DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2023 Páx. 47179

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 21 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975S).

BDNS (Identif.): 711103.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables sinaladas nesta orde.

No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicará a cada un deles, que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento dentro do prazo concedido para o efecto.

Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, sexa posterior no tempo. Pola contra, unha entidade poderá concorrer a unha ou varias das liñas subvencionables, para o cal deberá presentar unha solicitude por cada liña á cal queira concorrer.

Para poder ser beneficiarias destas axudas, as entidades locais deberán ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda no Consello de Contas de Galicia.

Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións encamiñadas a implementar a mellora na recollida de residuos, a través da mellora dos puntos limpos, puntos limpos de proximidade e puntos limpos móbiles, así como ao fomento da preparación para a reutilización e a autorreparación (código de procedemento MT975S), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para os anos 2023 e 2024.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 21 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975S).

Cuarto. Contía

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2023 e 2024 procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, cun importe total de 3.100.000,00 €, segundo se indica a seguir:

a) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2023 00229) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023: ata un máximo de 310.000 €, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: 75.000 €.

2º. Importe para a liña 2: 10.000 €.

3º. Importe para a liña 3: 40.000 €.

4º. Importe para a liña 4: 25.000 €.

5º. Importe para a liña 5: 160.000 €.

b) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2023 00229) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 ata un máximo de 2.790.000 €, procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: 675.000 €.

2º. Importe para a liña 2: 90.000 €.

3º. Importe para a liña 3: 360.000 €.

4º. Importe para a liña 4: 225.000 €.

5º. Importe para a liña 5: 1.440.000 €.

2. Para o caso de que nalgunha das liñas as solicitudes beneficiarias non resulten suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, o crédito sobrante poderá destinarse á cobertura de solicitudes doutras liñas en que os fondos se esgotasen, e serán prioritarias as solicitudes correspondentes á liña 1, en segundo lugar as da liña 4, en terceiro lugar as da liña 2, en cuarto lugar as da liña 3 e en último lugar as da liña 5.

A modificación da distribución inicialmente aprobada rexerase polo previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de ser o caso, o reaxuste de anualidades farase de acordo co preceptuado no artigo 27 do mesmo corpo legal.

3. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida polo/a beneficiario/a e será compatible co financiamento que os beneficiarios/as poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), cos seguintes importes máximos de subvención:

a) Liña 1. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 150.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 200.000 €.

b) Liña 2. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 10.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 30.000 €.

c) Liña 3. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 70.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 100.000 €.

d) Liña 4. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 200.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 250.000 €.

e) Liña 5. A contía máxima da axuda por beneficiario establécese en función do número de habitantes atendidos pola instalación, a razón de 3,5 €/habitante.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que procede. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975S).

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda