DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2023 Páx. 47184

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 21 de xullo de 2023 pola que se amplía o crédito da Orde do 14 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN519B).

A través da Orde do 14 de decembro de 2022 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2023) convocáronse para o ano 2023 as subvencións destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia en réxime de concorrencia competitiva.

O artigo 2 da parte dispositiva da Orde do 14 de decembro de 2022, relativo ao crédito orzamentario destinado ás axudas, establece que se destinará para a anualidade de 2023 a cantidade de 2.100.949,34 € con cargo á aplicación orzamentaria 05.02.732A.760.0. No punto 3 deste artigo prevese a posibilidade de incrementar a dotación desta partida en funcións das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, feito que non implica a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

A Orde do 2 de maio de 2023 ampliou o crédito en 431.176,42 € da Orde do 14 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (DOG núm. 87, do 8 de maio de 2023).

Para a tramitación dos expedientes de axuda desta convocatoria, o crédito orzamentario existente deberase incrementar para atender as necesidades de fondos para a súa tramitación, polo que procede a oportuna modificación orzamentaria incorporando crédito na aplicación 05.02.732A.760.0, Mellora de infraestruturas en parques empresariais, por un importe de 372.744,33 €.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do crédito orzamentario

Modifícase o artigo 2 da parte dispositiva da Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación do 14 de decembro de 2022 no referente ao crédito orzamentario destinado, incrementándoo en 372.744,33 €, de maneira que a anualidade de 2023 pasa a ser 2.904.870,09 €.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación