DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 26 de setembro de 2023 Páx. 54487

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Sobredo, sito no concello de Arbo (Pontevedra) e promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L. (expediente IN661A/2011/5-4).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de parque eólico O Sobredo, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico O Sobredo, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico O Sobredo (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 18 MW.

Segundo. O 21.6.2011, parque eólico O Sobredo, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 4.12.2012, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu a declaración de impacto ambiental para o parque eólico O Sobredo, que se fixo pública mediante a Resolución do 10 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 4 de decembro de 2012 relativa ao proxecto do parque eólico do Sobredo, no concello de Arbo, promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L. (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro de 2013).

Cuarto. Mediante a Resolución do 30 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico O Sobredo, sito no concello de Arbo (Pontevedra) e promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L. (DOG núm. 55, do 20 de marzo de 2019).

Quinto. O 8.10.2020, Parque Eólico O Sobredo, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental.

Sexto. O 21.9.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substanciais.

Sétimo. O 29.7.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico O Sobredo (expediente IN661A/2011/5-4), promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L., e por Resolución do 17 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico O Sobredo (expediente IN661A/2011/5-4), promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Oitavo. O 29.9.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Noveno. O 11.10.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico O Sobredo á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra para a continuación da tramitación.

Décimo. Mediante a Resolución do 3 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico O Sobredo e a súa liña de evacuación, localizado no concello de Arbo da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 17.12.2021 e no xornal Faro de Vigo do 17.12.2021. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Arbo) e permaneceu exposta na xefatura territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Por mor da sentenza núm. 18/2022 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que non adquirira firmeza e era obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, sobre a base do principio de seguridade xurídica e cun criterio de precaución, someteuse a información pública por un prazo de trinta días o parque eólico Alto da Telleira, mediante a Resolución do 8 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico O Sobredo e a súa liña de evacuación, situado no concello de Arbo, provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 18.3.2022 e no xornal Faro de Vigo do 18.3.2022. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Arbo) e permaneceu exposta na xefatura territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concello de Arbo, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Montouto 2000, SA, Retegal e Retevisión I, S.A.U.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual (27.3.2022), Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (27.12.2021), Retegal (22.12.2021) e Retevisión I, S.A.U. (3.1.2022).

O promotor prestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 1.7.2022, a xefatura territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Arbo, Sociedade Galega de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Federación Ecoloxista Galega.

Formalizada a tramitación ambiental, o 11.11.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a Declaración de Impacto ambiental, que se fixo pública mediante o Anuncio do 11 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico O Sobredo, no concello de Arbo (DOG núm. 225, do 25 de novembro).

Décimo cuarto. O 9.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

O 16.2.2023 e o 22.2.2023 Parque Eólico O Sobredo, S.L. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico, incluíndo as separatas para o Concello de Arbo e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, afectados polas modificacións introducidas no proxecto. Para os demais organismos e empresas de servizo público consultados achegou unha declaración responsable de que non requiren novas separatas por non verse afectadas polos cambios no proxecto.

Décimo quinto. O 27.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas polo promotor aos seguintes organismos: Concello de Arbo e Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (6.3.2023).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo sexto. O 5.4.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación coa configuración definitiva do parque eólico achegada polo promotor o 16.2.2023, emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo sétimo. O 16.3.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra fixo un requirimento ao promotor sobre o contido dos proxectos técnicos administrativos, que foi contestado o 23.3.2023, xunto cun novo proxecto refundido: proxecto de execución parque eólico O Sobredo, marzo 2023, asinado por Eloy Prada Hervella, colexiado núm. 1898 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, visado núm. 20230858 o 21.3.2023 por ese mesmo colexio.

O 12.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico.

Décimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 18 MW, segundo o informe do xestor da rede do 26.7.2021.

Décimo noveno. O 22.2.2023, Parque Eólico O Sobredo, S.L. achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 4.4.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación no cal se recolle a resposta a aquelas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, hai que lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1.10.1997, publicándose o Acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002 polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico O Sobredo (IN661A 2011/5-4) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como «o mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de efectos acumulativos, desenvolvido no anexo X do estudo de impacto ambiental, no que considera os parques eólicos situados nun contorno de 15 km arredor do parque eólico O Sobredo. Reduce este radio a 5 km para analizar, ademais das infraestruturas de xeración, as liñas eléctricas de alta e media tensión. Dentro dese radio de 5 km están o parque eólico Montouto 2000, o parque eólico Arbo e o parque eólico As Neves, en explotación, e o parque eólico Paradanta, en tramitación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, xa que reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

[...] A liña de evacuación soterrada de 20 kV do parque eólico O Sobredo conecta o seu centro de seccionamento e medida coa subestación 20/220 kV existente do parque eólico Montouto 2000, tendo a conexión final á rede eléctrica de transporte no nó Montouto 220 kV. Isto non impide que os catro parques eólicos que se conectan a través da subestación do parque eólico Montouto teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, o que, ao mesmo tempo, supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como da solicitude de moratoria na autorización de parques, cómpre expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

No que respecta ao exceso de parques proxectados na zona e a súa distribución, hai que indicar que a elección da situación do parque eólico a realiza o promotor con base na existencia de recurso eólico e de acordo coa lei eólica vixente.

Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe referirse ás dúas resolucións desta Xefatura Territorial de Pontevedra polas que se someteron a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico O Sobredo e a súa liña de evacuación, para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideraran prexudicadas nos seus dereitos, puidesen presentar as súas alegacións.

As ditas resolucións publicáronse no Diario Oficial de Galicia, no xornal Faro de Vigo, na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e remitiuse ao Concello de Arbo para a súa exposición ao público no taboleiro de anuncios, segundo o recollido nos antecedentes primeiro e segundo deste informe.

Así mesmo, realizouse dúas veces a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública aos titulares recollidos na relación de bens e dereitos afectados incluída nas resolucións de información pública, para que as persoas notificadas puidesen presentar, de ser o caso, os datos oportunos para rectificar posibles erros na relación de persoas, bens e dereitos que se afectan ou formular as alegacións que estimaran oportunas.

En relación coas alegacións que se refiren á ausencia do estudo do potencial eólico entre a documentación sometida a exposición pública, hai que indicar que a avaliación do recurso eólico está recollida no anexo 3 da memoria do proxecto de execución, que é un dos documentos que foi sometido a información pública.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio de Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental hai que indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que se considera que o estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Debido a certos condicionados xurdidos durante a tramitación de avaliación ambiental do expediente o promotor tivo que facer unha serie de cambios no proxecto e modificar e completar o estudo de impacto ambiental que fora sometido inicialmente a información pública.

No relativo ás alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural e impacto turístico, cabe indicar que o proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental correspondente, resultado do cal, o 11.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as condicións en que debe desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos sectoriais que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao cal foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia de Turismo de Galicia e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións sobre o patrimonio cultural, cómpre dicir que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no seu informe do 16.9.2022, consideraba que o deseño que tiña nese momento o parque eólico O Sobredo non era compatible cos valores de protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia e indicaba unha serie de consideracións que era necesario ter en conta para continuar a tramitación do expediente, entre as que destacan as seguintes: debíase modificar a posición dos aeroxeradores 3 e 4 para evitar a afección ao contorno de protección do xacemento medieval de San Felipe; é necesario realizar unha intervención arqueolóxica complementaria á prospección arqueolóxica xa presentada que permita comprobar, mediante sondaxes manuais, a existencia do xacemento arqueolóxico no lugar do Salgueirón, e a implantación do aeroxerador 2 quedaría condicionada aos resultados da devandita intervención arqueolóxica; debíanse avaliar as afeccións que a infraestrutura eólica causaría sobre os denominados «recintos» de pedra e terra (construídos coa técnica tradicional de pedra en seco), sendo recomendable a súa conservación e o emprego das vías existentes.

Tendo en conta o expresado pola Dirección Xeral de Patrimonio, o promotor propón unha serie de modificacións no proxecto, entre as cales se atopa a eliminación do aeroxerador 3 e a súa vía de acceso, o traslado do aeroxerador 4 e achega o novo documento Memoria refundida de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural do proxecto do parque eólico O Sobredo, realizada en outubro de 2022.

En relación coas alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e á biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural considera, no informe emitido o 11.7.2022, que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas no estudo de impacto ambiental e outras que recolle no seu informe en relación coa conservación do arborado de ribeira e a alteración da calidade das augas, coa protección das especies protexidas, e, especialmente, resalta a importancia da aplicación de accións para a protección da avifauna e os quirópteros, polo que considera oportuno que o proxecto incorpore medidas adicionais para minimizar o impacto por colisión.

No que respecta ás alegacións sobre afeccións ao medio hídrico, o informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do 29.4.2022 sobre o estudo de impacto ambiental sinala que na poligonal do parque eólico O Sobredo non existen leitos polo que a totalidade das obras e instalacións proxectadas están fóra de zona de policía de augas. Na poligonal do parque eólico existe una captación de auga catalogada como zona protexida polo Real decreto 1/2016, do 8 de xaneiro, pero está lonxe da zona en que se proxectan os aeroxeradores.

Tamén informa de que na zona de afección do proxecto existen concesións ou recoñecementos por disposición legal para o aproveitamento de augas, polo que, á hora de executar os traballos e a explotación posterior, deberanse extremar as medidas correctoras e preventivas para que estes aproveitamentos no se vexan afectados. O promotor tomou nota das medidas indicadas e deu a súa conformidade.

En relación coas alegacións sobre o impacto na paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio (IET), logo dun primeiro informe para requirirlle ao promotor que completara o estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP), conclúe no seu informe do 20.6.2022, que o contido do dito estudo se axusta ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (RLPPG).

O IET sinala que o principal impacto paisaxístico do proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores, que pola súa forma e altura, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias. Esta incidencia perdurará durante o tempo en que estean presentes as instalacións, e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Neste caso, entre as áreas afectadas pola incidencia visual cabe destacar os miradoiros e os núcleos rurais máis próximos. Esta incidencia visual, aínda que non pode ser mitigada con medidas correctoras, agás nos núcleos rurais, non supón un impacto crítico.

O informe do IET tamén indicaba que se producirían afeccións a elementos compositivos das paisaxes como son os afloramentos rochosos de granito. A este respecto, de acordo coa directriz de paisaxe DX.17.a4, dicía que se debería buscar unha localización alternativa para o aeroxerador 3 co fin de conservar estes elementos de valor paisaxístico. Finalmente, o promotor modificou o proxecto eliminando o aeroxerador 3 e a súa vía de acceso.

No relativo ao impacto sobre o turismo, a Axencia Turismo de Galicia conclúe no seu informe do 28.1.2022 que o impacto que terá o parque eólico O Sobredo no turismo rural local, así como na súa contorna é reducido, e que deberá ser atenuado polas medidas compensatorias e correctivas que hai que incluír na declaración de impacto ambiental.

En relación coas alegacións que fan referencia a que o estudo de impacto ambiental non considera o risco de accidentes por rotura dos aeroxeradores, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, no seu informe do 10.1.2022 sobre o estudo de impacto ambiental do parque eólico O Sobredo, considera que o risco de accidentes graves ou catástrofes é baixo, sen prexuízo de que, se o proxecto estivese afectado polo Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, o titular deberá elaborar e implantar o correspondente plan, elaborado por técnico competente.

No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto podería ter sobre a saúde das persoas, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública avalía se no estudo de impacto ambiental se tiveron en conta, se identificaron e se valoraron os posibles impactos do proxecto no ambiente que, segundo a evidencia científica dispoñible, puidesen ter repercusión na saúde humana. A dita avaliación realízase en tres fases: caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos perigos potenciais e identificación das posibles vías de exposición.

Os perigos potenciais asociados á actividade do proxecto que se analizan son, entre outros, a presenza de contaminantes, o ruído e as vibracións orixinados durante a construción das infraestruturas e os producidos polo funcionamento das turbinas eólicas, os residuos perigosos e non perigosos xerados, os produtos perigosos empregados nas instalación (aceites minerais, combustibles, SF6), a electrocución, os campos electromagnéticos xerados polas instalacións e o parpadeo de sombras (shadow flicker).

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite un primeiro informe o 11.5.2022 no cal lle require documentación adicional ao promotor e un segundo informe o 9.6.2022 en que considera satisfeitos os requirimentos feitos no informe previo.

En relación co ruído producido polos aeroxeradores no estudo acústico fíxose unha modelaxe do ruído xerado polos 5 aeroxeradores inicialmente proxectados utilizando o programa CadnaA, en 8 receptores situados nas proximidades do parque eólico. Conclúe que todas as edificacións residenciais se atopan fóra das bandas acústicas maiores de 45dB(A). Só nunha edificación, unha capela, se superan os 45 dB(A) no período nocturno.

Sinálase que, agás no receptor da capela no resto dos receptores avaliados se cumpren os obxectivos de calidade acústica, tanto considerando unicamente o ruído do parque eólico O Sobredo, como considerando os efectos acumulativos e sinérxicos das outras infraestruturas eólicas no contorno de 2,5 km.

Respecto dos campos electromagnéticos, o proxecto de execución contén un informe resumo de REE sobre a afección por campos magnéticos e eléctricos. Sinala que, de acordo coas recomendacións europeas, o valor máximo admitido para o campo eléctrico e magnético en zonas onde as persoas poidan permanecer bastante tempo é de 5 kV/m e 100 μT, respectivamente. Os valores obtidos para os elementos que forman parte do parque eólico están moi por debaixo dos límites máximos de exposición de 5 kV/m e 100 μT. Por outra banda, o estudo de impacto ambiental indica que tanto a turbina como todo o equipo relacionado que se menciona no proxecto cumpren co establecido na Directiva 2014/30/EU en materia de compatibilidade electromagnética.

No que atinxe ás alegacións que se refiren á falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados, cómpre dicir que o artigo 25 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, especifica que se destinará como mínimo o 50 % do Fondo de Compensación Ambiental ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, o coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado, a actuacións de impulso da eficiencia e utilización sostible das enerxías renovables e a outras actuacións de protección do ambiente e o espazo natural.

En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico.

En relación coas alegacións que sinalan que a autorización do parque eólico O Sobredo sería ilegal por estar proxectado sobre solo afectado por incendio forestal cómpre indicar que o informe do 28.3.2022 da Dirección Xeral de Defensa do Monte sobre o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) do parque indica que «a zona foi afectada polo lume no ano 2016 na totalidade da superficie obxecto do proxecto de parque eólico no lume con número de parametrizado 2016360389…». O artigo 59.3 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que en terreos afectados por incendios forestais, non poderá producirse un cambio de uso en trinta anos. Pero tamén sinala que, con carácter singular, poderán acordarse excepcións sempre que, con anterioridade ao incendio forestal, o cambio de uso estivese recollido nun instrumento de plan previamente aprobado ou nun instrumento de plan pendente de aprobación se xa foi obxecto de avaliación ambiental favorable ou, de non ser esta exixible, se xa foi sometido ao trámite de información pública.

No relativo ás distancias a núcleos de poboación, o informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 29.9.2021 conclúe, logo de analizar a posición dos aeroxeradores, que cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Moitas das alegacións fan referencia a que o proxecto non cumpre a condición de que a distancia entre os aeroxeradores e os núcleos de poboación sexa 5 veces a altura total do aeroxerador. A disposición adicional quinta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, di que a distancia dos aeroxeradores ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total do aeroxerador (buxa máis pa). Estes requisitos de distancia aplícanse ás novas solicitudes de autorización de parques eólicos admitidas a trámite despois da entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, segundo establece a disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro. A solicitude de autorización do parque eólico O Sobredo é anterior, polo que neste caso só é exixible que esa distancia sexa de 500 metros.

No que atinxe ás alegacións sobre concorrencia de utilidades públicas e a súa compatibilidade ou prevalencia, cabe responder que esta cuestión será abordada na fase do expediente correspondente á declaración de utilidade pública do parque eólico.

Á marxe do anterior, en relación coa compatibilidade dos aproveitamentos forestal e eólico cómpre sinalar que o Servizo de Montes de Pontevedra emitiu informe favorable sobre a compatibilidade do aproveitamento forestal do proxecto do parque eólico O Sobredo, salvo nas zonas de pleno dominio e as súas correspondentes faixas de xestión da biomasa, e sempre que se cumpra a lexislación vixente e se teñan en conta os condicionantes que cita no informe.

No que atinxe ás alegacións que se refiren ao risco de incendios forestais provocados polos aeroxeradores, cómpre sinalar que a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou favorablemente o proxecto sectorial do parque eólico O Sobredo o 28.3.2022, tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas do seu informe.

Por último, en relación coas alegacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico e á relación de bens e dereitos afectados (erros de titularidade, características dos bens e dereitos afectados e compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, cómpre indicar que se terán en conta na resolución que, de ser o caso, se emita en relación coa dita solicitude.

Non obstante, cabe indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondendo á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a acreditación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características».

No caso de alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico O Sobredo, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico O Sobredo, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico O Sobredo.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico O Sobredo, sito no concello de Arbo (Pontevedra) e promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L., para unha potencia de 18 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico O Sobredo, composto polo documento «proxecto de execución do parque eólico O Sobredo, marzo 2023», asinado por Eloy Prada Hervella, colexiado número 1898 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, visado núm. 20230858 do 21.3.2023 por ese mesmo colexio.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Parque Eólico O Sobredo, S.L.

Domicilio social: estrada PO-533 km 171,7 s/n, Álceme, 36530 Rodeiro (Pontevedra).

Denominación: parque eólico O Sobredo.

Potencia instalada: 18 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 18 MW.

Produción neta: 63.462 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.525 h.

Concellos afectados: Arbo (Pontevedra).

Orzamento de execución material: 13.107.181 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

554.951,00

4.665.784,79

2

555.374,96

4.665.784,79

3

557.287,15

4.664.584,80

4

556.645,46

4.663.884,79

5

555.674,96

4.664.384,79

6

554.774,96

4.665.184,79

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

ID

Aeroxerador (proxecto)

Coordenadas UTM

Potencia nominal unitaria (MW)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

1

555.470,96

4.665.077,79

4,50

2

2

555.770,96

4.665.022,79

4,50

3

4

556.406,998

4.664.690,003

4,50

4

5

556.503,96

4.664.474,79

4,50

Coordenadas do centro de seccionamento e medida do parque eólico:

ID

Centro de seccionamento e medida envolvente (proxecto)

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

5

Centro xeométrico

556.491,00

4.664.460,00

6

A

556.486,00

4.664.468,00

7

B

556.499,00

4.664.456,00

8

C

556.495,00

4.664.452,00

9

D

556.483,00

4.664.463,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 4 aeroxeradores Vestas V136 de 4,50 MW de potencia nominal unitaria, de 105 m de altura da buxa, de 136 m de diámetro de rotor e con 173 m de punta de pa.

– 4 centros de transformación de 5.300 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,72/20 kV, instalados unitariamente no interior de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

– Rede de media tensión soterrada para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores 0,72/20 kV e o centro de seccionamento e medida, composta por 2 circuítos con condutores tipo RHZ1-OL 1×400 Al 12/20 kV+H16 de 400 mm².

– Centro de seccionamento e medida no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

– Liña de 20 kV de 820 m de lonxitude de evacuación da enerxía xerada desde o centro de seccionamento e medida ata a subestación transformadora, de 400 mm² de sección.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, centro de seccionamento e medida, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cableado.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Parque Eólico O Sobredo, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 98.304 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, contemplada no proxecto de execución obxecto desta resolución.

8. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 27.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas na DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, obtendo os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: punto 4 da declaración de impacto ambiental.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais