beneficiaria de acordo coa documentación que presente segundo disposto no artigo 8.4 desta convocatoria.

Con carácter previo ao pagamento final da subvención será obrigatorio realizar unha actividade de inspección por parte da consellería. Ademais desta actividade final de inspección, a Consellería, no marco do seu plan anual de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

As subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Ademais do anterior, os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

Artigo 24. Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-Es/snca/Paginas/inicio.aspx

Artigo 25. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

2. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) A falsidade, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola entidade beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultamento daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para o que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultamento nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outros deberes impostos na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento do deber de adoptar as medidas de difusión e publicidade.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

g) A obtención de financiamento de distintas orixes ou concorrencia de subvencións por encima do custo das actividades subvencionadas.

h) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

i) A perda da acreditación do centro segundo o descrito no artigo 15 da convocatoria.

3. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou do deber de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou do reintegro total da subvención.

4. O incumprimento parcial dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención. Son causa de reintegro parcial os seguintes supostos:

a) Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontada o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

b) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto segundo a normativa comunitaria suporá a perda de ata o 3 % da subvención concedida.

c) Non comunicar a modificación as circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención suporá unha perda do 5 % da subvención concedida.

d) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen perxuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

e) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para o seguimento e a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 3 % da subvención concedida.

No caso de condicións que constitúan obrigacións que o beneficiario debe acreditar na fase de xustificación (obrigacións de publicidade, comunicación de outras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto so resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento, algún incumprimento relativo a esas obrigacións.

5. Tratándose de condicións referentes á contía do proxecto o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao investimento deixado de practicar ou practicada indebidamente, minorándose a subvención proporcionalmente a condición de que se respecten os requisitos mínimos establecidos na convocatoria.

6. Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, se se incumprisen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico.

A aplicación do factor de corrección realizarase na última anualidade, e o importe minorado detraerase desta. No caso de que o importe aprobado para a última anualidade resulte insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación de expediente de reintegro nos termos recolleitos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

7. Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

8. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións prevista no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 10.03.561B.744.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, coa seguinte desagregación:

Tipo de Fondo

Código
de
proxecto

Crédito (en euros)

2023

2024

2025

2026

2027

Total

Feder (S)

2023 00075

Feder 60 %

-----------

3.810.000,00 €

5.730.000,00 €

5.730.000,00 €

5.730.000,00 €

21.000.000 €

FCA 40 %

-----------

2.540.000,00 €

3.820.000,00 €

3.820.000,00 €

3.820.000,00 €

14.000.000 €

Fondo propio (N)

2016 00129

50.000 €

635.000,00 €

955.000,00 €

955.000,00 €

955.000,00 €

3.550.000 €

Total convocatoria

50.000 €

6.985.000,00 €

10.505.000,00 €

10.505.000,00 €

10.505.000,00 €

38.550.000,00 €

Os importes indicados imputaranse ao Plan galego de financiamento Universitario para o período 2022-2026 e a anualidade 2027 integrarase no novo Plan de financiamento universitario.

Estes créditos poderán redistribuírse entre as diferentes anualidades cando o volume das solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requira.

As axudas reguladas nesta convocatoria son susceptibles de ser cofinanciadas no marco do Programa de Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %. En particular, encádrase:

Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.

Obxectivo específico 1.1: Desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas.

Actuación O 1.1.06. Apoio a Centros de Investigación Excelente (CIE) do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Ámbito de intervención:

TI0012. Actividades de investigación e innovación en centros públicos de investigación, na ensinanza superior e nos centros de competencias, incluída a creación de redes.

O importe máximo inicial do crédito destinado aos programas e subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda e logo de informe favorable da modificación orzamentaria que corresponda por parte do organismo intermedio do Programa de Galicia Feder 2021 – 2027 (actualmente prevista a designación da Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos). A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que iso implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

As operacións non se seleccionarán para recibir axuda dos fondos EIE se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que a entidade beneficiaria presente á autoridade de xestión a solicitude de financiamento conforme o programa, á marxe de que a entidade beneficiaria efectuara todos os pagamentos.

De acordo co disposto no artigo 2.1.1 da Comunicación da Comisión sobre o Marco sobre Axudas Estatais de Investigación e Desenvolvemento e Innovación (2022/C414/01), publicado no Diario Oficial de la Unión Europea C 414, do 28 de outubro de 2022, non se aplicará o disposto no artigo 107-1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas previstas nesta orde, que se outorgarán a organismos de investigación para actividades non económicas. As entidades beneficiarias que, ademais de actividades non económicas, realicen tamén actividades económicas, deberán consignar por separado o financiamento, os custos e os ingresos respectivos.

Cando o organismo de investigación realice case exclusivamente actividades non económicas, poderán quedar excluídos na súa totalidade do ámbito de aplicación do artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea sempre que as súas actividades económicas sexan puramente accesorias; é dicir, que correspondan a unha actividade que estea relacionada directamente co seu funcionamento ou sexa necesaria para o funcionamento do organismo de investigación ou estea estreitamente vinculada o seu principal uso non económico, e teña un alcance limitado.

Considerarase que isto se produce cando as actividades económicas consumen exactamente os mesmos insumos (como material, equipamento, man de obra e capital fixo) que as actividades non económicas e a capacidade asignada cada ano a estas actividades económicas non supera o 20 % da capacidade anual total da entidade de que se trate.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade dos previstos no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 28. Información sobre a subvención

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Coa entrada en vigor da presente orde, queda derrogada a Orde do 26 de marzo de 2021 pola que se regula o procedemento de aprobación de centros e institutos de investigación do Sistema universitario de Galicia (DOG núm. 68, do 13 de abril).

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto:

a) No Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

b) No Regulamento (UE) nº 2021/1058, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

c) Na Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

d) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) No Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

i) Na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

l) No Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/ CE (Regulamento xeral de protección de datos).

m) No resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Esta orde poderá ser recorrida mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2019)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura
Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Requisitos de comunicación do financiamento público

Concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) e das axudas para a estructura, mellora e apoio aos centros de investigación do Sistema universitario de Galicia

Responsabilidade do beneficiario.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, o beneficiario, durante o período de mantemento do investimento, recoñecerá a axuda dos Fondos Europeos, a través do Feder, e para iso:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais facer unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionar unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

c) Exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos.

d) Para operacións que consistan na realización de investimentos físicos e/ou compra de equipos de máis de 500.000,00 € de custo total, en lugar do previsto na letra c), o beneficiario, tan pronto como comecen e durante toda a súa execución, colocará un cartel temporal ou valla publicitaria resistente nun lugar ben visible para o público. Ademais, no prazo de tres (3) meses desde a finalización da execución física, colocará un cartel ou placa permanente nun lugar ben visible para o público.

Cando varias actuacións teñan lugar na mesma localización, só é preciso colocar un cartel.

Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Consellería e a frase «Subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, así como «cofinanciado pola UE».

Ademais, daráselle publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e a cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea.

e) No caso de persoal de nova contratación, farase mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder no marco do Programa de Galicia Feder 2021-2027 (obxectivo específico 1.1: Desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas), ao nome do centro de investigación e á presente convocatoria.

Para o resto de persoal dedicado ás actividades do centro de investigación, a entidade beneficiaria deberá comunicar por escrito ao traballador ou traballadora que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder nos mesmos termos, e incluirá unha mención expresa ao nome do centro de investigación, á presente convocatoria e á porcentaxe de imputación do seu tempo ás actividades subvencionadas pola presente convocatoria.

Durante o período de obriga de conservar a documentación deberá conservar, perfectamente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberase poñer á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea se así o solicitan.

Respectaranse en todo caso as directrices contidas no documento sobre o uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do RDC.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file