DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2023 Páx. 61192

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 30 de outubro de 2023 pola que se establecen as condicións para a repartición do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2023 entre os concellos resultantes dun proceso de fusión.

O impulso de medidas incentivadoras da xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos dos municipios galegos é un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, que ten como finalidade contribuír a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as súas necesidades á vez que se reducen os custos que a prestación destes servizos traslada á carga impositiva que soporta a veciñanza. Como unha das medidas máis eficaces para acadar estes obxectivos, a Xunta de Galicia pretende promover e apoiar os proxectos de fusión municipal que inicien os concellos da nosa Comunidade Autónoma.

O artigo 13.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, dispón que a Xunta de Galicia establecerá unha serie de medidas de fomento para as fusións de municipios ou para a incorporación doutros, que supoñen, entre outras, tanto o dereito ao incremento da porcentaxe de participación que corresponde no Fondo de Cooperación Local coma a adopción de medidas de fomento para que se fusionen os concellos.

Nesta liña, a Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 (DOG núm. 248, do 30 de decembro), establece no Fondo de Cooperación Local para o ano 2023 un fondo adicional con destino exclusivo e finalista aos concellos fusionados.

Concretamente, é o artigo 59.catro da Lei 6/2022, do 27 de decembro, o que establece os conceptos de distribución dos novos recursos que se integran no fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local e inclúe, na súa alínea d), unha dotación para os concellos resultantes dun proceso de fusión.

A repartición do fondo adicional correspondente aos municipios resultantes dun proceso de fusión dentro do Fondo de Cooperación Local para 2023 realizarase nas condicións que estableza a consellería competente en materia de Administración local.

Resulta, pois, preciso establecer e precisar as condicións de repartición do citado fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local do ano 2023, considerando como criterio determinante a participación en procesos de fusión ou de incorporación voluntaria a outros concellos.

A disposición transitoria primeira do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, regula a subsistencia da estrutura e das funcións dos órganos superiores e de dirección previstos no citado decreto, reguladas nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de Administración local, de conformidade co previsto no artigo 1 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Para o exercicio das súas funcións conta dentro da súa estrutura orgánica coa Dirección Xeral de Administración Local, configurada no artigo 29 do citado Decreto 117/2022, do 23 de xuño, como o órgano encargado da xestión das competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia en materia de Administración local. No exercicio das súas competencias, correspóndenlle a este centro directivo as relacións coas entidades locais, en particular a coordinación das políticas públicas en materia de Administración local, a xestión en materia de pacto local, a proposición das directrices en relación cos programas de cooperación e financiamento local e, en especial, co Fondo de Cooperación Local ou o fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas no referente á convocatoria e execución das subvencións destinadas a elas.

Polo exposto, e de conformidade co establecido no Decreto 117/2022, do 23 de xuño, e na alínea d) do artigo 59.catro da Lei 6/2022, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o órgano competente para determinar as condicións de repartición da consignación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local prevista na letra d) do citado artigo 59.catro, destinadas a concellos resultantes dun proceso de fusión.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Por medio desta orde regúlanse as condicións de participación no Fondo de Cooperación Local do ano 2023 dos municipios resultantes dun proceso de fusión para a repartición do fondo adicional.

2. O Fondo de Cooperación Local para o ano 2023 ten un fondo adicional cunha dotación de 1.500.000 euros, destinados na súa totalidade ao cumprimento do sinalado no artigo 13.un, letras a) e f), da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Serán beneficiarios da dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local a que fai referencia esta orde, previsto na alínea d), do artigo 59.catro da Lei 6/2022, do 27 de decembro, os concellos de Galicia resultantes dun proceso de fusión municipal.

Artigo 3. Destino

As achegas procedentes deste fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local terán carácter non finalista e poderán ser aplicadas polos concellos ao financiamento de programas de gasto de natureza produtiva ou xeradora de emprego, obras ou servizos, gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos, amortización de débeda ou calquera outro gasto ou investimento acorde coas competencias municipais.

Artigo 4. Distribución

1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que se distribúe mediante esta orde polo importe de 1.500.000 euros, aparece consignada na aplicación orzamentaria 21.01.811B.460.1 e distribuirase a partes iguais entre os municipios fusionados de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Administración Local comunicaralle á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos os concellos que participarán no Fondo de Cooperación Local por estes conceptos, no prazo de tres días desde a publicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes