DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 26 de setembro de 2023 Páx. 54511

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Sobredo, sito no concello de Arbo (Pontevedra) e promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L. (expediente IN661A/2011/5-4).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico O Sobredo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico O Sobredo, sito no concello de Arbo (Pontevedra) e promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L., para unha potencia de 18 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Parque Eólico O Sobredo, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 98.304 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

8. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 27.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas na DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, obtendo os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: punto 4 da declaración de impacto ambiental.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico O Sobredo (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 18 MW.

2. O 21.6.2011, Parque Eólico O Sobredo, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico.

3. O 4.12.2012, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu a declaración de impacto ambiental para o parque eólico O Sobredo, que se fixo pública mediante a Resolución do 10 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 4 de decembro de 2012 relativa ao proxecto do parque eólico do Sobredo, no concello de Arbo, promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L. (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro de 2013).

4. Por Resolución do 30 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outorgáronse as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico O Sobredo, sito no concello de Arbo (Pontevedra) e promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L. (DOG núm. 55, do 20 de marzo de 2019).

5. O 8.10.2020, Parque Eólico O Sobredo, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental.

6. O 21.9.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substanciais.

7. O 29.7.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico O Sobredo (expediente IN661A/2011/5-4), promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L., e por Resolución do 17 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico O Sobredo (expediente IN661A/2011/5-4), promovido por Parque Eólico O Sobredo, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

8. O 29.9.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

9. O 11.10.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico O Sobredo á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra para a continuación da tramitación.

10. Mediante a Resolución do 3 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico O Sobredo e a súa liña de evacuación, localizado no concello de Arbo da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 17.12.2021 e no xornal Faro de Vigo do 17.12.2021. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Arbo) e permaneceu exposta na xefatura territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Por mor da sentenza núm. 18/2022 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que non adquirira firmeza e era obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, sobre a base do principio de seguridade xurídica e cun criterio de precaución, someteuse a información pública por un prazo de trinta días o parque eólico Alto da Telleira, mediante a Resolución do 8 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico O Sobredo e a súa liña de evacuación, situado no concello de Arbo, provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 18.3.2022 e no xornal Faro de Vigo do 18.3.2022. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Arbo) e permaneceu exposta na xefatura territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

11. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concello de Arbo, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Montouto 2000, S.A., Retegal e Retevisión I, S.A.U.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual (27.3.2022), Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (27.12.2021), Retegal (22.12.2021) e Retevisión I, S.A.U. (3.1.2022).

O promotor prestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

12. O 1.7.2022, a xefatura territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

13. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Arbo, Sociedade Galega de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Federación Ecoloxista Galega.

Formalizada a tramitación ambiental, o 11.11.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública mediante o Anuncio do 11 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico O Sobredo, no concello de Arbo (DOG núm. 225, do 25 de novembro).

14. O 9.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

O 16.2.2023 e o 22.2.2023 Parque Eólico O Sobredo, S.L. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico, incluíndo as separatas para o concello de Arbo e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, afectados polas modificacións introducidas no proxecto. Para os demais organismos e empresas de servizo público consultados achegou unha declaración responsable de que non requiren novas separatas por non verse afectadas polos cambios no proxecto.

15. O 27.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas polo promotor aos seguintes organismos: Concello de Arbo e Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (6.3.2023).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto dende a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

16. O 5.4.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación coa configuración definitiva do parque eólico achegada polo promotor o 16.2.2023, emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

17. O 16.3.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra fixo un requirimento ao promotor sobre o contido dos proxectos técnicos administrativos, que foi contestado o 23.3.2023, xunto cun novo proxecto refundido: «proxecto de execución parque eólico O Sobredo, marzo 2023», asinado por Eloy Prada Hervella, colexiado núm. 1898 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiro Industriais de Galicia, visado núm. 20230858 do 21.3.2023 por ese mesmo colexio.

O 12.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico.

18. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 18 MW, segundo o informe do xestor da rede do 26.7.2021.

19. O 22.2.2023 Parque Eólico O Sobredo, S.L. achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais