DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 26 de setembro de 2023 Páx. 54532

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monteagudo, sito nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña) e promovido por Eólicos Breogán, S.L.U. (expediente IN661A 03/03).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Eólicos Breogán, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monteagudo, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 6 de maio de 2004 (DOG nº 100, do 26 de maio) publicouse a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004 (DOG nº 18, do 28 de xaneiro), entre as cales se incluíu a do parque eólico Monteagudo (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 45 MW.

Segundo. O 12 de maio de 2006, Unitec Técnicas Unidas, S.L. e Eólica Gallega del Atlántico, S.L. solicitaron a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica para unha potencia do parque eólico de 19 MW.

Terceiro. O 30 de xuño de 2006, a Consellería de Innovación e Industria autorizou a transmisión da parte correspondente a Unitec Técnicas Unidas, S.L. dentro do Plan eólico estratéxico Enviroil-Unitec, a favor de Eólica Gallega del Atlántico, S.L.

Cuarto. O 15 de novembro de 2006, a Consellería de Innovación e Industria resolveu autorizar o traslado de 26 MW dentro da área de investigación Alto do Lendo, así como continuar coa tramitación dos 19 MW correspondentes a Eólica Gallega del Atlántico, S.L.

Quinto. Con data 8 de febreiro de 2008, Eólica Gallega del Atlántico, S.L. solicitou a continuación do procedemento de autorización administrativa, declaración de impacto ambiental, aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial, declaración de utilidade pública, en concreto, e recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica do parque eólico.

Sexto. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, publicouse a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, entre as cales se incluíu a solicitude de ampliación da potencia do parque eólico en 0,6 MW.

Sétimo. O 10 de novembro de 2010, Eólica Gallega del Atlántico, S.L. presentou o proxecto modificado adaptado á nova potencia do parque eólico, e solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica.

Oitavo. Mediante o Acordo do 22 de febreiro de 2011, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización, aprobación do proxecto de execución, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o estudo de impacto ambiental e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas do proxecto modificado do parque eólico.

O acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Opinión, ambos do 7 de abril, e no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 24 de marzo. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da dita xefatura territorial e dos concellos afectados (Arteixo, A Laracha e Carballo).

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Mediante a Resolución do 31 de xullo de 2013, da Consellería de Economía e Industria, autorizáronse as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución, declarouse a utilidade pública, en concreto, e recoñeceuse a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica do parque eólico Monteagudo, promovido pola sociedade Eólicos Breogán, S.L.

Décimo. O 19.10.2021, Eólicos Breogán, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado Parque eólico Monteagudo (expediente IN661A 03/03), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

Décimo primeiro. O 14.12.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substanciais.

Décimo segundo. O 2.3.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo terceiro. O 5.4.2022 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Monteagudo á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación) da Coruña (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

Décimo cuarto. Mediante o Acordo da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto do parque eólico Monteagudo (modificación substancial), nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.6.2022. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Arteixo, A Laracha e Carballo) e permaneceu exposto na xefatura territorial, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo quinto. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Arteixo, Concello da Laracha, Concello de Carballo, Augas de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Axencia Estatal de Meteoroloxía e Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Arteixo (13.7.2022), Concello de Carballo (13.7.2022), Augas de Galicia (14.7.2022), UFD Distribución Electricidad, S.A.U. (27.6.2022), Axencia Estatal de Meteoroloxía (7.6.2022), Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. (5.7.2022) e Deputación Provincial da Coruña (31.1.2023 e 16.3.2023).

O promotor prestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo sexto. O 7.1.2023 a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sétimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral da Costa e o Mar, Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Residuos, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Arteixo, Concello da Laracha, Concello de Carballo, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Sociedade Galega de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Federación Ecoloxista Galega.

Formalizada a tramitación ambiental, o 18.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública mediante o Anuncio do 23 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monteagudo, nos concellos de Arteixo, Carballo e A Laracha, A Coruña (DOG nº 16, do 24 de xaneiro).

Décimo oitavo. O 27.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

O 16.2.2023 Eólicos Breogán, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico, incluíndo as separatas para o Concello de Carballo, o Concello da Laracha, Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. e a Axencia Estatal de Meteoroloxía, afectados polas modificacións introducidas no proxecto. Para os demais organismos e empresas de servizo público consultados, achegou o 28.6.2023 unha declaración responsable de que non requiren novas separatas por non verse afectadas polos cambios no proxecto.

Décimo noveno. O 1.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles as separatas achegadas polo promotor aos seguintes organismos: Concello de Carballo, Concello da Laracha, Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. e Axencia Estatal de Meteoroloxía.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Carballo (21.3.2023), Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. (20.3.2023).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Vixésimo. O 12.3.2023 a Xefatura Territorial da Coruña fixo un requirimento ao promotor sobre o contido dos proxectos técnicos administrativos, en concreto do proxecto de execución asinado o 18.1.2023, que foi contestado o 31.3.2023, xunto coa addenda ao proxecto refundido do parque eólico Monteagudo, asinada o 31.3.2023 por Borja María de Carlos Gandasegui, con declaración responsable da mesma data dese técnico redactor.

O 10.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, asinado o 18.1.2023 polo enxeñeiro industrial Borja María de Carlos Gandasegui, colexiado núm. 527 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Navarra (visado núm. 230066, do 19.1.2023, por ese colexio), e a addenda presentada o 31.3.2023 polo promotor.

Vixésimo primeiro. O 15.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático unha solicitude de emenda de erros de transcrición na declaración de impacto ambiental do 18.1.2023.

O 4.5.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o informe para valorar a validez da declaración de impacto ambiental formulada o 18.1.2023, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

O 16.5.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe solicitado, no cal indica que na declaración de impacto ambiental «non existen erros que sexa necesario corrixir ao reflectirse os datos dispoñibles no momento da emisión da DIA».

Vixésimo segundo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 20,9 MW, segundo os informes do xestor da rede UFD Distribución Electricidad, S.A., do 1.3.2023.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data 12.4.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a aquelas, o cal se incorpora textualmente con esta resolución.

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun anexo K de estudo de sinerxías e efectos acumulativos incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 15 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situados na súa contorna, entre eles os parque eólicos en funcionamento ou en proxecto Chan de Paraños, Singular Arteixo, Carboeiro, Singular Cerceda, Coto Loureiro, Singular Inditex, Singular Laracha, Meirama, Monte Neme, O Picoto, Pedra Queimada, Pedrarrubia, Pena Galluda, Pico Cedeira, Teixos o e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que isto impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente, sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, ao se reduciren as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.1.2023, que considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo dese documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto na DIA.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo, direccións xerais de Desenvolvemento Rural, do Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Saúde Pública, da Dirección Xeral da Costa e o Mar, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e de Augas de Galicia.

c) O organismo Augas de Galicia informou o 14.7.2022 que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no seu informe.

d) No expediente consta informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública do 20.12.2022, condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, da documentación e información dos aspectos que se relacionan no informe.

e) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes da Coruña informou o 23.9.2022 que a instalación do parque afectará exclusivamente montes privados de particulares.

En canto ás medidas protectoras e correctoras previstas no EIA [estudo de impacto ambiental] do PIA [proxecto de interese autonómico], considéranse correctas as actuacións propostas para o ámbito forestal.

Para determinar as afeccións haberá que ter en conta, ademais das superficies do pleno dominio e das servidumes que operen para cada elemento do parque de acordo coa súa normativa sectorial, as superficies necesarias para o cumprimento das distancias de plantación recollidas no anexo II da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

Tamén haberá que ter en conta a delimitación das faixas de xestión da biomasa consonte os artigos 20 e 20.bis da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

A Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe favorable o 17.10.2022, condicionado ao cumprimento das prescricións do estudo de impacto ambiental.

f) En relación coa afección á paisaxe, no expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio do 8.7.2022, no cal se indica que, polo que atinxe ao contido do EIIP, este considérase axustado ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (RLPPG), ben que debe completarse conforme se sinala.

O principal impacto paisaxístico será a incidencia visual producida polos aeroxeradores. Esta incidencia visual poderá ser mitigada mediante o emprego de máquinas de dimensións máis reducidas para as posicións A1.1 e A1.2.

[...]

As anteditas medidas e documentos deberán ser debidamente analizadas e incorporadas ao EIIP, que debe someterse a un novo informe do IET.

De acordo co artigo 30.3 do RLPPG, as medidas de integración paisaxística deberán quedar oportunamente recollidas no proxecto.

g) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 13.1.2023 informe de xeito favorable sobre o parque eólico Monteagudo coas medidas protectoras e correctoras propostas recollidas no anexo H do EIA e no documento Memoria modificada da avaliación do impacto do parque eólico Monteagudo, e tendo en conta as consideracións e condicións que se inclúen no informe.

h) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 19.5.2022 da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto do parque eólico Monteagudo (modificación substancial), nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña), (expediente IN661A 03/03).

Así mesmo, o dito acordo e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo e na Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, así como na páxina web de Transparencia e Goberno aberto desta consellería.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

i) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

j) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

k) No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 2.3.2022, recóllese que: «2.1. Tendo en conta que a data do informe anterior respecto da modificación substancial (29.4.2021) é anterior á entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, resulta de aplicación a disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida polo artigo 39 da antedita lei, polo que a distancia mínima respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado será de 500 m.

2.2. Comprobado novamente o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal da Laracha, aprobado definitivamente o 30.6.2003; Plan xeral de ordenación municipal de Carballo, aprobado definitivamente o 4.2.2016, e as normas subsidiarias de planeamento do concello de Arteixo, aprobadas definitivamente o 23.3.1995), e as coordenadas dos 5 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que todas as posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

l) O interese autonómico do proxecto xustifícase por constituír un desenvolvemento do Plan eólico de Galicia, co que a importancia e efectos do proxecto transcenden claramente o ámbito municipal.

Os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, a saúde e a economía.

m) En canto aos réximes do solo aplicable, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

n) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

ñ) No que respecta á non publicación dunha relación de bens e dereitos afectados polo proxecto de parque eólico, cómpre indicar que o promotor non solicitou a tramitación dun expediente de declaración da utilidade pública en concreto da instalación, e a necesidade de ocupación dos terreos que iso implica. O promotor deberá acadar acordos amigables cos propietarios dos predios afectados polas instalacións do parque eólico ou ben solicitar a devandita declaración de utilidade pública en concreto, que iniciará un expediente expropiatorio en que se deberá incorporar a citada RBDA.

o) No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, o promotor deberá chegar a un acordo amigable cos propietarios afectados. No caso de que posteriormente se inicie un expediente expropiatorio, no marco dese procedemento fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

p) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

q) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o acordo no DOG do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

r) En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira Lei de avaliación ambiental estratéxica, a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

s) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, débese expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

t) Os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, a saúde e a economía».

No caso de alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 18.11.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, de ser o caso procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Monteagudo, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Monteagudo, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monteagudo.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monteagudo, sito nos concellos de Arteixo, Carballo e A Laracha (A Coruña) e promovido por Eólicos Breogán, S.L.U., para unha potencia de 20,8 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monteagudo, composto polo documento «Proxecto refundido parque eólico Monteagudo, xaneiro de 2023», asinado por Borja de Carlos Gandasegui, colexiado número 527 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Navarra, visado número 230066, do 19.1.2023, por ese mesmo colexio e pola «Addenda ao proxecto refundido parque eólico Monteagudo, marzo 2023», asinado e con declaración responsable de Borja de Carlos Gandasegui o 31.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Eólicos Breogán, S.L.U.

Domicilio social: avenida de Europa, 10, parque empresarial La Moraleja, 28108 Alcobendas (Madrid).

Denominación: parque eólico Monteagudo.

Potencia instalada: 20,8 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 20,8 MW.

Produción neta: 78.950 Mwh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.796 h.

Concellos afectados: Arteixo, Carballo e A Laracha (A Coruña).

Orzamento de execución material: 19.063.275 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

V1

530.907,80

4.795.118,51

V2

533.561,92

4.795.118,51

V3

532.549,53

4.791.938,12

V4

531.674,24

4.791.938,12

V5

531.234,25

4.792.841,20

V6

531.873,46

4.793.041,43

V7

531.619,72

4.793.457,04

V8

530.934,00

4.793.457,04

V9

530.412,60

4.794.527,63

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

ID

Aeroxerador (proxecto)

Coordenadas UTM

Potencia nominal unitaria (MW)

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

A1.1

530.815

4.794.686

5,90

2

A2.1

531.243

4.794.071

4,50

3

A2.2

531.638

4.794.466

4,50

4

A3.1

531.802

4.793.709

5,90

Coordenadas da subestación de transformación do parque eólico:

ID

Subestación transformadora Monteagudo (proxecto)

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

5

V1

531.052,95

4.794.274,81

6

V2

531.084,05

4.794.288,54

7

V3

531.100,20

4.794.251,95

8

V4

531.069,10

4.794.238,22

Coordenadas do edificio de control do parque eólico:

ID

Edificio de control do parque eólico (proxecto)

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

9

V1

531.035,10

4.794.216,10

10

V2

531.081,36

4.794.236,53

11

V3

531.090,78

4.794.215,21

12

V4

531.044,51

4.794.194,78

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 2 aeroxeradores Nordex N149/5.900 de 5,9 MW de potencia nominal unitaria, 125,4 m de altura da buxa, 149,1 m de diámetro de rotor e con 199,95 m de punta de pa e 2 aeroxeradores Nordex N149/4.500 de 4,5 MW de potencia nominal unitaria, 125 m de altura da buxa, 149,1 m de diámetro de rotor e con 199,55 m de punta de pa.

– 2 centros de transformación de 6.350 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación de 0,75/30 kV e 2 centros de transformación de 5.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,66/30 kV, instalados unitariamente no interior de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

– Rede de media tensión soterrada para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores 0,75/30 kV e 0,66/30 kV e a subestación de transformación Monteagudo, composta por 2 circuítos con condutores tipo RHZ1 1×240 mm2 y 1×630 mm2.

– Edificio de control do parque eólico, no cal se situará a sala de control telemático.

– Subestación transformadora Monteagudo 66/30 kV, para evacuación da enerxía producida no parque eólico, composta por un transformador principal de 45 MVA ONAN/ONAF e un transformador de servizos auxiliares 30/0,42 kV de 150 kVA cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, edificio de control, subestación transformadora, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cablaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eólicos Breogán, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 132.796 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifesten perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

8. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no punto 4 da DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con obtención dos informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Instituto de Estudos do Territorio.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia da persoa interesada.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais