DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Martes, 26 de setembro de 2023 Páx. 54554

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 1 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monteagudo, sito nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña) e promovido por Eólicos Breogán, S.L.U. (expediente IN661A 03/03).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 1 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monteagudo.

a) Contido da resolución e condicións que se xuntan:

Outorgar a autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Monteagudo, sito nos concellos de Arteixo, Carballo e A Laracha (A Coruña), e promovido por Eólicos Breogán, S.L.U., para unha potencia de 20,8 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Eólicos Breogán, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 132.796 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009 pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá coas condicións e cos informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

8. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.1.2023, así como ás establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no punto 4 da DIA ás que a promotora deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, e obtéñense os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Instituto de Estudos do Territorio.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutras condicións técnicas de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 6 de maio de 2004 (DOG nº 100, do 26 de maio) publicouse a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004 (DOG nº 18, do 28 de xaneiro), entre as que se incluíu a do parque eólico Monteagudo (en diante, o parque eólico) cunha potencia de 45 MW.

2. O 12 de maio de 2006, Unitec Técnicas Unidas, S.L. e Eólica Gallega del Atlántico, S.L. solicitaron a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica para unha potencia do parque eólico de 19 MW.

3. Con data do 30 de xuño de 2006, a Consellería de Innovación e Industria autorizou a transmisión da parte correspondente a Unitec Técnicas Unidas, S.L. dentro do Plan eólico estratéxico Enviroil-Unitec a favor de Eólica Gallega del Atlántico, S.L.

4. O 15 de novembro de 2006, a Consellería de Innovación e Industria resolveu autorizar o traslado de 26 MW dentro da área de investigación Alto do Lendo, así como continuar coa tramitación dos 19 MW correspondentes a Eólica Gallega del Atlántico, S.L.

5. Con data do 8 de febreiro de 2008, Eólica Gallega del Atlántico, S.L. solicitou a continuación do procedemento de autorización administrativa, declaración de impacto ambiental, aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial, declaración de utilidade pública, en concreto, e recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica do parque eólico.

6. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, publicouse a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, entre as cales se incluíu a solicitude de ampliación da potencia do parque eólico en 0,6 MW.

7. O 10 de novembro de 2010, Eólica Gallega del Atlántico, S.L. presenta o proxecto modificado adaptado á nova potencia do parque eólico, en que solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica.

8. Mediante o Acordo do 22 de febreiro de 2011, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse á información pública a solicitude de autorización, aprobación do proxecto de execución, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o estudo de impacto ambiental e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas do proxecto modificado do parque eólico.

O acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Opinión, ambos do 7 de abril, e no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 24 de marzo. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da dita xefatura territorial e dos concellos afectados (Arteixo, A Laracha e Carballo).

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Mediante a Resolución do 31 de xullo de 2013, da Consellería de Economía e Industria, autorizáronse as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución, declarouse a utilidade pública, en concreto, e recoñeceuse a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica do parque eólico Monteagudo, promovido pola sociedade Eólicos Breogán, S.L.

10. O 19.10.2021, Eólicos Breogán, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto do parque eólico Monteagudo (expediente IN661A 03/03) ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro).

11. O 14.12.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substanciais.

12. O 2.3.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

13. O 5.4.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Monteagudo á Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación) (en diante, a Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

14. Mediante acordo da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación sometéronse á información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) do proxecto do parque eólico Monteagudo (modificación substancial), nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.6.2022. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Arteixo, A Laracha e Carballo) e permaneceu exposto na Xefatura Territorial, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

15. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Arteixo, Concello da Laracha, Concello de Carballo, Augas de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, UFD Distribución Electricidad, S.A., Axencia Estatal de Meteoroloxía e Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Concello de Arteixo (13.7.2022), Concello de Carballo (13.7.2022), Augas de Galicia (14.7.2022), UFD Distribución Electricidad, S.A.U. (27.6.2022), Axencia Estatal de Meteoroloxía (7.6.2022), Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. (5.7.2022) e Deputación Provincial da Coruña (31.1.2023 e 16.3.2023).

A promotora prestou a súa conformidade á totalidade das condicións emitidas.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto desde a recepción da solicitude, de non se recibiren estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

16. O 7.1.2023, a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

17. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral da Costa e o Mar, Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Residuos, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Arteixo, Concello da Laracha, Concello de Carballo, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Sociedade Galega de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Federación Ecoloxista Galega.

Cumprida a tramitación ambiental, o 18.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública polo anuncio do 23 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monteagudo, nos concellos de Arteixo, Carballo e A Laracha, A Coruña (DOG nº 16, do 24 de xaneiro).

18. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, das condicións técnicas e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

O 16.2.2023, Eólicos Breogán, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico, incluídas as separatas para o Concello de Carballo, o Concello da Laracha, Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. e a Axencia Estatal de Meteoroloxía, afectados polas modificacións introducidas no proxecto. Para os demais organismos e empresas de servizo público consultados achegou o 28.6.2023 unha declaración responsable de que non requiren novas separatas por non verse afectadas polos cambios no proxecto.

19. O 1.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas pola promotora aos seguintes organismos: Concello de Carballo, Concello da Laracha, Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. e Axencia Estatal de Meteoroloxía.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Concello de Carballo (21.3.2023), Retevisión I, S.A.U.-Cellnex Telecom, S.A. (20.3.2023).

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade das condicións emitidas.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto desde a recepción da solicitude, de non se recibiren estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

20. O 12.3.2023, a Xefatura Territorial da Coruña fíxolle un requirimento á promotora sobre o contido dos proxectos técnicos administrativos, en concreto, do proxecto de execución asinado o 18.1.2023, que foi contestado o 31.3.2023, xunto coa addenda ao proxecto refundido do parque eólico Monteagudo, asinada o 31.3.2023 por Borja María de Carlos Gandasegui, con declaración responsable da mesma data dese técnico redactor.

O 10.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, asinado o 18.1.2023 polo enxeñeiro industrial Borja María de Carlos Gandasegui, colexiado núm. 527 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Navarra (visado núm. 230066, do 19.1.2023 por ese colexio), e a addenda presentada o 31.3.2023 pola promotora.

21. O 15.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático unha solicitude de emenda de erros de transcrición na declaración de impacto ambiental do 18.1.2023.

O 4.5.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o informe para valorar a validez da declaración de impacto ambiental formulada o 18.1.2023, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

O 16.5.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe solicitado, no cal indica que na declaración de impacto ambiental non existen erros que sexa necesario corrixir ao se reflectiren os datos dispoñibles no momento da emisión da DIA.

22. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 20,9 MW, segundo os informes do xestor da rede UFD Distribución Electricidad, S.A. do 1.3.2023.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética y Recursos Naturais