DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 19 de xullo de 2023 Páx. 44243

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 11 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Maxal, sito nos concellos de Rodeiro (Pontevedra), Antas de Ulla e Taboada (Lugo), promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A 2019/040).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 11 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Maxal.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Maxal, sito nos concellos de Rodeiro (Pontevedra) e Antas de Ulla e Taboada (Lugo), promovido por Galenergy, S.L., para unha potencia de 40,5 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Galenergy, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 327.153 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) ás que a promotora deberá, previamente ao inicio das obras, elaborar documentación para dar cumprimento ao requirido pola Dirección Xeral do Patrimonio Natural e obter informe favorable da dita dirección xeral.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante as xefaturas territoriais un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Pontevedra e Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá coas condicións e cos informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou na norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático con data do 24.11.2022 e recollida no antecedente de feito décimo cuarto, así como ás establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outras condicións técnicas de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data do 12.6.2019, a promotora Galenergy, S.L. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Maxal, sito nos concellos de Rodeiro (Pontevedra), Antas de Ulla e Taboada (Lugo).

2. Con data do 19.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en adiante, a Lei 8/2009). O 29.7.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. Con data do 19.5.2020, esta dirección xeral procedeu a solicitar os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

4. Con data do 25.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir o informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

5. O 22.6.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicoulle a esta dirección xeral o inicio do trámite de consultas.

6. Con data do 2.9.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental xunto coas consultas realizadas, emitido para os efectos de que realicen o correspondente estudo de impacto ambiental a que fai referencia o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

7. O 23.12.2020, a promotora Galenergy, S.L. presentou o estudo de impacto ambiental atendendo ao recollido no documento de alcance emitido.

8. Con data do 15.1.2021, a promotora Galenergy, S.L. solicitou a declaración de utilidade pública.

9. Mediante a Resolución do 5 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse á información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións do parque eólico Maxal, situado nos concellos de Rodeiro (Pontevedra), Antas de Ulla e Taboada (Lugo) e promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A 2019/40).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.3.2021 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 5.3.2021. Así mesmo, remitiuse para a exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Rodeiro, Antas de Ulla e Taboada) e permaneceu exposto nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actual Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación) e das súas xefaturas territoriais de Pontevedra e de Lugo, e na Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

10. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Retevisión, S.A., Enerfin, Augas de Galicia, Concello de Antas de Ulla, Concello de Rodeiro, Concello de Taboada, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Pontevedra e Deputación Provincial de Lugo.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, as correspondentes condicións técnicas: Retegal, S.A., o 7.3.2021; Augas de Galicia, o 17.3.2021; a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o 8.11.2021; a Deputación Provincial de Pontevedra, o 10.5.2021, e a Deputación Provincial de Lugo, o 11.3.2021.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta ás condicións emitidas.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión das condicións técnicas do proxecto, de non se recibiren estas condicións no prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

11. Con data do 14.12.2021, a promotora remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea do 2.12.2021 para a instalación do parque eólico, que estableceu as correspondentes condicións.

12. O 2.6.2022, Galenergy, S.L. presentou os documentos definitivos adaptados, de acordo co prescrito no artigo 33.15 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, e as modificacións introducidas consisten basicamente nos desprazamentos dos aeroxeradores (MX01, MX04, MX05) e da torre de medición, cambios das infraestruturas asociadas e a modificación dos accesos aos aeroxeradores MX01 e MX02, motivadas polos informes sectoriais durante a tramitación.

13. O 23.11.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

14. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral do Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Rodeiro, Concello de Taboada e Concello de Antas de Ulla.

Cumprida a tramitación ambiental, o 24.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 25 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 236, do 14 de decembro).

15. Con data do 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora o proxecto de execución refundido e as separatas técnicas, así como os arquivos shape e Excel coa configuración definitiva do parque eólico, resultantes como consecuencia das diversas condicións técnicas e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

16. Con data do 31.1.2023, Galenergy, S.L presentou a súa resposta ao requirimento da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais achegando unha declaración responsable sobre a non necesidade de elaboración ou modificación de ningunha das separatas dos organismos afectados que emitiron informes durante o proceso de información pública, e declarou que para as seguintes empresas e organismos non se modifican as afeccións respecto das condicións xa emitidas durante o proceso de información pública e, por tanto, non é necesario solicitar un novo informe sobre as condicións técnicas: Concello de Antas de Ulla, Concello de Rodeiro, Concello de Taboada, Retevisión, Retegal, Deputación Provincial de Pontevedra, Deputación Provincial de Lugo, Augas de Galicia, Enervento (Enerfín, Grupo Elecnor), Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Asemade, contesta que o resto da documentación técnica refundida mencionada no antecedente de feito décimo segundo foi presentada o 2.6.2022.

17. O 23.2.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

18. Con data do 10.3.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m nos termos establecidos na súa disposición transitoria sétima.

19. Con data do 20.3.2023, Galenergy, S.L. presentou o proxecto do parque recollido no antecedente de feito décimo segundo con visado de proxecto de execución, coa seguinte denominación: Proxecto de execución do parque eólico Maxal, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado núm. 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 15.3.2023 e visado o 16.3.2023 co núm. 20230793.

20. O 30.3.2023, os servizos de Enerxía e Minas das xefaturas territoriais de Lugo e de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiron o informe sobre o proxecto refundido do parque eólico recollido no antecedente de feito décimo noveno, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

21. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 45 MW, segundo os informes do xestor da rede.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais