DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2023 Páx. 61258

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 24 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística) e das axudas para a estrutura, A mellora e o apoio aos centros de investigación do Sistema universitario de Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se convocan para o exercicio 2023 (código de procedemento ED431G).

BDNS (Identif.): 724780.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index):

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do SUG e destinaranas aos centros de investigación do SUG que obteñan a acreditación en excelencia (científica, técnica ou artística) ou a consideración de Centro de Investigación Colaborativo nesta convocatoria.

Segundo. Obxecto

Establecer as condicións para a concesión, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da acreditación da excelencia (científica, técnica ou artística), así como das axudas para a estrutura, mellora e o apoio dos centros de investigación do SUG.

Esta convocatoria ten como finalidade os seguintes obxectivos:

a) A acreditación en excelencia dos centros de investigación do SUG, segundo as súas capacidades e o resultado do proceso de avaliación en concorrencia competitiva que se desenvolva ao abeiro desta convocatoria.

b) A contribución ao financiamento e á execución dos seus proxectos estratéxicos de investigación, durante o período 2023-2027, para: fortalecer as súas capacidades científicas; potenciar o liderado internacional da investigación feita en Galicia; impulsar a agregación de capacidades científico-técnicas, incluíndo a colaboración con outros centros e co tecido empresarial; mellorar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico; contribuír á formación, atracción e incorporación de talento; incrementar a masa crítica de persoal investigador; impulsar a transferencia tecnolóxica e actuar como axentes tractores no Sistema galego de I+D+i.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 38.550.000,00 €.

As axudas serán de aplicación por un período de 5 anualidades.

No caso dos centros de investigación que se propoñan para a obtención da acreditación en excelencia e recoñecemento como membro da Rede CIGUS, recibirán a cantidade que resulte da aplicación dunha distribución lineal entre a puntuación máxima de 200 puntos á que se outorgará 1.000.000 € nas anualidades de 2025, 2026 e 2027 e a puntuación mínima de 150 puntos á que se outorgará 400.000 €. Na anualidade 2024 aplicarase o mesmo criterio de distribución lineal pero asignarase a contía proporcional ao período comprendido entre a entrada en vigor da nova acreditación en excelencia e o 31 de decembro de 2024.

No caso dos centros de investigación que que se propoñan como centros de investigación colaborativos (na senda da excelencia), recibirán a cantidade que resulte da aplicación dunha distribución lineal entre a puntuación máxima de 149 puntos á que se outorgará 200.000 € nas anualidades de 2025, 2026 e 2027 e a puntuación mínima de 120 puntos á que se outorgará 100.000 €. Na anualidade 2024 aplicarase o mesmo criterio de distribución lineal, pero asignarase a contía proporcional ao período comprendido entre a entrada en vigor da consideración de Centro de Investigación Colaborativo e o 31 de decembro de 2024.

Na anualidade 2023 outorgarase para cada unha das universidades que presenten solicitudes a esta convocatoria unha cantidade máxima de 1.000 euros por cada un dos centros de investigación que reúnan os requisitos mínimos de acceso a esta convocatoria.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2019)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades