DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 24 de outubro de 2023 Páx. 58526

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente no desprazamento da tubaxe Ac. DN-6” (MOP 16 bar) da rede RAA-I022.4 e instalación de sistemas de mitigación de corrente no tramo Rante-Seixalbo, localizada no concello de Ourense e promovida por Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2023/1-0).

Feitos:

1. O 14.3.2023 Nedgia, S.A. presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) a solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente no desprazamento da tubaxe Ac. DN-6” (MOP 16 bar) da rede RAA-I022.4 e instalación de sistemas de mitigación de corrente no tramo Rante-Seixalbo, localizada no termo municipal de Ourense (provincia de Ourense), á cal se lle asignou o número de expediente IN627A 2023/1-0.

Con esta solicitude xuntouse a seguinte documentación técnica:

– Proxecto de execución denominado Proxecto de desprazamento da tubaxe Ac. DN-6” (MOP 16 bar) da rede RAA-I022.4 e instalacións de sistemas de mitigación de corrente no tramo Rante-Seixalbo no termo municipal de Ourense (provincia de Ourense), asinado o 8.3.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do COETIM).

– Declaración responsable asinada o 1.2.2023 pola técnica proxectista sobre o dito proxecto, exixida no artigo 19 do Decreto 51/2022, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 65, do 1 de abril).

– Separatas técnicas do dito proxecto para as seguintes entidades afectadas nos seus bens ou dereitos polo dito proxecto: Concello de Ourense, Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF), Axencia de Infraestruturas de Galicia (AXI), UFD Distribución Electricidad, S.A. e Telefónica de España, S.A.U.

– Certificado asinado o 23.2.2023 polo ADIF sobre a dispoñibilidade dos terreos necesarios para a execución do dito proxecto.

Segundo se desprende do dito proxecto, prevese o desprazamento da rede existente de gas natural RAA-I022.4, propiedade de Nedgia, S.A., e a instalación do sistema de mitigación de corrente no tramo Rante-Seixalbo, dentro do termo municipal de Ourense (provincia de Ourense), para evitar o solapamento da dita rede coa obra proxectada polo ADIF denominada Plataforma de integración urbana e acondicionamento da rede ferroviaria de Ourense/túnel de Rante-conexión Seixalbo. Proxéctanse as seguintes instalacións:

– Desprazamento: 252 m de condución de aceiro DN 6”, en MOP 16 bar.

– Elementos auxiliares: 2 válvulas de seccionamiento DN 6”.

– Sistema de mitigación de corrente.

2. O 25.5.2023 a DXPERN ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución do referido expediente.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia número 111, do 13.6.2023, no Boletín Oficial da provincia de Ourense número 138, do 17.6.2023, e nos xornais La Voz de Galicia, do 15.6.2023, e La Región, do 15.6.2023. Así mesmo, estivo exposta, xunto coa documentación sometida a información pública, nas dependencias da DXPERN e da Xefatura Territorial de Ourense desta consellería (en diante, Xefatura Territorial), así como no portal de transparencia desta consellería.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións ao proxecto.

3. O 29.5.2023 a DXPERN trasladou as separatas técnicas do referido proxecto de execución, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados por el: Concello de Ourense, ADIF, AXI, UFD Distribución Electricidad, S.A. e Telefónica de España, S.A.U.

A respecto das entidades que presentaron escritos en que manifestaban a súa conformidade e/ou fixaban o seu condicionado técnico (ADIF, AXI, UFD e Telefónica), a DXPERN deu traslado deles a Nedgia, S.A., que presentou a súa conformidade con estes.

A respecto das entidades que non contestaron a petición de informe nin a súa reiteración (Concello de Ourense), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

4. O 13.6.2023 a xefatura territorial remitiulle á DXPERN, en contestación á súa petición, a seguinte documentación para incorporar ao referido expediente:

– Certificado expedido o 13.7.2023 polos servizos técnicos da xefatura territorial, en que se certifica que o referido proxecto estivo exposto nas súas oficinas, durante 20 días desde a publicación no DOG da resolución de información pública, e que non se presentaron alegacións ao respecto.

– Informe emitido o 13.6.2023 polos servizos técnicos da xefatura territorial, de carácter favorable, para os efectos do disposto nos artigos 81 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 113, do 15.6.2023) e no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4.7.2022), en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; e coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG núm. 244, do 21.12.1999).

2. O referido expediente tramitouse de acordo co procedemento establecido no título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, en cumprimento do disposto na disposición adicional primeira do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura gasista consistente no desprazamento da tubaxe Ac. DN-6” (MOP 16 bar) da rede RAA-I022.4 e instalación de sistemas de mitigación de corrente no tramo Rante-Seixalbo, localizada no termo municipal de Ourense (provincia de Ourense) e promovida por Nedgia, S.A. (expediente IN627A 2023/1-0).

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista titulado Proxecto de desprazamento da tubaxe Ac. DN-6” (MOP 16 bar) da rede RAA-I022.4 e instalacións de sistemas de mitigación de corrente no tramo Rante-Seixalbo no termo municipal de Ourense (provincia de Ourense).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A empresa promotora, Nedgia, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 6.079,18 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

2. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Nedgia, S.A., titulado Proxecto de desprazamento da tubaxe Ac. DN-6” (MOP 16 bar) da rede RAA-I022.4 e instalacións de sistemas de mitigación de corrente no tramo Rante-Seixalbo no termo municipal de Ourense (provincia de Ourense), e asinado o 8.3.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do COETIM); nel figura un orzamento sen IVE de 303.958,76 €.

3. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os completan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á DXPERN todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, que deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. En canto aos bens e dereitos afectados polas instalacións que se autorizan e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 73.6 da Lei 34/1998, do 7 de outubro.

8. Esta resolución adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura gasista, en especial as relativas á ordenación do territorio e o ambiente, tal e como dispón o título IV do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Ourense, de acordo co establecido no artigo 81.5 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais