DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 15 de setembro de 2023 Páx. 53040

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación SE Ludrio 132 kV: nova posición de transformador, novo transformador TR-1 132/20 kV 40 MVA e novo sistema de 20 kV, no concello de Castro de Rei, que promove Begasa (expediente 47/2021 AT).

Feitos:

1. O 17.7.2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se lle outorgou a E.On Distribución, S.L. (actualmente, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., en diante, Viesgo) a autorización administrativa e se aprobou o proxecto de execución, na parte que se refire ás instalacións de distribución de enerxía eléctrica, da infraestrutura eléctrica denominada Nova subestación de Ludrio 400/132/20 kV, localizada no termo municipal de Castro de Rei (Lugo) e tramitada baixo o número de expediente 016/2011 AT (DOG núm. 142, do 26.7.2012), e co seguinte alcance:

– Dous autotransformadores AT-1 e AT-2, 400/132 kV, de 450 MVA de potencia cada un e aparellaxe asociado.

– Dous transformadores T-3 e T-4, 132/20 kV, de 50 MVA de potencia cada un.

– Sistema de 132 kV de aparellaxe convencional dobre barra en intemperie formado por oito posicións de liña, unha de acoplamento, dúas de transformación 400/132 kV, dúas de transformación 132/20kV, ademais dous transformadores de medida de barras.

– Sistema 20 kV con tipoloxía de simple barra partida, situado no interior do edificio en celas compactas de illamento SF6 (doce de liña, dúas de transformador para T-3 e T-4, dúas de medida en barras, dúas de servizos auxiliares e dúas para a partición e remonte).

2. O 10.9.2013 a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se autorizou a posta en servizo parcial da referida infraestrutura eléctrica, co seguinte alcance:

– Un autotransformador AT-1 400/132 kV, de 450 MVA de potencia e aparellaxe asociado.

– Unha posición 132 kV de autotransformador AT-1 e aparellaxe asociado.

– Dúas posicións 132 kV de liña e aparellaxe asociado.

– Unha posición 132 kV de peche de barras (acoplamento).

– Dous transformadores de servizos auxiliares 20/0,4 kV.

3. O 19.5.2021 a entidade Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (en adiante, Begasa) presentou, ante a xefatura territorial, a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a ampliación da subestación eléctrica Ludrio 400/132/20 kV, á cal se lle asignou o número de expediente 47/2021 AT.

Con esta solicitude xuntouse a seguinte documentación técnica:

– Proxecto de execución denominado Ampliación SE Ludrio 132 kV: nova posición de transformador, novo transformador TR-1 132/20 kV 40 MVA e novo sistema de 20 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Damián Alonso Salas (colexiado nº 1.489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cantabria) e visado por este colexio, con nº Le3/2021 e data 22.4.2021, no cal figura un orzamento total de 1.417.088,57 euros.

– Declaración responsable asinada o 22.4.2021 polo técnico proxectista, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

– Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas (Concello de Castro de Rei).

Segundo se desprende do proxecto de execución, a ampliación da subestación eléctrica Ludrio 400/132/20 kV inclúe catro actuacións:

– Nova posición de transformación de 132 kV.

– Novo transformador de potencia 132/20 kV e 40 MVA de potencia.

– Novo sistema de 20 kV formado por 12 celas compactas en illamento SF6.

– Tamén se instalará un armario coas proteccións da nova posición de 132 kV e do transformador de 132/20 kV dentro do edificio. Completarase coa instalación de dous contadores de medida, un para o lado de 132 kV instalado no armario de medida e outro para o lado de 20 kV instalado na propia cela de 20 kV do trafo.

4. O 25.5.2021 a xefatura territorial remitiulle, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica (expediente 47/2021 AT) ás seguintes entidades afectadas: Concello de Castro de Rei.

Esta entidade non contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

5. O 24.5.2022 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente (47/2021 AT), deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN) para os efectos de ditar a oportuna resolución.

A xefatura territorial, en cumprimento do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, incorporou ao expediente o informe emitido o 5.5.2022 polos servizos técnicos da xefatura territorial, de carácter favorable, para a autorización administrativa previa e de construción.

6. O 20.10.2022 a DXPERN, para os efectos de poder resolver o expediente 47/2021 AT, cursou requirimento a Begasa informando da necesidade de acreditar a titularidade da parte afectada da subestación (132/20 kV) e que, para iso, tería que presentar a solicitude de autorización de transmisión ao seu favor, xunto coa preceptiva documentación (acordo asinado entre Viesgo e Begasa e xustificante de pagamento da taxa correspondente).

7. O 18.7.2023 a empresa Begasa presentou ante a DXPERN a solicitude de autorización da transmisión parcial, ao seu favor, da titularidade da referida infraestrutura eléctrica Nova subestación de Ludrio 400/132/20 kV, especificando que o alcance da transmisión se refire ás instalacións autorizadas baixo o número de expediente 016/2011 AT, e que aínda non dispoñen de acta de posta en servizo, e que son as seguintes:

– Un autotransformador AT-2 400/132 kV, de 450 MVA de potencia e aparellaxe asociada.

– Dous transformadores T-3 e T-4, 132/20 kV, de 50 MVA de potencia cada un.

– Sistema de 132 kV de aparellaxe convencional dobre barra en intemperie formado por seis posicións de liña, unha de transformación 400/132 kV e dúas de transformación 132/20kV.

– Sistema 20 kV con tipoloxía de simple barra partida, situado no interior do edificio en celas compactas de illamento SF6 (doce de liña, dúas de transformador para T-3 e T-4, dúas de medida en barras, dúas de servizos auxiliares e dúas para a partición e remonte).

8. O 23.8.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais ditou resolución pola que se autorizou a transmisión parcial de Viesgo a favor de Begasa, da titularidade da infraestrutura eléctrica denominada Nova subestación de Ludrio 400/132/20 kV, localizada no termo municipal de Castro de Rei (Lugo) e autorizada baixo o número de expediente 016/2011 AT.

Consideracións legais e técnicas:

1. A DXPERN é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 113, do 15.6.2023); no artigo 28 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4.7.2022), e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017).

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións Públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación SE Ludrio 132 kV: nova posición de transformador, novo transformador TR-1 132/20 kV 40 MVA e novo sistema de 20 kV, no termo municipal de Castro de Rei (Lugo), que promove Begasa.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Ampliación SE Ludrio 132 kV: nova posición de transformador, novo transformador TR-1 132/20 kV 40 MVA e novo sistema de 20 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Damián Alonso Salas (colexiado nº 1.489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cantabria) e visado por este colexio con nº Le3/2021 e data 22.4.2021; nel figura un orzamento total de 1.417.088,57 euros.

2. A empresa promotora (Begasa) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manteñan sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberanlle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais